Bienvenido

BOA PASCUA, FAMILIAS!

viernes, 27 de marzo de 2015

O tempo pasa, e non de calquera maneira,... pasa voando, nun abrir e pechar de ollos... así que esta semana, nas asembleas matinais, aproveitamos para avaliar algunhas das actividades desenvoltas ao longo deste 2º trimestre.

Así pois, no tocante aos HÁBITOS E NORMAS, cada vez actuamos con máis autonomía e iniciativa controlando progresivamente os riscos: na aula -deixamos cada cousiña no seu lugar-, no aseo -sen problemas para pedir e ir sós ao baño, os problemas surxen ao voltar de novo... coidado!- e no patio -o banco por momentos baleiro ou case baleiro... estupendo!-. Ah!... e xa que o mandilón o poñemos e sacamos sen problemas, agora... toca darlle a volta ás mangas do mandilón!... para moitos xa está chupado!...

Por outra banda, no referido á LÓXICA-MATEMÁTICA e ás habilidades de lecto-escritura, os logros resultan especialmente significativos.
No primeiro caso, a partir das rutinas da aula: contamos os días da semana, os nenos e as nenas que faltan de cada equipo e o total en cada caso, os materiais necesarios no momento do traballo obrigatorio... asociando cada vez máis e mellor grafía a cantidade de xeito case case natural.

No caso da LECTO-ESCRITURA atopámonos motivados no descubrimento dos grafemas do abecedario a partir de palabras e textos significativos da aula.
Así pois, nestes días, traballamos na felicitación que presidiu a aula durante parte da semana. No encerado, escribimos palabras que empezaban por unha ou outra letra, analizámolas, segmentámolas en sílabas, creamos binomios fantásticos... este proceso culminou coa escrita dun pequeno texto na nosa felicitación de Pascua.


Logo, quedou o máis doado, e enchemos a felicitación de “ovos de chocolate” estampando o dedo en témpera de cor marrón... canto rimos!...



E para o 3º trimestre reservamos o mellor do mellor da lecto-escritura: a ficha de lectura que engadiremos á actividade do préstamo semanal de biblioteca, o “Libro dos Nomes”, a actividade das letras animadas... e un senfín de actividades das que vos daremos boa conta a través do noso blogue para que non perdades detalle: moi atentas familias!...
Entre tanto, ao tempo que lembrabamos todo este 2º trimestre, reservamos un tempo para a elaboración dun pitiño que, neste caso, xa de verdade, levaría un ovo de chocolate.
Pintamos de cor amarela o óvalo creado para a ocasión: sen saírnos do contorno e intentando non deixar oco nin raiajos... uf, era grande dabondo!


Picamos co punzón e coa táboa de picado e escribimos o nome, con letras nin grandes nin pequenas, medianas.


Por último, neste caso xa o profe, pegoulle ao pitiño uns ollos móbiles, un pico laranxa, unha crista vermella e unhas plumas. Ah!... e un ovo de chocolate!... o que deu de si un ovo de chocolate!... o nunca endexamais visto!


Neste senso, aproveitamos a situación e recreamos en cadanseu debuxo o momento no que os nosos padriños e madriñas nos agasallarán cun ovo de chocolate -nalgúns casos xa o tiveron anticipado,... que afortunados!-...


Logo de todas estas actividades de reflexión, consolidación e avaliación, por fin, por fin chegou o xoves, día no que levamos para a casa todos os traballiños elaborados durante o trimestre. Que contentos iamos coa carpeta de NUBA!... familias, preparadas para a sesión de fichas?...


E para rematar o trimestre, que mellor xeito que converténdonos en coelliños de Pascua con cadanseu ovo de chocolate... mmm, delicioso!

BOA PASCUA, FAMILIAS!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

PAPOULA, PAPOULIÑA...

viernes, 20 de marzo de 2015

Durante o primeiro trimestre, a partir das fantásticas historias protagonizadas por NUBA e outros habitantes que nos mergullan na Dimensión NUBARIS, coñecimos a escola, o corpo, a casa e a familia. 

Pois ben, neste segundo trimestre, ampliamos o noso mundo experiencial, achegándonos ao descubrimento do contorno cotiá (a rúa, as tendas...), valorando algúns dos seus elementos representativos ao tempo que adquirimos hábitos e normas de convivencia, de seguridade viaria...

Da man de NUBA e de LENA, paseamos pola Rúa Nubesol, establecendo algunhas semellanzas e diferenzas coa nosa rúa.


O coñecemento do contorno próximo, supuxo ademais, incidir especialmente nas modificacións que se producen no contorno físico e natural e na vida das persoas coa chegada do inverno, valorando a necesidade de abrigo durante esta estación do ano.
Así, e tras ollar as roupas dos percheiros, conversamos sobre a indumentaria propia que precisamos para protexer o noso corpo contra o frío: pezas máis grosas, uso de materiais máis cálidos, maior cantidade de roupa e accesorios específicos desta estación (bufandas, gorros, guantes, abrigos…); recoñecendo e asociando partes do corpo e pezas de vestir, diferenciándoas segundo o tempo e estación na que se utilizan en cada caso.


