Bienvenido

TOC, TOC! QUERES PASAR?

viernes, 28 de noviembre de 2014

Logo dun Halloween-Samaín escalofriantemente divertido e dun magosto sensacional, proseguimos na nosa aprendizaxe mergullados, antes da inminente chegada do Nadal, no traballo do centro de interese da casa-familia.

Comezamos coa lectura do conto da unidade titulado: “A chave dos bicos”; unha historia coa que descubrimos que en Nubaris os obxectos cobran vida e que tanto as dependencias dunha casa nubari como as accións que nela se desenvolven son perfectamente recoñecibles en situacións das nosas vidas.

Asemade, ao inicio de cada centro de interese, as asembleas matinais convertiranse nuns excelentes aliados á hora de detectar cales son os nosos coñecementos previos sobre o tema obxecto de traballo.
Deste xeito, e aproveitando estes coñecementos previos sobre o centro de interese da casa, centrámonos no recoñecemento e identificación das dependencias, espazos e obxectos propios dunha casa.


Pero… vivimos todos e todas nunha casa?... Nooon! Hai nenos e nenas que viven en pisos e outros nenos e nenas que viven en casas.
E... todas as persoas vivimos en casas ou en pisos?... Uf!, isto si que resultou máis complicado, achegándonos progresivamente a distintos tipos de construcións existentes xa en realidades lonxanas á nosa.
Para isto, e coñecedores das repercusións na estimulación do cerebro, da aprendizaxe e da memoria dos “Bits de Intelixencia”, comezamos a traballar con estes materiais convertíndose nun recurso didáctico excepcional que propiciaron un primeiro achegamento a diferentes tipos de vivendas tales como os rañaceos de Nova York, as casas colgantes de Cuenca e mesmo as casas flotantes de Amsterdam... que interesante!













O uso sistemático destas láminas, propiciou a observación e identificación dalgúns elementos representativos destas construcións: teñen tellado, chan, paredes, ventás, balcóns, portas…, aprendimos que están construídas de ladrillos, tellas, cristal, madeira… e, sobre todo, que cada dependencia emprégase para algo diferente: durmir, comer, descansar...
Por outra banda, e no tocante ao traballo do centro de interese da familia, falamos dos membros que compoñen as nosas unidades familiares, en que traballan, que cousas fai mamá e papá na casa... ocupando un lugar destacable nestas conversas dirixidas as nosas mascotas.
Para iso, apoiámonos nunha actividade que propiciou sempre un grato encontro entre familia-escola, consistente na decoración -con foto incluída- dunha casiña troquelada a partir do uso de diferentes elementos, materiais e técnicas da linguaxe plástica. Unhas incipientes obras de arte que serviron como elemento decorativo para o corcho frontal da aula.
Neste senso, o rincón de xogo simbólico (“rincón da cocinita”), convírtese nun espazo de aprendizaxe privilexiado ao proporcionar situacións nas que actuamos, planificamos e tomamos a iniciativa en distintas tarefas relacionadas coa vida en familia: imos á compra no súper, coidamos dos bebés, poñemos a mesa e facemos a comida… distintas situacións nas que asumimos os roles sociais dos membros da familia favorecendo a construción da identidade persoal.
Durante estes días, ademais, incorporamos unha nova compañeira de xogo. Siii..., é NUBA!, pero é unha NUBA diferente, unha NUBA especial... unha NUBA enooorme!!...
Con ela xogamos na cocinita e no súper...


Tamén nos convertimos en perruqueiros e médicos...


E traballamos como auténticos súper-maiores nas actividades que forman parte do segundo libro cuxo eixo é o corpo humano... case nada!!


Ah!... todo isto sen esquecernos de que NUBA, iniciou a semana pasada o seu roteiro por Rianxo. E para comezar, NICOLÁS e a súa familia, foron os primeiros anfitrións para NUBA, cantos sitios visitou, non parou!...


