Bienvenido

QUEN QUERE ATA AS ESTRELAS CHEGAR?...

viernes, 26 de abril de 2013

“Quen quere voar?... Quen quere ata as estrelas chegar?... Quen vai atopar o tesouro?...” con estas e outras preguntas recollidas nun pequeno poema, comezamos a xornada do martes 23 de abril, unha xornada na que conmemoramos o “Día do Libro 2013”.
Sabedes por que se celebra o “Día do Libro” cada 23 de abril?...
Para celebrar o “Día do Libro” escolleuse o 23 de abril por coincidir este día co falecemento de grandes escritores universais tales como: Miguel de Cervantes, Garcilaso de la Vega ou o mesmísimo William Shakespeare.
Aínda que non coñecemos as súas obras, o profe nos explicou que escribiron libros para maiores archicoñecidos en todo o mundo, tan importantes que foron traducidos a diversos idiomas para que a xente poida megullarse nas súas fascinantes historias.
Deste xeito, no ano 1995 a UNESCO promulgou o 23 de abril como “Día Internacional do Libro”, a pesar de que no caso concreto de España xa se viña celebrando dende o ano 1930.
Este día, un curso máis non pasou desapercibido na nosa clase, e dende primeiriña hora da mañá, na rutina da asemblea matinal, descubrimos que o “Equipo de Biblioteca” do cole nos deixara una agasallo en forma de libro.


Así, aos contos da nosa biblioteca de aula que traballamos ao longo deste curso que foron moitos e variados, engadimos un novo: Se eu fose un gato (OQO editora).
Se eu fose un gato é unha proposta divertida, a modo de xogo, que nos permitiu tomar conciencia da realidade (vivencias, emocións, necesidades...) do outro co obxectivo último de entendelo mellor.
SE EU FOSE UN GATO (OQO editora)
Unha vez desvelado o título do conto, nesta ocasión as hipótesis sobre o que se escondía no agasallo resultaron innecesarias, -estaba clarísimo, o agasallo era un conto-, conversamos acerca de cales eran os nosos contos preferidos decatándonos de todos os que coñecemos.
Deste xeito saíron, dende os contos de sempre, os contos de toda a vida como Caperucita Roja, Los 3 cerditos ou El patito feo, ata outros que ultimamente están acadando unha fama considerable nos máis pequenos entre os que atopamos os contos da Editorial Kalandaka con títulos como La casa de la mosca fosca ou A que sabe a lúa? ou mesmo a colección de Pepe Carreira da Editorial A Nosa Terra de Os Bolechas que nos proporcionan un sempre grato primeiro achegamento ao noso contorno físico, natural, social e cultural...


Asemade, tamén destacamos os contos da Colección Serie Azul da Editorial Vicens Vives cos que os derradeiros contacontos do curso nos están deixando sen palabras cos seus primeiros exercicios de prelectura. La vaca bailarina, Verónica el hada buena, Los osos toman el sol... fabulosos!
De todos é coñecido que os contos se convirten en aliados excepcionais nos procesos de ensinanza-aprendizaxe que levamos a cabo na aula. Os contos servennos para atoparnos cos problemas éticos fundamentais favorecendo a adquisición dun primeiro código moral ao mesmo tempo que reforzan virtudes e cualidades como o valor da amizade, a humildade, a exaltación da intelixencia e do enxeño...
Todas estas consideracións e apreciacións persoais, representámolas no tríptico que levamos para a casa no que se explicaban curiosidades acerca do “Día do Libro”, e no que se reservou un espazo para dar renda solta á nosa imaxinación. Deste xeito, cada un de nós, logo da realización do traballo establecido para ese día -a piques xa de rematar o libro número 6 de Pascuala- tivemos que debuxar os nosos personaxes de contos favoritos: princesas, alieníxenas doutra galaxia, vacas e polbos con extraordinarios súper-poderes... estupendos!



Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

SÚPER-HEROES EN ACCIÓN!!!

viernes, 19 de abril de 2013

Por si aínda non o sabiades, o mércores tivemos na nosa aula unha visita moi especial, pois nada máis e nada menos que viñeron… os bombeiros!... Tranquiiilos, que non había lume no cole, nin moito menos, recibimos esta visita para achegarnos ao día a día do seu traballo cotiá: lugar de traballo, instrumentos que empregan, funcións… ao tempo que aprendimos e vivenciamos unhas nocións básicas de seguridade no caso de incendio.
Deste xeito, xa na asemblea matinal, no momento da lectura da frase diaria na que cada día se agocha algo a ter en conta durante a xornada, o profe nos deu algunha pista do que sucedería xusto antes do patio. Así limos, desta vez en castelán: 
“HOY TENDREMOS EN EL AULA UNA VISITA SÚPER-ESPECIAL”
Bueno, sabedes que non se nos escapa nada, e por iso, rapidamente este segredo foi desvelado por varios compañeiros e compañeiras que, no momento da entrada ao cole, viran os bombeiros, incluso algún deles asegurou que tamén vira o camión dos bombeiros…
Antes da visita, conversamos brevemente acerca do traballo cotiá que realizan os bombeiros, quedando claro que os bombeiros teñen outras moitas funcións ademais de apagar incendios.
No momento da visita, non perdimos detalle de todo o que nos explicou o bombeiro “xefe”… estaba entregado!
Así pois, que hai que facer en caso de que haxa lume na escola?... Estar caladiños, facer máis caso que nunca aos profes e… tocar a porta!
Si, si… tocar a porta para comprobar si está quente ou fría. E no caso de que esté quente, saír agachados como si foramos os ananiños de Blancanieves.
Asemade, o bombeiro “xefe” explicounos cal é o número ao que hai que chamar en caso de emerxencia, o “112”.
Coas ideas claras, fixemos un pequeno simulacro para comprobar se comprenderamos todo o explicado durante a sesión.
Seguimos un a un todos os pasos: gardamos silenzo, tocamos a porta para comprobar si estaba quente ou fría, fixemos unha fila en orde, agachámonos como ananiños e fixémoslle máis caso que nunca ao profe… lección aprendida e todos sans e salvos!
Como agasallo polo excelente traballo realizado… carné de bombeiro para a casa!...
Pero aínda tocaba o máis interesante, xa que os bombeiros deixáronnos poñer os seus cascos de súper-heroes… como pesaban!


Xa durante o resto da semana, o cúmulo de experiencias que deixou esta visita, converteuse en inspiración de diversas actividades de ensinanza-aprendizaxe: torbeliños de ideas, historias disparatadas “de lume” e incendios de varios dos nosos compañeiros… E por suposto, os nosos debuxos nos que plasmamos a nosa visión sobre todo o aprendido acerca do mundo dos bombeiros… non lles faltan detalle!


Así que xa o sabedes, no caso de incendio…
  • Permanece tranquilo e mantén a calma.
  • Ao saír pecha portas e ventás.
  • Sae do edificio andando, sen correr polas escaleiras.
  • Se prende lume na tixola, ponlle enriba unha tapadeira, non lle votes auga.
  • E se non podes avisar a ningún adulto, chama ao 112.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

UN MUNDO DE MARABILLAS.

viernes, 12 de abril de 2013

Non deixamos as nosas prácticas diarias e esta semana comezamos a traballar uns novos “Bits de Inteligencia”, nesta ocasión vencellados co mundo da arquitectura.
Os “Bits de Inteligencia”, resultan de gran utilidade para estimular o cerebro, a aprendizaxe e a memoria dos nenos e nenas, axudando a adquirir novos coñecementos, a desenvolver e ampliar a linguaxe, o hábito e a capacidade de atención, a memoria visual e auditiva, a fomentar a curiosidade e o interese... e xa o curso pasado convertíronse nuns recursos didácticos excepcionais cos que aprendemos, entre outras cousas: os planetas do Sistema Solar, descubrimos as características dalgúns animais e do conxunto instrumental escolar, tamén algunhas obras pictóricas de artistas archi-coñecidos...
Con esta rutina, descubrimos construcións arquitectónicas representativas do mundo que se atopan en lugares tan dispares tales como China, París, México ou na mesma India, axudando deste xeito a contribuir ao desenvolvemento da competencia no coñecemento e interacción co mundo físico establecida pola UNESCO.


