Bienvenido

#ContaAtrásParaBrillar

lunes, 30 de marzo de 2020

Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador A LÓXICA-MATEMÁTICA.
A partir das rutinas da aula, desenvolvemos actividades en clave de lóxica, poñendo en xogo e mellorando diferentes habilidades propias do pensamento e razoamento matemático: momemto da asemblea, actividades de psicomotricidade, sesión de contacontos, rincón de lóxica-matemática...

Así, para reforzar, consolidar e/ou ampliar estas aprendizaxes, estes días na casa podemos empregar a lóxica-matemática para resolver problemas e situacións cotiás.
Sabiades que cos contos dos que falabamos a semana pasada podemos traballar a lóxica-matemática?... Podemos contar as palabras do título, sumar letras, segmentación en sílabas... empregando o conteo como estratexia na obtención dun dato numérico.
Ao tempo, podemos poñer a proba as nosas habilidades manipulativas desenvolvendo actividades de papiroflexia: un barquiño de papel, unha pajarita, un comecocos e descobrir que aparece baixo cada solapa... No papel, tomamos medidas, dobramos, facemos simetrías, decoramos con formas xeométricas de cores e tamaños variados... imaxinación e paciencia ao poder!
As matemáticas atópanse tamén na cociña, e unha receita convértese nun alicerce excepcional para traballar cantidades necesarias para a preparación: número, gramos, culleres..., mesmo podemos contar en xogos de mesa coma o parchís, a oca, o dominó tradicional, o Monopoly... soa xenial!
Alén disto, podemos desenvolver outras actividades máis formais como a identificación e trazado de números seguindo a direccionalidade correcta, recta numérica ascendente/descendente, maior que/menor que/igual, operacións de cálculo mental con sumas e restas, conceptos de cantidade (moito/pouco/igual/tanto coma...), topolóxicos (diante/detrás, enriba/debaixo, esquerda/dereita...), temporais (onte/hoxe/mañá, días da semana, meses do ano...), cantar cancións asociadas a números...
Uf!... manipular cantidades con obxectos e materiais, identificar cualidades, comparar, seriar, realizar operacións de correspondencia... facer agrupacións de elementos atendendo a un ou varios criterios... a lóxica-matemática gusta, así que... aproveitemos esa motivación estes días na casa!
Ah!... e continuade coa idea de escribir no diario. Apuntar nunha frase o propio dese día, agora parece pouca cousa, pero máis adiante gustaravos lelo... ánimo!

Familias, aberto sempre a posibles suxerencias, esta semana gustaríame rematar cun fragmento de “El Principito” que nestes días, alomenos para min, ten un significado especial: “Duele. Duele un montón. Pero va a pasar, y cuando sane, más alto vas a volar, más libre vas a soñar”.

#EstamosXuntosNisto

lunes, 23 de marzo de 2020


Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador O CONTO.
Indubidablemente, a nosa aula convértese nun verdadeiro entorno receptor alfabético, onde a lecto-escritura é unha aprendizaxe máis que construímos e reconstruímos a partir de distintas situacións cotiás.
Neste senso, a utilización dos contos como rutina de aula, sérvenos para crear un clima de festa que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe. Incluso ás veces, a partir destes, elaboramos xogos de creación literaria inventando historias ou imaxinando finais diferentes para contos xa coñecidos.
Así, existe un amplo abano de posibilidades de traballo a partir da lectura de contos, destacando entre outras, algunhas das seguintes:
  • Actividades lingüísticas: traballando de xeito sistemático a lectura en letra minúscula, creando un clima cálido, seguro, de proximidade física e afectiva onde equivocarse sexa un paso máis na aprendizaxe...
  • Actividades de comentar: facer preguntas para clarificar feitos, recoñecer no texto o nome dos protagonistas e outras palabras significativas, identificar as partes do conto (inicio-nó-desenlace), formular hipóteses que favorezan a imaxinación, a creatividade, o pensamento crítico...
  • Actividades de expresión plástica: recrear a escena e/ou personaxe preferido con recursos propios da expresión plástica (rotuladores, plastidecor36, témpera...) coidando os detalles: esquemas corporais elaborados, asociar unha cor a cada parte da composición...
  • Actividades de creación literaria: para o que vos recomendo empregar algunhas das técnicas aportadas por Gianni Rodari na súa obra Gramática de la Fantasía (1985): o conto sen final, o neno como protagonista, a ensalada de fábulas... etc
  • Actividades con medios informáticos: a partir das ferramentas web 2.0. como creAPPcuentos dispoñible para IOS e Android...
Alén disto, destacar unha vez máis as posibilidades que ofrecen as Tecnoloxías da Información e da Comunicación como fonte inesgotable de coñecemento. Nesta ocasión, propoño unha visita a Procomun, repositorio de recursos dixitais abertos (REA) do Ministerio de Educación e das distintas comunidades autónomas no que se compila material didáctico catalogado de xeito coherente co currículo de Educación Infantil. Mesmo a tv estes días convértese nunha valiosa ferramenta educativa. Boing lanza dende hoxe mesmo (23 de marzo) unha proposta centrada na aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Con Real Mom, programa presentado por Tania Llasera ás 13:25h., os nenos e nenas poderán aprender novas palabras en lingua estranxeira nas súas diferentes seccións: Let´s Play, Cooking with Tania, DIY (Do it Yourself) e Let´s Dance. Xa na nosa comunidade autónoma, TVG2 en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional tamén se suma a este tipo de iniciativas cunha programación especial de luns a venres, de 11:00h. a 13:00h..
           