Para iso, os días previos ao inicio desta rutina que se desenvolverá de martes a martes, participamos activamente na recreación das páxinas que dan inicio a este roteiro no que NUBA se convertirá na nosa convidada especial.
Trazamos as nosas primeiras grafías a partir da escrita de palabras reais e contextualizadas, recreamos o país de NUBARIS, pegamos fotografías, debuxamos..., e botamos purpurina, moooita purpurina... quedou chulísimo!


Agora xa, a partir da vindeira semana, comezaremos a disfrutar das modificacións que se producirán na escola, e particularmente na nosa aula, coa chegada do Nadal. Seguide moi atentos ao noso blogue, isto non fai máis que comezar e... contamos convosco... familias!!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

CiEnCiA kIdS!...

viernes, 21 de noviembre de 2014

Sabedores das repercusións da apertura ao contorno no noso desenvolvemento integral, hoxe desenlvovimos a nosa primeira saída da escola... foi algo estupendo!
O certo é que os días previos, o profe xa nos anunciara que o venres, día no que lle poríamos o casco do espacio ao coelliño de cor vermella, asistiriamos ao Auditorio Municipal de Rianxo, ese edifício que se atopa onda o parque da ribeira, o parque que ten un barco pirata... sabedes?...
Pois ben, por fin chegou o día e moi nerviosos, desenvolvimos como se dun día máis se tratase a asemblea matinal.
Así pois, MICAELA levou a cabo unha a unha as rutinas cotiás establecidas para este momento da xornada: fichaxe de ausencias e presencias, constatación do tempo atmosférico -hoxe por fin nin nubes nin choiva... hoxe sol!-, escribimos a data, o nome da súper-encargada... etc... xa asoman as primeiras grafias recoñecibles nalgúns nomes... estupendo!...
Posteriormente, iniciamos unha conversa guiada acerca do mar e dos elementos que se agochan no fondo mariño. Entre todos e todas apuntamos unha gran variedade de especies: peixes, cangrexos, estrelas de mar, golfiños e... tabeiróns, estes por suposto non podían faltar!...


Posteriormente, achegámonos ao mexillón, unha das especies mariñas que se dan no noso contorno cotiá. Así pois, constatamos a cor da súa cuncha, a necesidade de quitarlle a cuncha para poder saborealos, a cor laranxa da súa exquisita carne, tamén descubrimos o lugar onde se crían: as bateas...
Tras este torbeliño de ideas, puxemos as nosas prendas de abrigo e dirixímonos ao auditorio.
Amodiño, moi amodiño transcurrimos polas rúas da nosa vila agarrados das ás de bolboreta da corda de paseo que, nesta ocasión era de cor azul.



Xa no auditorio, agardábannos unha profes, algunha con mandilón de cor branca coma o do profe. Pero... eran profes?... Nooon, eran científicas!...


De xeito organizado, onda os nosos amiguiños e amiguiñas de 3 ANOS A, rotamos polas 3 estacións, nas que se desenvolvían diferentes obradoiros.
No primeiro deles, coñecimos algunhas das especies que existen no fondo mariño: tartaturgas, cangrexos, polbos... e ata un tabeirón! Si, si... nun frasco de cristal entre un líquido transparente atopabase un tabeirón pequeno… quedamos sen palabras!


Alí tocamos, ulimos, experimentamos... algunhas das propiedades e cualidades físicas destas e outras especies mariñas... e ata escoitamos o rumor das ondas do mar nunha enorme caracola... fantástico!


Xa no segundo obradoiro, descubrimos e identificamos algunhas das propiedades da auga a través de diferentes experimentos nos que, convertidos agora si que si en todos uns científicos con gafas de súper-científicos incluídas, misturamos aceite cun líquido de cor azul, verificando coma o aceite quedaba na parte superior... e mira que remeximos!...










Finalmente, no terceiro e derradeiro obradoiro, centrámonos no mexillón e, moi especialmente no plancton, que é do que se alimenta este molusco.


