Bienvenido

VAIA TROULA!

viernes, 28 de febrero de 2014

Esta semana, comezamos coas antroidadas encomendadas por un Toribiño e por unha Toribiña dispostos nos corredores do pavillón norte e sur que trouxeron consigo máis ganas de troula que nunca. 
Como sabedes, o Toribiño e a Toribiña sons uns esqueletes que, cada curso visitan o colexio cun cometido: día a día encárganse de comunicar cal é a consigna establecida, en canto a indumentaria se refire, que debemos levar o próximo día ao colexio.
Así pois, para este curso estableceron as seguintes consignas, prestade atención...
O LUNS, se queres ver o Entroido de frente, terás que traer calzado diferente.
O MARTES, se queres que xiren os teus pés, trae unha prenda do revés.
O MÉRCORES disfrazados peza a peza, trae algo na cabeza.
O XOVES, despois de tantos piperetes vimos cuns coloretes.
Desta maneira, día a día acudimos ao cole con todos estes aderezos que fixeron que o xoves, despois de tanta volta e reviravolta, remataramos feitos unhs auténticos antroidos de primeira... estabamos ben simpáticos!


A actividade dos mandados do antroido, convértese nunha actividade motivadora que nos permite observar e identificar algúns dos elementos máis representativos desta celebración tales como os antifaces, as carautas e, por suposto, os disfraces.
Neste senso, e ata o venres, día da semana no que poderiamos disfrazarnos daquilo que máis nos guste, participamos en diferentes actividades cuxo eixo motivador era o antroido. Entre elas, destacar a recreación do antifaz de ARIS ao que lle tivemos que debuxar e pintar o pelo imitando a serie cromática que caracteriza á nosa mascota de aula. A primeira vista, parecía unha actividade sinxela, pero nada diso e algún de nós suou máis do que debera por iso de querer ser, a toda costa, os primeiros en rematar... non si?...
Entusiasmados, o xoves, como preludio á festa que se tiña organizada para o venres, levamos para as nosas casas os antifaces de ARIS... fantástico!


E tras todas estas actividades, por fin chegou o tan ansiado venres, o día no que cada un de nós se disfrazou daquilo que lle gustaría ser dando renda solta aos nosos desexos e imaxinación.
Había disfraces de todo tipo e para todos os gustos... sempre sensacionais cada un no seu estilo!


O día de hoxe, era un día diferente, un día de troula no que non había espazo para tempo de traballo en mesa, hoxe de fichas... nin falar!... unicamente reservamos un chisquiño de tempo a primeira hora da xornada para debuxar o noso disfraz. Velaí os resultados...

- SÚPER-HEROES -

- OFICIOS E PROFESIÓNS -

- DEBUXOS ANIMADOS -

- PAÍSES -
Asemade, a rutina da merenda tamén resultou especial, e para iso, o profe dispuxo na mesa grande todos os postres de antroido que trouxemos: roscas, freixós, orellas... mmm, non estaban deliciosos, nooon, estaban para chuparse os dedos!...


Finalmente, e logo da rutina da merenda, baixamos ás pistas dos maiores para ver os disfraces do resto de nenos e nenas do cole. E claro, unha vez colocada cada clase no espazo destinado para tal fin, quen faltaba?... A chuvia!!... Así que, máis rápido do que nos houbera gustado, desfilamos ao son da música... que magoa!, pero xa na clase na Pizarra Dixital Interactiva (PDI), seguimos disfrutando ao ritmo dos éxitos do “Just Dance 2014... uf!, que toneladas de enerxía concentrada!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

A PRAZA DO CASTELO.

viernes, 21 de febrero de 2014

Durante estas semanas, a través do conto motivador da unidade “Susto no mercado”, traballamos a Idade Media; unha época que nos serviu para descubrir e coñecer como eran os castelos e as cidades, como vivían as persoas, quen eran e que facían os cabaleiros, como eran as rúas e as tendas, as cidades cos seus mercados...
Para comezar, e coñecedores das repercusións na estimulación do cerebro, da aprendizaxe e da memoria dos “Bits de Intelixencia”, de novo convertíronse nun recurso didáctico excepcional que propiciaron un primeiro achegamento á época medieval.


Na Idade Media o centro da vida era o castelo que se construía nun lugar alto como medida de protección ao ser lugares de fácil defensa e difícil ataque. O señor e a súa dama eran os donos do castelo e de todas as terras que hai arredor.


Este descubrimento, axiña o extrapolamos ao castelo do País das Letras que semana a semana enchemos cos seus personaxes. Esta semana, non podia ser outro que o porteiro LL, o habitante encargado de pechar e abrir as cincuenta portas do castelo onde viven o rei U e a raíña A xunto cos seus fillos.


Nos castelos medievais vivía moita xente, o señor e toda a súa familia, ferreiros, carpinteiros, cociñeiros, criados... e estaban constituídos por diferentes partes.
A torre da homenaxe onde viven o señor e a súa familia, estaba formado pola adega, os almacéns e cociña, a sala de lecturas, o gran salón, os dormitorios e as ameas onde vixiaban os cabaleiros de posibles ataques.













En ocasións especiais, no castelo dábase un banquete onde os bufóns e os xograres entretiñan, respectivamente, con xogos e contos e con cancións e historias.


Arredor do castelo estaban a aldea e as terras que traballaban os campesiños onde cultivaban trigo e centeo que recollían a man.
Do mesmo xeito, o centro da vida da cidade era o mercado onde o ferreiro, o panadeiro, o vendedor de especias, o artesán, o queixeiro, o perfumista... vendían os seus produtos.


