Dada a situación actual, e tendo en conta que o máis
importante é que os nenos e nenas comprendan o que sucede e sobreleven este
tempo de confinamento do mellor xeito posible, seguindo as instrucións da Consellería
de Educación, Universidade e Formación Profesional, velaí van unhas
recomendacións de traballo na casa para estes días. Neste senso, aclarar que non
se trata de que os nenos e nenas fagan fichas similares ás que realizamos na
escola, senón de aproveitar o potencial pedagóxico de situacións cotiás nas que
traballar aspectos vencellados coa lecto-escritura, a lóxica-matemática,
conceptos básicos... dende un enfoque lúdico, real e significativo.
En primeiro lugar, sabedores de que un lector non nace,
faise, seguide transmitindo o valor da
lectura como unha fonte de aproximación a novos coñecementos. Aproveitade
este tempo para reforzar, afianzar e/ou introducir, grafemas a partir da
cartilla de lectura de Letrilandia. Agora xa, os nenos e nenas poden
avanzar no descubrimento de novos habitantes de O País das Letras, coa
consabida identificación e recoñecemento de grafía e son correspondente. A
partir de aí, pódense desenvolver actividades de escrita espontánea como anotar
ingredientes e cantidades para unha receita, escribir unha carta ou un mail
simulando a MUNÍBAL, PABLO e BERTA, ou mesmo un diario no que apuntar nunha
frase o realizado, acompañando o texto dun debuxo: esquemas corporais
completos, elementos no chan, no ceo... que dean á actividade unha visión de
conxunto elaborada.
Ao tempo, non debemos esquecer o traballo da lóxica-matemática
a partir da resolución de problemas da vida cotiá: identificación e trazado de
números seguindo a direccionalidade correcta, recta numérica
ascendente/descendente, maior que/menor que, operacións de cálculo mental
básico...
Por outra banda, neste tempo os nenos e nenas non poden
permanecer á marxe das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Así,
e lonxe de aportar un listado de enlaces dentro das ferramentas web 2.0., destacar
Educlan, unha ferramenta educativa para as familias durante o peche
preventivo dos centros educativos, en funcionamento dende hoxe luns 16 de
marzo. Trátase dun proxecto de rtve coordinado polo Ministerio de Educación
e Formación Profesional coa axuda de editoriais educativas. En Educlan as
familias poderedes encontrar vídeos sobre as principais áreas curriculares:
Ciencias Naturais e Sociais, Lengua, Lóxica e Matemáticas, Artística, Idiomas,
Educación Física, Tecnoloxías ou Convivencia.
Alén disto, dentro dos propios recursos educativos do
Portal Educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación
Profesional, podedes atopar o repositorio de contidos e actividades do Espazo
Abalar con variadas actividades para alumnado de Educación Infantil; mesmo
o noso blog de aula convértese nunha ferramenta ao servizo do proceso de
ensinanza-aprendizaxe con enlaces de interese onde empregar as TICs como fonte
de coñecemento, aprendizaxe e gozo.
Agardo vestir de novo o mandilón e vervos axiña, polo
momento, familias, non esquezades estes días parar un pouco, ralentizarnos, pensar
e imaxinar...
1 comentarios:
Moitísimas gracias pola información e os consellos. Esperamos vervos a todos e todas con moitas ganas!!. Moito ánimo e unha aperta xigante.
Publicar un comentario