Bienvenido

LÓXICA-MATEMÁTICA.

viernes, 22 de febrero de 2019


Os fundamentos matemáticos están presentes nas nosas vidas dende idades temperás, especialmente si temos en conta un aula como a nosa na que a lóxica e as matemáticas impregnan gran parte das actividades que realizamos cada día.
Neste senso, a partir das rutinas da aula, desenvolvemos actividades en clave de lóxica, poñendo en xogo e mellorando diferentes habilidades propias do pensamento e razoamento matemático.
Así pois, nas RUTINAS DA ASEMBLEA: a través da resposta a preguntas tales como: cantos faltan?, cantos somos en total?, cantos días fixo sol?..., iniciámonos no uso convencional dos números como estratexia de conteo, de formación de conxuntos e de rexistro de feitos.


Tamén na escritura da DATA: traballamos o anterior e posterior entre números no calendario, formación de conxuntos e identificación de numerais.


Nas ACTIVIDADES DE PSICOMOTRICIDADE: coñecemos as posibilidades e limitacións do corpo e do contorno próximo, realizando unha estruturación da noción de espazo e de diversos conceptos xeométricos.


Logo do patio, nas actividades de relaxación coa “Hora de Ler” e a SESIÓN DE CONTACONTOS: traballamos a sucesión de acontecementos, utilización de cuantificadores para describir características de personaxes, lugares, situacións...


Asemade, entre os rincóns que organizan o espazo da aula contamos co RINCÓN DE LÓXICA-MATEMÁTICA: un espazo que nos permite desenvolver un traballo construtivo a partir do uso contextualizado de distintos recursos didácticos: figuras de volume, pezas de construción, regretas Cuisenaire, tangram, bloques lóxicos...


Así, de xeito máis guiado nas asembleas, a partir do uso deste material, descubrimos e identificamos figuras xeométricas en elementos da realidade (círculo, cadrado, triángulo, rectángulo, óvalo, esfera, cubo...), recoñecemos aspectos xeométricos (liña, punto, lados, formas)... fantástico!


Ao tempo, sabedores da necesidade dun traballo instrumental máis riguroso e planificado, este curso, ao tempo que realizamos actividades impresas nos libros de MUNELA, contamos cun caderno de Matemáticas -CALDEIRÓN (Edit. Anaya)- que nos serve para desenvolver e utilizar habilidades propias do pensamento e razoamento lóxico-matemático a partir de situacións nas que cuantificamos, clasificamos, agrupamos, ordeamos, seriamos... elementos da realidade.


Uf!, este caderno si que é complicado dabondo no que cada actividade e tarefa pon a proba a nosa capacidade de abstracción... pouco a pouco, paciencia e amodo... siii, as mates molan!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

SIMULACRO INCENDIO.

viernes, 15 de febrero de 2019


Como sabedes, o xoves 14 de febreiro, levouse a cabo a nivel de centro o simulacro de evacuación que nos serviu para lembrar algunhas normas básicas no caso que se produza un incendio no cole.
Vexamos pois, que hai que facer no caso de que haxa lume na escola?... Estar caladiños, facer máis caso que nunca aos profes e… tocar a porta!
Si, si, tocar a porta para comprobar si está quente ou fría. E no caso de que esté quente, saír agachados como si foramos ananiños tapando o nariz e a boca co mandilón ao tempo que seguimos amodo na fila.
Asemade, descubrimos e identificamos no encerado o número ao que hai que chamar en caso de emerxencia: o 112... que doado!
Con todo máis ou menos aprendido, a xornada do xoves comezou de xeito habitual coa sesión de inglés e o momento de traballo individual no que seguimos avanzando nos libros de actividades de MUNELA nun 2º trimestre que non descansa. Agora todo resulta máis ameno e divertido coa estrea das “Plastidecor36”... cantas cores!


Neste senso, e xusto antes do momento da merenda, por fin escoitamos a serea que anunciaba que o simulacro de evacuación comezaba. Non había tempo que perder e, axiña, deixando todo o que estabamos facendo, nos dispuxemos en fila máis ou menos en silencio para, coa bandeira de cor vermella que identifica a nosa clase, saír ao patio de maiores e agardar polo resto de nenos e nenas de Educación Infantil.


A pesar da excitación producida pola serea que soaba sen parar, seguimos un a un todos os pasos: tocamos a porta para comprobar si estaba quente, gardamos silencio, fixemos unha fila en orde... lección aprendida e todos sans e salvos!


Esta situación, ao tempo, permitiunos coñecer, identificar e valorar elementos representativos dos bombeiros: funcións, labores relacionadas e indumentaria propia (casco, máscara, botella de osíxeno...), verificando que os bombeiros fan moito máis que apagar lume coa mangueira... impresionante!
E agora... quen non quere ser bombeiro de maior?...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

GALERÍA DE ARTE.

viernes, 8 de febrero de 2019

Hoxe venres, como colofón a todo o traballo desenvolto ao longo desta semana, convertemos a nosa aula... nunha galería de arte!
Como xa vos contaramos, este curso iniciámonos no descubrimento, identificación e valoración do mundo da arte a través dos “Bits de Inteligencia” que propiciaron situacións de ensinanza-aprendizaxe no que a través da arte traballamos a atención e silenzo, a observación, a memoria visual e auditiva...


Así pois, case con cada lámina de arte, realizamos unha lectura espontánea, global, descritiva, narrativa, con transposición do gravado a posibles experiencias vividas... achegándonos á profesión de PINTOR (materiais que emprega, se coñecemos algún, tipos...) e aos MUSEOS (espazo de ocio que serve para conservar as obras expostas).
Siii, e que mellor que rematar esta experiencia que convertendo a nosa aula nunha improvisada galería de arte, onde o encerado mudou as letras e os números pola exposición das 12 láminas seleccionadas.


Hoxe non había lugar a ficha de MUNELA, e con este ambiente tan propicio para a estimulación da imaxinación e creatividade, reinterpretamos, como auténticos artistas, a nosa obra favorita. Para iso, observamos, identificamos, coñecemos e diferenciamos, -se cabe aínda con más detalle-, cores, formas, tamaños e todo aquilo que configuraba a lámina.
Previamente, na asemblea matinal, destacamos a nosa obra de arte preferida. Non sabemos si pola sinxeleza das imaxes, das formas ou as cores empregadas, pero Latas de sopa de tomate de Andy Warhol e El hombre de Vitruvio de Leonardo Da Vinci foron as obras máis destacadas.






Uf, que complicado!... nalgúns casos as obras non son de todo claras e non sabiamos como interpretalas; así que para estar inspirados, o silenzo durante a actividade, máis que obrigatorio, necesario... máxima concentración!


Indubidablemente, con esta e outras actividades de expresión plástica, avanzamos na adicación ao debuxo libre, invertindo un tempo de maior calidade no seu proceso, despreocupándonos do traballo alleo, empregando para cada cousa un rotulador de cada cor, coloreando ao xeito, sen présa…


E como nos gusta cando reunidos en asemblea descubrimos e ollamos o que debuxou cada compañeiro e compañeira… parabéns! 


Agora xa, explotados dabondo estes “Bits de Inteligencia”, toca comezar moi pronto cunha nova categoría que se converterá en toda unha... misión interestelar!... preparados en 3,2,1...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!