Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de
Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas
recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador “LOS INCREÍBLES
MUN”.
Como
sabedes, a nivel de centro establecéronse uns días para o reparto de libros e
materiais do alumnado de Educación Infantil. No noso caso, procederase ao
reparto este xoves 4 de xuño no porche sur sito na Avenida de
Ramón Ferreiro (entrada habitual neste curso). Ese día, cada familia, respectará
o horario e a quenda alfabética establecida por correo electrónico cun
intervalo entre cada neno e nena de aproximadamente 5 minutos.
Así
pois, por fin, dende esta semana cos materiais de MUNÍBAL propios do 3º
trimestre, atoparedes unha motivación extra para o traballo cotiá na casa. Para
que esta rutina siga a liña de traballo do 1º e do 2º trimestre, non esquezades
que non se trata tanto de facer todo á présa para rematar axiña, senón máis ben
de todo o contrario; estes materiais, convértense no alicerce excepcional co
que poñer a proba a nosa atención, comprensión e paciencia… non todo
vale!
O
traballo con este material, permitirá lembrarnos como se “tacha”, rodea, une,
escribe… con lápis e/ou rotulador para que o trazo resulte máis preciso, como
se colle a cera para colorear ao xeito, a modo para non saírnos do contorno…empregando
para cada cousa unha cor distinta. Trátase de consolidar e/ou reforzar ese ritmo
de traballo continuado que quen máis e quen menos tiña acadado coas
actividades establecidas en cada xornada escolar.
Evidentemente,
o ambiente de traballo na casa non será o mesmo que o da escola, para iso resultará
interesante que, unha vez explicada a actividade e establecidas as consignas no
seu proceso de execución, sexan os nenos e nenas os encargados de organizar
e planificar a actividade, traballando a comprensión, a capacidade de
planificación, a concentración, o silencio… improntas, sen lugar a dúbidas, que
posibilitarán un tránsito satisfactorio a Educación Primaria… hai que traballar
con calma, con tranquilidade… hai que traballar como maiores!
Con estas e outras normas que moi posiblemente os nenos e
nenas extrapolen da escola, saberedes
que no tempo de traballo en mesa, a atención e a comprensión de cada actividade
resultan fundamentais para coñecer que facer en cada momento. Cómpre poñer todo
da vosa parte, este tempo de traballo cos nenos e nenas require adicación e
unha actitude relaxada e libre de tensións. Non intentedes obter do neno
e nena máis do que pode dar segundo o seu estadio evolutivo, isto pode causar
frustración e rexeitamento cara o traballo que se levará a cabo de xeito máis
formal e sistemático a partir de setembro en 1º de Educación Primaria.
Agora xa, as vindeiras semanas, presentaremos os dous
centros de interese de MUNÍBAL. Comezaremos descubrindo elementos do mundo
subterráneo: mundo animal e vexetal, as minas, os fósiles, o metro, as
covas... E para despedirnos de MUNÍBAL, traballaremos os continentes: o
mapamundi, a localización xeográfica en planos e mapas, os monumentos... soa
moi interesante!... Preparados?...
Familias, así deste xeito, entramos na recta final do curso. Que todo o
pasado serva como recordatorio do forte que somos. Axiña chegará ese día no que
por fin veremos que todo pagou a pena. Máis que nunca #prohibidorendirse
0 comentarios:
Publicar un comentario