Como era de agardar, as relacións con Bob Esponja non tardaron en aparecer e, coma o plancton é tan tan pequerrecho que apenas se pode ver, unha científica ensinounos un microscopio no que ollamos como este se movía dun lado para o outro sen parar...


Xa de volta na clase, o cúmulo de situacións vividas propiciou a constatación de diversos descubrimentos e aprendizaxes, especialmente no referido á adquisición de actitudes positivas cara a conservación e coidado do contorno natural, especialmente no referido ao fondo mariño.
Sen dúbidas, un día repleto de aprendizaxes que non fan senón contribuir á comprensión do noso pequeno-gran mundo…


Agora a seguir traballando que o 1º trimestre emprende a súa recta final e moi pronto comezaremos a vivir un dos momentos nos que ata os máis maiores voltarán a ser de novo nenos e nenas… o Nadal!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

CATARINA E CATUXA.

viernes, 14 de noviembre de 2014

Hoxe venres, puxemos o colofón final a uns días de intenso traballo que nos serviron para achegarnos progresivamente aos cambios que trae consigo a estación do outono. 

Así pois, se nos mergullabamos na celebración do Halloween-Samaín da man da pantasma Enrique e da pantasma Hu, nesta ocasión, as castañas CATARINA e CATUXA, seviron de alicerces para achegarnos á observación, descubrimento e identificación dalgúns dos cambios e características que se producen no contorno e na vida das persoas coa chegada do outono.

Deste xeito, ao longo destes días, nas asembleas matinais fomos presentando as creacións artísticas elaboradas coa axuda das nosas familias a partir de elementos característicos do outono. Bolboretas con follas e castañas, ourizos e mouchos con piñas, mini-bosques de outono… e, mesmo varias cestas con froitos típicos... parecían da mesma Carapuchiña Vermella!...



Esta actividade posibilitou coñecer e identificar de primeira man algúns froitos do outono; dende os máis representativos como as castañas, as noces ou as abelás, ata outros menos coñecidos, como as granadas ou os caquis.
Sen dúbida, quedou un “museo do outono” espectacular ao que acudimos a visitar coas nosas familias na xornada de portas abertas que se organizou o xoves pola tarde... canta xente había!












Asemade, e traballando, como non podía ser doutro xeito, como elemento representativo do outono as follas das árbores, con pincel e témpera pintamos cadansúa folla do outono de cor marrón, amarela, vermella e laranxa... e é que claro, as follas do outono non son todas marrón!...


Ilusionados e expectantes no momento no que decoramos o noso corcho do corredor no que puxemos xa a unha NUBA vestida co seu chuvasqueiro e coas botas de auga, insistindo na necesidade de abrigo nesta época.


Por outra banda, e no que á celebración do magosto se refire, o desenvolvemento das actividades modificouse debido ás inclemencias meteorolóxicas do tempo... unha mágoa! Independientemente deste feito, para nós resultou un día de festa e un magosto divertidísimo no que, ataviados coa coroa na que os días previos pintamos á castaña CATARINA, participamos nos 3 xogos cuxo eixo motivador foi o outono.


En primeiro lugar, participamos no xogo da “culler-castaña”, amodiño para que a castaña non caese ao chan... que complicado!












Xa logo, na aula de psicomotricidade clasificamos en cadansúa bandeira os froitos característicos de España, Canadá e Xapón, situación que propiciou o traballo transversal da proposta surxida polo “Equipo de Biblioteca”.












E para rematar... encestamos castañas no xogo por excelencia de cada magosto... o “tragacastañas”!...


Mentres participabamos nos 3 xogos organizados, un cheiro a castaña asada lembrábanos que as castañas estaban casi listas e preparadas para comer: luuumeee, no cole había luuumeee!!! Estupefactos comprobamos como os profes asaban as castañas... resultou algo incrible!


Xa de volta á clase, degustamos as castañas nos cestiños da castaña CATUXA. E... uf!, senón resultase tan complicado sacarlles a cáscara ás castañas, de seguro non deixariamos ningunha!... mmm, deliciosas!...













Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!