Todos estes descubrimentos, acadámolos tras a realización de diferentes actividades de aprendizaxe no libro de ARIS ao tempo que no rincón de biblioteca percorriamos os pasadizos segredos e os corredores dos castelos que se ilustraban nos libros de información aportados por ROI e FROILÁN sobre a época medieval e a vida nos castelos.


Pero sen lugar a dúbidas, os personaxes medievais que suscitaron maior interese foron os cabaleiros que, vestidos con armaduras moi pesadas, loitaban coma auténticos guerreiros contra os inimigos da época.

































Como peza fundamental dos cabaleiros, coñecimos a armadura que se empregaba para protexer o corpo nos combates, torneos ou adestramentos composta polo escudo, o helmo e a túnica.


Todos estes coñecementos adquiridos a través da proposta de traballo desenvolta durante estas semanas, quedaron plasmados en diferentes actividades impresas nas que non podían faltar os debuxos libres e sen modelo sobre a Idade Media. Uns debuxos onde os cabaleiros e os dragóns máis feroces ocupan un lugar indispensable... canta imaxinación!















Por outra banda, a proposta de traballo desta unidade de programación, asemade encamiñouse a profundar nos coñecementos que xa temos sobre a rúa e as tendas, as normas de seguridade viaria e as características e utilidades dos diferentes comercios, valorando a utilidade dos diferentes tipos de comercios e dos lugares de lecer e tempo libre: biblioteca, cine, teatro, polideportivo...
Esta situación, serviunos para conversar acerca do comportamento que debemos ter en espazos públicos: debemos camiñar polas rúas da man dun adulto, sempre se debe cruzar a rúa polo paso de cebra ou paso de peóns respectando o semáforo e mirando a ambos os dous lados da rúa para evitar accidentes...
Tamén a través da obra de arte de Camille Pissarro “Festa pública en setembro, Pontoise”, tratamos de establecer as diferenzas entre a aldea e a cidade, recreando o conto da unidade no que se narra a aventura de ARIS nun mercado medieval no que coñece ao perfumista Rodrigo e ao seu mono Horacio.


Agora xa, esta semana, comezan as antroidadas da man dun Toribiño que trae máis ganas de troula que nunca... estades preparados?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

DE CORES E DE AMORES.

viernes, 14 de febrero de 2014

Con máis bolboretas no estómago que nunca, esta semana, tentaremos facervos partícipes de todo o que deu de si durante estes días o binomio “amor-novios”. Foi tal a sensación que causou, que quedou presente nas nosas conversas cotiás dende a celebración do “Día da Paz”.
Así pois, a principio do mes de febreiro, e dado o interese que suscita este sentimento, especialmente en 5 anos, realizamos un primeiro achegamento a esta emoción a partir da celebración do “Día da Candeloria”.
A CANDELORIA é unha festa relixiosa que se celebra o día 2 de febreiro.  Consiste  na bendición  das candeas que despois serán utilizadas na celebración da Semana Santa. Ademais, esta festa é considerada coma un preludio da chegada da PRIMAVERA, dicíase que era a época do casamento dos PAXARIÑOS.
Evidentemente, e como non podia ser doutro xeito, de todas estas aprendizaxes deixamos testemuña nunha actividade impresa na que a través da escrita real e contextualizada de palabras, seguimos progresando no proceso de lecto-escritura en letra enlazada minúscula. Asemade, aproveitamos para recrear uns paxariños namorados, moooi namorados, rodeados de corazóns de cores e de amores.













Pero... Casamento? Paxariños?... que é necesario para poder casar?... Pois claro, ademais de ser maiores é necesario estar... namorado!
As conversas suscitadas a partir desta emoción-sentimento foron moitas e sempre interesantes. Tema, por outra banda un tanto controvertido e polémico xa que moitos non estaban correspondidos e máis dun recibiu as súas primeiras “cabazas” por parte do seu namorado ou namorada, por iso acordamos falar máis que de “mozos” de “amigos especiais”.
Xa hoxe, o venres, por fin chegou o día, o “Día de San Valentín”… siii! Un día no que demos renda solta a todo o amor que colle no noso corpo, un amor adicado -amigos e amigas especiais a parte- indiscutiblemente ás nosas familias.
Deste xeito, a primeirísima hora da mañá, nervioso, e tan pronto entrar na aula, LUIS MIGUEL agasallou a DANIELA cunha flor de saboroso chocolate. Esta situación inesperada, resultou fantástica e moi tenra, pois a vergoña por ambas partes era máis que evidente.
O máis destacable desta situación foi a actitude de varios compañeiros, poderíamos falar de “celos”, “primeiros amores non correspondidos”?... DANIELA é toda unha rompecorazóns!!


Ademais, o profe explicounos a orixe deste día remontándonos aos seus antedecentes históricos na Roma do século III, época na que estaba prohibido o matrimonio entre soldados porque se cría que os homes solteiros tiñan moita máis forza nas guerras.
Neste contexto, xurde a figura de San Valentín, un sacerdote que decide casar en segredo ás parellas que estaban namoradas e cando o descobren, encarcélano e mátano un 14 de febreiro.
Tamén coloreamos con cera plástica, picamos e decoramos con purpurina de cor vermella, un corazón ao que lle pegamos unha piruleta de amorodo na parte central coa que agasallar á nosa familia... iso dos novios e novias deixámolo máis para diante... aínda temos tempo dabondo!










Finalmente, na rutina da actividade do préstamo semanal de biblioteca, RODRIGO, o contacontos semanal, non puido escoller un conto mellor: De cores e de amores (Edit. Galaxia). Unha obra coa que descubrimos unha gran forza que goberna o mundo: o amor. Das cores do amor, e de amores de todas as cores, fala este conto de Xabier P. Docampo e Xosé Cobas.
De cores e de amores. (Edit. Galaxia)
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!