Esta nova rutina, supón coñecer, comprender, apreciar e valorar criticamente diferentes manifestacións culturais e artítisticas que promoven un xuízo crítico e creativo da realidade que se amosa. Ademais, día a día, aprenderemos un pouquiño máis de cada construción arquitectónica: lugar no que se atopa, características máis salientables... e todo aquilo que nos amose un coñecemento o máis exhaustivo posible das 7 construcións seleccionadas. Non se nos escapa unha!!!

- TAJ MAHAL -
- TORRE EIFFEL -
- MUSEO GUGGENHEIM -

- PIRÁMIDE DE KUKULKÁN -
- LA ALHAMBRA -
 Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

UNHA SEREÍÑA OLÍMPICA.

viernes, 5 de abril de 2013


Sabedes que antes das vacacións celebramos no cole a Semana da Prensa?... Pois si, e no noso cole esta actividade conmemorativa recollida no calendario escolar non pasou desapercibida, organizándose distintas actividades nas que redescubrimos aspectos vencellados con este medio de comunicación social.
Así pois, está a piques de publicarse no cole un novo número do xornal “Voces Rianxeiras”
Tendo en conta todas as clases do cole, decidiuse organizar o traballo por seccións: deportes, cultura, sociedade, pasatempos… No noso caso, este curso tocounos a sección de deportes, unha sección na que quen máis e quen menos xa é un pequeno-gran experto.
Así, nas asembleas matinais introducimos o xornal chegando a conclusións tales como que se trata “dunha revista que len os maiores, na que só aparecen letras e fotografías negras”... interesantes conclusións, non si?...
Asemade, nestas asembleas tamén fixemos unha pequena aproximación ao traballo cotiá das persoas que cada día elaboran os xornais e fan posible que dende primeiriña hora da mañá os maiores poidan coñecer as novas do día a día… os xornalistas!
Deste xeito, convertímonos nuns intrépidos xornalistas e todos e todas matinamos nunha nova de interese xeral sobre o mundo deportivo… A ver, a ver… que deportes coñecemos?... Fútbol, baloncesto, tennis, carreiras de coches e de cabalos, golf… e ata o baseball,… menuda, case nada!
Xa centrando máis a atención no cometido que tiñamos que elaborar a modo de achega para o xornal do cole, decidimos descubrir e coñecer un pouquiño a Mireia Belmonte… Como, que non sabedes quen é?...


Mireia Belmonte é nadadora profesional e participou nos Xogos Olímpicos de Pekín 2008 e Londres 2012. É campiona mundial, europea e dobre subcampiona olímpica.
Antes de elaborar a nova para o xornal, vimos vídeos de Mireia Belmonte no ordenador nadando, competindo e entrenando moooi duramente para poder gañar as carreiras de natación nas que participa.
A partir desta actividade, fixemos un torbeliño de ideas no que escribimos palabras vencelladas con esta fantástica sereíña olímpica, con palabras tales como: “MEDALLA”, “PISCINA”, "CAMPIONA", “CARREIRA”, “BARCELONA”… rexistrando todos estes datos nun pequeno mural no que ademais pegamos 3 fotografías de Mireia Belmonte.


Por outra banda, e como premio a un comportamento e traballo cotiá extra-xenial, debuxamos nun folio de cor azul a Mireia, naquela situación que máis nos impactou a cada un de nós: Mireia nadadora, Mireia coa medalla e coa copa de gañadora, Mireia na piscina co traxe de baño… e ata Mireia coa bandeira de España…


E por suposto, co gorro e as gafas da sorte do profe, nadamos en estilos variados pola clase, ata simulamos tirarnos de cabeza nunha piscina imaxinaria como uns auténticos campións olímpicos… divertidíiisimo!


Con esta entrada e esta nova para o xornal do cole, tentamos rendir unha homenaxe a todos aqueles nenos, e non tan nenos, que cada día se erguen cedo, moooi cedo para entrenar no seu clube e meterse nunha piscina, a todas aquelas persoas que sacrifican pequenas-grandes cousas do seu día a día polo apaixoante mundo do deporte de competición… e non esquezades nunca… “o posible conséguese, e o imposible inténtase sempre!”


FELICIDADES MIREIA!

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!