Logo
do parón do antroido, voltamos de novo á rutina da escola decatándonos que os
fundamentos matemáticos están máis que presentes nas nosas vidas dende idades
temperás, especialmente si temos en conta un aula como a nosa na que a lóxica e
as matemáticas impregnan gran parte das actividades que realizamos cada día.
Neste
senso, a partir das rutinas da aula, desenvolvemos actividades en clave de
lóxica, poñendo en xogo e mellorando diferentes habilidades propias do
pensamento e razoamento matemático.
Así
pois, nas RUTINAS DA ASEMBLEA: a través
da resposta a preguntas tales como: cantos faltan?, cantos somos en total?,
cantos días fixo sol?..., iniciámonos no uso convencional dos números como
estratexia de conteo, de formación de conxuntos e de rexistro de feitos.
Tamén
na escritura da DATA: traballamos o
anterior e posterior entre números no calendario, formación de conxuntos e
identificación de numerais.
Nas
ACTIVIDADES DE PSICOMOTRICIDADE: coñecemos as posibilidades e
limitacións do corpo e do contorno próximo, realizando unha estruturación da
noción de espazo e de diversos conceptos xeométricos.
Logo
do patio, as actividades de relaxación coa “Hora de Ler” e a SESIÓN DE CONTACONTOS: traballamos a
sucesión de acontecementos, utilización de cuantificadores para describir
características de personaxes, lugares, situacións...
Asemade,
entre os rincóns que organizan o espazo da aula contamos co RINCÓN DE LÓXICA-MATEMÁTICA: un espazo
que nos permite desenvolver un traballo construtivo a partir do uso
contextualizado de distintos recursos didácticos: figuras de volume, pezas de
construción... e axiña tamén, puzzles de maiores!
Neste
senso, cabe destacar ademais o emprego de material estruturado como elemento
motivador para o traballo da lóxica-matemática como as regretas Cuisenaire, o
tangram ou os bloques lóxicos.
Os
bloques lóxicos de Dienes son 48 pezas pintadas das cores primarias (amarela,
azul, vermella): triángulos, cadrados, círculos e rectángulos de diferentes
tamaños (grandes e pequenas) e con distintos espesores (grosas e delgadas).
Xa
de xeito máis guiado nas asembleas, a partir do uso deste material, descubrimos
e identificamos figuras xeométricas en elementos da realidade (círculo,
cadrado, triángulo, rectángulo...), recoñecemos aspectos xeométricos (liña,
punto, lados, formas...), explorando ludicamente as propiedades e
características destes... fantástico!
Xogamos
aprendendo e aprendemos xogando, iniciándonos no desenvolvemento da competencia matemática establecida pola
UNESCO, ao tempo que construímos a intelixencia
lóxico-matemática de Howard Gardner... que interesantes as matemáticas!
Un saúdo e non
esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!