Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de
Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas
recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador A EXPRESIÓN
CORPORAL.
Indubidablemente, a expresión artística convértese nunha linguaxe
con numerosas posibilidades de comunicación. Deste xeito, os elementos,
materiais, soportes e técnicas que emprega, permiten a realización de múltiples
actividades que potencian o pensamento crítico, o respecto e aceptación dun
mesmo e dos demais, a capacidade de observación, análise e representación...
Así, como unha das actividades propias desta linguaxe,
está a integración do esquema corporal, posibilitando o descubrimento das
posibilidades e limitacións de acción e expresión que ofrece o propio corpo. Neste
senso, podemos desenvolver moitas e moi variadas actividades que toman o corpo
como recurso principal: representacións individuais de personaxes animados,
exercicios de imitación, adiviñas, xogos de mímica/pantomima... Imitar un personaxe
ou animal para que o outro o adiviñe, interpretar accións cotiás (durmir,
comer, hábitos de hixiene e autonomía: lavar os dentes, peitearse, vestirse/espirse...),
representar o noso deporte favorito...
Tamén a representación de historias creadas e/ou
inventadas convértese nunha fonte inesgotable de traballo da expresión
corporal que pon en xogo distintos elementos relacionados: disfraces, maquillaxes,
máscaras, títeres... Coidade para este traballo o uso de contos, cancións, poemas...
que posibilitarán un achegamento gozoso coa expresión rítmico-musical-corporal.
Resulta doado crear un títere ou marioneta a
partir de materiais de desfeito e refugallo no que integrar aspectos da propia
personalidade, converténdose nun instrumento con grandes posibilidades para a
estimulación da linguaxe, a imaxinación, control e xestión de emocións... Unha
vez elaborado, podemos organizar un teatro de títeres, representando
escenas e diferenciando as partes da historia en inicio-nó-desenlace. Ao tempo,
o teatro de sombras a partir dos títeres elaborados, rediversificará a
nosa adicación e diversión, manténdonos enganchados ao misterioso e
descoñecido... que vos parece crear un super-heroe ou super-heroína para loitar
contra o COVID-19?... soa xenial!
Alén de todas estas recomendacións semanais, non esquezades
o importante que resulta sempre e, se cabe aínda máis relacionado coa expresión
corporal, a actividade lúdica: o xogo. Para isto, podemos empregar os propios
xoguetes para recrear un circuito e/ou conto motor que nos esixa a posta
en práctica de posturas combinadas co corpo, tamén xogos populares de
tanta tradición na nosa comunidade: a pita cega, escondite inglés, enredos-twister...
familias, tócavos xogar!
Con toda esta situación, as novidades e cambios nas nosas
rutinas sucédense case diariamente, de aí que comprender este momento e
sobrelevar este tempo de confinamento do mellor xeito posible convértese no obxectivo
principal. Para nenos/as e adultos, resulta necesario máis que nunca, o descubrimento,
identificación, control e xestión de emocións e sentimentos. Para iso... que
vos parece se nos iniciamos no ioga infantil e no mindfulness?...
Existen numerosas obras publicadas sobre estas prácticas en Educación Infantil:
Tranquilos y atentos como una rana (Edit. Kairós), Burbujas de Paz
(Edit. Nube de Tinta), Cae una estrella (atoedición)... traballar a
escoita activa, a pirámide da relaxación, a respiración, inhalando e exhalando,
fomentará a nosa serenidade, concentración, seguridade... preparados?... Ooommm...
Siii, nada chega por
casualidade. Todo ten unha explicación. Abre os ollos, respira, imaxina e confia. Todo vai saír ben.
0 comentarios:
Publicar un comentario