Familias, aberto sempre a posibles suxerencias, non esquezades de aprender a ser máis fortes... Cando un se deixa levar, todo cambia, todo flúe, todo funciona... porque aínda quedan fadas de corazón puro que conceden desexos por sorpresa sen pedir nada a cambio...

#QuedaNaCasa

lunes, 16 de marzo de 2020


Dada a situación actual, e tendo en conta que o máis importante é que os nenos e nenas comprendan o que sucede e sobreleven este tempo de confinamento do mellor xeito posible, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, velaí van unhas recomendacións de traballo na casa para estes días. Neste senso, aclarar que non se trata de que os nenos e nenas fagan fichas similares ás que realizamos na escola, senón de aproveitar o potencial pedagóxico de situacións cotiás nas que traballar aspectos vencellados coa lecto-escritura, a lóxica-matemática, conceptos básicos... dende un enfoque lúdico, real e significativo.

En primeiro lugar, sabedores de que un lector non nace, faise, seguide transmitindo o valor da lectura como unha fonte de aproximación a novos coñecementos. Aproveitade este tempo para reforzar, afianzar e/ou introducir, grafemas a partir da cartilla de lectura de Letrilandia. Agora xa, os nenos e nenas poden avanzar no descubrimento de novos habitantes de O País das Letras, coa consabida identificación e recoñecemento de grafía e son correspondente. A partir de aí, pódense desenvolver actividades de escrita espontánea como anotar ingredientes e cantidades para unha receita, escribir unha carta ou un mail simulando a MUNÍBAL, PABLO e BERTA, ou mesmo un diario no que apuntar nunha frase o realizado, acompañando o texto dun debuxo: esquemas corporais completos, elementos no chan, no ceo... que dean á actividade unha visión de conxunto elaborada.

Ao tempo, non debemos esquecer o traballo da lóxica-matemática a partir da resolución de problemas da vida cotiá: identificación e trazado de números seguindo a direccionalidade correcta, recta numérica ascendente/descendente, maior que/menor que, operacións de cálculo mental básico...

Por outra banda, neste tempo os nenos e nenas non poden permanecer á marxe das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Así, e lonxe de aportar un listado de enlaces dentro das ferramentas web 2.0., destacar Educlan, unha ferramenta educativa para as familias durante o peche preventivo dos centros educativos, en funcionamento dende hoxe luns 16 de marzo. Trátase dun proxecto de rtve coordinado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional coa axuda de editoriais educativas. En Educlan as familias poderedes encontrar vídeos sobre as principais áreas curriculares: Ciencias Naturais e Sociais, Lengua, Lóxica e Matemáticas, Artística, Idiomas, Educación Física, Tecnoloxías ou Convivencia.
Alén disto, dentro dos propios recursos educativos do Portal Educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, podedes atopar o repositorio de contidos e actividades do Espazo Abalar con variadas actividades para alumnado de Educación Infantil; mesmo o noso blog de aula convértese nunha ferramenta ao servizo do proceso de ensinanza-aprendizaxe con enlaces de interese onde empregar as TICs como fonte de coñecemento, aprendizaxe e gozo.

Agardo vestir de novo o mandilón e vervos axiña, polo momento, familias, non esquezades estes días parar un pouco, ralentizarnos, pensar e imaxinar...

. . . N A V E G A R . . .

viernes, 6 de marzo de 2020


Estas semanas, a partir do conto “Muníbal el navegante”, estamos  descubrindo e valorando diferentes medios de comunicación e información.
Así, coñecemos que as persoas comunicámonos de moitas formas: falando, escribindo, mediante xestos, movementos...
O traballo sistemático dos mass media, permítenos corroborar que a principal forma de comunicarnos e expresarnos é a través do corpo. A través do corpo expresamos emocións, de aí que de cando en vez reservemos parte da xornada a mover o esquelete memorizando, cantando e mimando cancións que favorecen a comunicación vital libre non estereotipada.


Sabiades que medios podemos empregar cando nos queremos comunicar con alguén que está lonxe?... Cando nos queremos comunicar con alguén que está lonxe, podemos utilizar o teléfono, o correo postal e electrónico, a videochamada a través de APPs creadas para tal efecto...


Ao tempo, tamén podemos acceder á información a través de medios como a televisión, o xornal, a radio e mesmo Internet; de feito, actualmente a maior rede de información e comunicación que utilizamos é Internet.
Por outra banda, nun aula no que a organización dos tempos e espazos favorece progresivamente a continuidade entre Educación Infantil e Educación Primaria, non esquecemos o tempo de xogo libre e/ou semidirixido nos rincóns.
Neste senso, combinamos distintos momentos ao longo de cada xornada, pois nada ten que ver o ambiente cálido e acolledor que se crea no momento do traballo obrigatorio individual no que o silencio e concentración resultan fundamentais, co momento dos rincóns no que o balbordo resulta inevitable... que cambio!


Como saberedes, durante este curso presentáronse diferentes rincóns cos que xogamos aprendendo e aprendemos xogando: rincón de xogo simbólico, de biblioteca, de lóxica-matemática, de construcións, de expresión plástica... espazos de xogo e traballo para aprender a compartir, resolver positivamente conflitos cotiás, imaxinar e recrear situacións, construír...


Agora xa, na vindeira semana ultimaremos os derradeiros detalles do traballo impreso propio deste trimestre, e así adicar a recta final ao traballo da identificación e grafía dos habitantes de Letrilandia– O País das Letras que coñecemos durante este tempo... preparados!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!