Sen lugar a dúbidas, quedounos clara a necesidade de abrigarse nesta estación para evitar arrefriados, gripes, dores de gorxa… adquirindo progresivamente hábitos e actitudes de benestar e de coidado da saúde.















Por outra banda, se algo temos máis que claro, clariiísimo, é que no inverno hai neve, moooita neve... E que podemos facer coa neve?... Uf!, un montón de cousas: bonecos de neve, bólas de neve coma Renato...
A partir desta situación, empregando distintos materiais e técnicas plásticas, creamos e recreamos cadanseu boneco de neve ao máis puro estilo OLAF de FROZEN!...
Pintamos con témpera e pincel moi amodiño, sen saírnos do círculo.

Logo pegamos gomets circulares de cor azul, vermella, verde e amarela.

Por último, debuxamos  con rotulador de maiores, do que non se pode borrar e...

TaChÁnNn!... pegamos a nosa foto!... Bonito, bonito, quedou o noso corcho do corredor vestido de inverno.

E a nosa aula?... Pois tamén se visteu de inverno, proba irrefutable da parte activa que tomamos na decoración da zona de exposicións que preside a nosa clase... fabuloso!


Asemade, neste senso, resultou especialmente interesante, retomar algunha das actividades desenvoltas alá polo mes de outubro-novembro cando nos estabamos a adaptar ao ritmo da escola e da aula. Que diferentes se ven as árbores no INVERNO e no OUTONO... non credes?...















Xenial!, comezamos traballando o OUTONO, logo chegou o INVERNO, e agora... agora que toca?... Pois a PRIMAVERA, que segundo cálculos do Observatorio Astronómico Nacional (Instituto Xeográfico Nacional – Ministerio de Fomento), comeza hoxe venres 20 de marzo ás 23:45 h.
E que mellor maneira de darlle a benvida a esta nova estación que creando uns xirasois con cores, moitas moitísimas cores: pintamos, botamos pegamento, pegamos papeliños... axiña mudaremos o noso corcho do corredor!...

BENVIDA PRIMAVERA!!

Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

MiSiÓn EsPaCiAl!...

viernes, 13 de marzo de 2015

Embarcados nunha misión espacial, esta semana, descubrimos e identificamos algúns elementos representativos do Sistema Solar, así que… cinturóns abrochados que a viaxe comeza... “hasta el infinito y más allá”!...

Como sabedes, cada día comezamos a xornada coa asemblea matinal, un tempo adicado á expresión oral, reflexión e organización e secuencia das actividades propias de cada día no que a elección do súper-encargado é un dos momentos clave.

Entre as tarefas que realiza o súper-encargado dentro das rutinas da asemblea matinal, ademais da fichaxe de ausencias e presenzas e das actividades de lecto-escritura e de pensamento lóxico-matemático, está a rutina do coello espacial.



Así pois, chegados a este momento da asemblea, introducímonos na observación e progresiva identificación dalgúns fenómenos atmosféricos e meteorolóxicos que se suceden no día a día, constatando en cada caso co seu pictograma correspondente -de sol, sol con nubes, nubes negras e choiva-, o tempo cotiá.



Esta rutina diaria, convértese nun medio excepcional que nos serve para iniciarnos na consecución do aprecio e a valoración do medio físico e natural que nos rodea, desenvolvendo actitudes de coidado, respecto e responsabilidade na súa conservación, ademais de contribuir á competencia no coñecemento e interacción co mundo físico.
Estes días, a partir desta actividade, e convertidos nus fantásticos astronautas, descubrimos planetas tales como: XÚPITER e VENUS, compostos fundamentalmente de gases e rochas volcánicas, respectivamente.















Tamén coñecimos un dos nosos planetas favoritos: SATURNO, cuxa forma esférica rodeada de aneis de cores nos resulta... espectacular!


E como non, a TERRA, -ou o “mundo” como nós lle chamamos-, que resultou o máis doado de recoñecer ao tratarse do planeta no que vivimos.


Asemade, nesta viaxe espacial, descubrimos as constelacións, agrupacións de estrelas que se atopan no Universo como por exemplo a de O CENTARUO con forma de animal mitolóxico metade home, metade cabalo ou a OSA MAIOR, que ten forma de carro sen rodas.















Tamén cometas como o HALE-BOOP con forma de lume da que sobresaen varias colas... resulta incrible!


