Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de
Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas
recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador OS CONTINENTES.
Así
pois, a partir dos materiais de MUNÍBAL propios do 3º trimestre, atoparedes unha
motivación extra para o traballo cotiá na casa. Para que esta rutina siga a
liña de traballo do 1º e do 2º trimestre, non esquezades que non se trata tanto
de facer todo á présa para rematar axiña, senón máis ben de todo o contrario; estes
materiais, convértense no alicerce excepcional co que poñer a proba a nosa atención,
comprensión e paciencia… non todo vale!
A partir
do caderno de actividades nº6 de
MUNÍBAL traballaremos diferentes elementos relacionados cos continentes:
o mapamundi, a localización xeográfica, a flora e fauna, civilizacións,
monumentos...
Sabiades que a Terra ten 6 continentes?... Europa, Asia, África,
América, Oceanía e Antártida.
En EUROPA viviron dende
a antigüidade os celtas, os gregos e os romanos. Neste continente destacan o
oso pardo, a águia, o lince e o cervo como as súas especies animais máis representativas.
Por ASIA viaxaron moitos
exploradores: Marco Polo -que narra nun libro as súas experiencias polo continente
asiático-, Zheng He -coñecido polas súas 7 expedicións navais- e
Valentina Tereshkova -primeira muller en viaxar ao espazo-.
Xa en ÁFRICA, ao tempo
que coñecemos distintas especies animais (león, rinoceronte, dromedario,
xirafa, gorila...) e vexetais (cactos, palmeiras, baobab...), achegarémonos á cultura
exipcia (faraóns, pirámides, esfinxes, escrita xeroglífica...).
En AMÉRICA, descubriremos
animais como o xaguar, o bisonte, a alpaca e o mapache. Tamén grandes
deportistas como a aviadora estadounidense Amelia Earhart, o piloto arxentino
Juan Manuel Fangio e o atleta xamaicano Usain Bolt coñecido polas súas proezas deportivas
como o “Raio Bolt”.
Finalmente, xa en OCEANÍA
e na ANTÁRTIDA, identificaremos animais como o canguro, o kiwi, o koala, o oso
mariño, o pingüín e a balea azul... que interesante!
Alén de todas estas aprendizaxes relacionadas propiamente
cos continentes, seguiremos avanzando noutros aspectos xa traballados ao longo
do curso: os ordinais do 1º ao 9º -en series ascendentes e descendentes-,
os números do 1 ao 10 -insistindo no seu trazado seguindo a direccionalidade
correcta-, o cálculo mental -con sumas e restas-, os corpos xeométricos
-presentes en obxectos da realidade-, as unidades naturais de medida -pé
e palmo-, grafomotricidade -trazos combinados: bucles ascendentes e
descendentes; semicirculares e verticais-, a comprensión de textos -contos,
poemas e historias-, a combinación
de técnicas plásticas -debuxo e pintura-...
Para que a proposta de actividades de “Los Increíbles
Mun” se converta nunha realidade rica e froitífera no proceso de ensinanza-aprendizaxe,
resulta importante que, unha vez explicada a actividade e
establecidas as consignas no seu proceso de execución, sexan os nenos e nenas
os encargados de organizar e planificar a actividade, traballando a comprensión,
a capacidade de planificación, a concentración, o silencio…
Familias, cómpre poñer todo da vosa parte, este tempo de
traballo cos nenos e nenas require adicación e unha actitude relaxada e libre
de tensións... Á N I M O!