Indubidablemente, para esta viaxe, non puidemos atopar o mellor pasaporte: os “Bits de Inteligencia”... como?... non oistedes falar deles?...
Os “Bits de Inteligencia”, resultan de gran utilidade para estimular o cerebro, a aprendizaxe e a memoria, axudando a adquirir novos coñecementos, a desenvolver e ampliar a linguaxe, o hábito e a capacidade de atención, a memoria visual e auditiva, a fomentar a curiosidade e o interese...
Por todo isto, e por moitas, moitísimas cousas máis, coidamos que no que queda de curso os “Bits de Inteligencia” converteranse nuns recursos didácticos excepcionais que nos axudarán a comprender un pouquiño mellor o noso pequeno-gran mundo: arte, escultura, pintura e arquitectura, características dos seres vivos e do conxunto instrumental escolar, escritores e músicos coñecidos... que interesante final de curso nos agarda!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

...NUNHA BARRIGUIÑA MOI QUENTIÑA!

viernes, 6 de marzo de 2015

Esta semana, queremos contarvos unha actividade que comezamos a semana pasada e que resultou especialmente significativa para dous dos nosos compañeiros.
No primeiro trimestre, BRUNO e YAIZA vivenciaron un gran cambio nas súas casas, na súa familia: tiveron un irmanciño e unha irmanciña!...
Este acontecemento, non pasou desapercibido xa durante o primeiro trimestre. Así pois, BRUNO e YAIZA, -cada un no seu estilo-, ilusionados fixéronnos partícipes de todos os preparativos que se estaban sucedendo nas súas casas. Contáronnos como a cuna estaba lista, a visita a un sitio que non era o súper para comprar cousas de bebé -coidamos que sería a farmacia?-...


No caso de BRUNO, e especialmente de YAIZA, case cada día nas asembleas, fixemos a conta atrás para o día no que DAVID e XIANA chegarían ás súas e ás nosas vidas. Estaban expectantes, aínda que non tiñamos de todo claro si tamén preparados para perder, dalgún xeito, o seu trono.
Ben é certo que o nacemento dun irmán en ocasións conleva sentimentos negativos, pero en ambos casos, aparentemente, e alomenos de momento, os celos non apareceron por ningures e a chegada de DAVID e de XIANA supuxo un cambio importante no seu proceso de maduración.
Tamén durante o primeiro trimestre, sorprendentes foron as conclusións ás que chegamos ante o momento no que DAVID e XIANA sairían da barriga quentiña das súas nais. Afortunadamente, espadas e machadas dos vikingos a un lado, concluímos que o médico, o médico sería o encargado de “operar” a PAULA e a SONIA... que alivio!
Todos estes feitos e novas situacións, supuxeron, durante esta semana varias actividades vencelladas co nacemento dun irmanciño.
Nas asembleas, BRUNO e YAIZA, máis protagonistas que nunca, nos contaron algúns dos cometidos que levan a cabo no coidado e atención do seu irmanciño e da súa irmanciña...


...danlles o biberón, axudan no cambio de cueiro, danlle a roupa... e, sobre todo, axudan moi activamente no momento do baño. Sen lugar a dúbidas, esta tarefa resultou a preferida en ambos casos!...


A participación e aportacións nestas asembleas de MARCOS no coidado de MARTA ou de MICAELA no coidado de LEO e MÁX, resultaron imprescindibles: maiores, eles tamén se senten irmáns maiores!...
Por outra banda, como recordo para DAVID e XIANA, creamos e recreamos un libro no que cada un de nós plasmou, na medida das súas posibilidades, como crían que eran os bebés dos nosos compañeiros.
Indubidablemente, esta actividade supuxo para nos un auténtico reto competencial, e situar os ollos, o nariz e a boca resultou case un mundo... uf!
Xa logo, puxemos os pendentes e laciño para XIANA e, o sombreiro e pelos de punta para DAVID. Con caras de ledicia ou de “choromicas”, quedaron uns primeiros retratos cargados de amor, moooito moitísimo amor e tenrura!...



Do mesmo xeito, esta secuencia de aprendizaxe, serviu como alicerce para iniciarnos na elaboración do esquema corporal que se consolidou a partir da creación e recreación improvisada dunhas NUBAS chulísimas ás que non lles faltou detalle: as coletas de cores, o nariz de pallaso e mesmo a nube do seu vestido favorito... moitos moitísimos parabéns polos resultados!


O libro-recordo-bebé, tomou forma de pañal,...


...un pañal que se convertiu por uns días nun recurso máis co que disfrutar dentro do rincón da biblioteca... fantástico!


E para rematar esta semana, que mellor xeito que deixando que o noso corpo corra, rode, trepe e... caia no patio! Por fin o tempo acompañou e voltamos a disfrutar do momento do patio. Xa somos outros, e o banco no que sentabamos aqueles nenos abrumados ante tal cantidade de nenos e nenas descontrolados, por momentos está baleiro ou case baleiro... xenial!






Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!