Bienvenido

FAMILIAS... A BORDO?

viernes, 25 de mayo de 2012

Tendo en conta a sociedade na que vivimos e a diversidade de familias existente, o pasado 15 de maio celebramos o “Día Internacional da Familia”.
Sen lugar a dúbidas, a familia convírtese nun elemento importante nas nosas vidas, pois constitúe o primeiro grupo social ao que pertencemos e nela establecemos a nosa base afectiva e cultural e adquirimos os valores e normas vixentes no noso contorno socializador próximo.
Hoxe en día, existe unha diversidade de estruturas familiares, por iso, nas asambleas previas ao “Día Internacional da Familia”, fomentouse o respecto e valoración da propia familia; ademais, procuramos achegarnos aos distintos tipos de familias existentes.
Deste xeito, quen máis e quen menos identificou cales son os membros da súa familia. Pois clarooo… nin máis nin menos que as persoas que viven nas nosas casas. Nembargantes, un dos nosos compañeiros comezou a engadir novos membros a estas unidades básicas tales como as madriñas e padriños, os primos e primas, incluso algún, ata engadiu aos seus amigos e amigas, pero non, por moito que os queiramos, os nosos amigos e amigas non son das nosas familias.
Lembraredes que o centro de interese da familia o traballaramos no primeiro trimestre a partir do conto no que Papelote asistía como convidado ao aniversario de Chun. A partir desta unidade didáctica, cada un de nós conversara moi timidamente acerca dos membros da súa familia, para iso, axudabamonos dunha fotografía que aportaran as nosas familias. Pero bueno, o tempo pasa para todos e, as tímidas informacións acerca dos membros das nosas familias quedaron esquecidas e agora, como nos rechifla miles falar, falar e falar… pois fixemos partícipe ao profe das nosas árbores xenealóxicas particulares: falámoslle das nosas madriñas, dos nosos primos pequenos -dos maiores ninguén dixo nada-, ata dos avos e avoas que desapareceran porque eran velliños…
Logo, fixemos a recreación particular das nosas familias a través duns debuxos que cada vez resultan máis logrados e elaborados. O certo é que cada vez nos esforzamos máis e, unha vez rematados, somos nós mesmos os encargados de engadirlles pequenos detalles como soles, nubes, flores… e ata un dos nosos compañeiros tivo a idea de debuxar corazóns… súper-xeniais!



Ademais de todas estas actividades, confeccionamos un agasallo para as nosas familias no que traballamos cun entusiasmo e entrega total.


No agasallo tiñamos que colorear e picar un triángulo que máis tarde adoptaría a forma dun sinal de tráfico, pero non se trataba dun sinal de tráfico calquera, senón da nosa sinal que coidamos que mamá, papá, os avós, padriño, madriña… penduren no seu coche para non esquecer nunca que os queremos… “hasta el infinito y más allá”.















Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

"UNHA FESTA SÚPER-RECHIFLANTE"

jueves, 17 de mayo de 2012

Esta semana de cole, a pesar de ser curtiña, resultou intensa, moooi intensa no ca actividade se refire e non paramos de facer mil millóns de cousas durante cada xornada.
O 17 de maio celébrase o “Día das Letras Galegas” e, cada ano, adícaselle a un escritor galego. Nesta ocasión, o escritor homenaxeado é Valentín Paz Andrade, un home nado en Lérez (Pontevedra) que ademais de escritor foi avogado, xornalista, empresario, político… e amigo de A.D.R. Castelao.
Para mergullarnos na vida deste home, o martes acudimos ao Auditorio de Rianxo e asistimos a unha representación da vida deste escritor galego na que descubrimos algunhas anécdotas curiosas da súa vida e obra.
Quedamos con pouquiños datos, pero a verdade é que pasamos un rato ben divertido cun actor entregadíiisimo
Ese mesmo día, celebramos a nivel de centro o “Día das Letras Galegas”. Así, hiper-excitados como cada vez que facemos algo distinto do habitual, acudimos ao hall do pavillón norte, para desenvolver, xunto co resto de nenos e nenas do cole, o acto organizado polo “Equipo de Dinamización da Lingua Galega”.
Comezamos vendo un vídeo no que os nenos e nenas maiores do cole nos explicaban algúns detalles significativos da vida e obra de Valentín Paz Andrade.




Xa logo, realizouse como cada curso a entrega de premios do “V Concurso de Contos” que se organizaou no cole para conmemorar o “Día do Libro”.
Estabamos entusiasmados cando dous dos nosos compañeiros subiron ao escenario que se improvisou nas escaleiras do hall e recolleron un agasallo que non podía ser outra cousa que... un conto!, que xa na clase o profe nos leu. Tíñamolo ben merecido, uf, e que traballamos moitíiisimo!
Como, que aínda non oistes falar do conto que presentamos no concurso?...
Como ben sabedes, este curso o eixo temático sobre o que xiran as actividades propostas polo “Equipo de Biblioteca”, é o mundo da arte, de tal xeito que tomamos como centro de interese para o conto a obra dun pintor de sobra coñecido por todos e todas... sabedes cal?
Pois claro que si!, tomamos a obra de Kandinsky: “Cuadrados con círculos concéntricos”, como o espazo no que se desenvolve a nosa historia. Unha historia na que, moi pero que moi ilusionados e entregados, traballamos como uns auténticos súper-maiores.




Mentres uns creaban a historia, outros escribían, debuxaban, coloreaban... e hoxe, facemos a estrea mundial do noso primeiro “Conto Cooperativo” que titulamos:


 “UNHA FESTA SÚPER-RECHIFLANTE”










Simultaneamente e para que o acto non resultase denso, concertouse a actuación do grupo de pandereteiras da ANPA do centro que nos deleitaron con varias cancións, algunha delas archi-coñecida por todos e todas... como cantabamos!
Sen lugar a dúbidas, “Unha festa súper-rechiflante”, non si?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

NÓS LEMOS... E TI?

viernes, 11 de mayo de 2012

A partir desta semana, incorporamos unha nova rutina á nosa parrilla de clase, a do préstamo de biblioteca, unha actividade cunha periodicidade semanal que se convertirá nun indiscutible recurso didáctico para o desenvolvemento lingüístico e para a consabida adquisición de técnicas vinculadas co proceso de lecto-escritura.
Trátase dun préstamo semanal (de venres a venres) que propiciará un sempre grato encontro co mundo dos contos e da lectura que creará un clima que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe.
Ademais, tamén servirá para que nos familiaricemos coa dinámica da biblioteca -unha das nosas asignaturas pendentes este curso-, para que nos ilusionemos cun ambiente propicio á lectura no ámbito escolar e familiar e tamén para que nos contaxiemos do entusiasmo dos libros como portadores dun mundo máxico e marabilloso.
Ao longo de cada semana, coa axuda das nosas familias traballaremos o conto escollido co obxectivo de comprender a súa liña argumental, xa que cada venres, nomearemos dous contacontos por rigurosa orde da casiña do panel de rutinas, que “lerá” o conto ao resto de compañeiros e compañeiras a través da intepretación das imaxes e ilustracións co compoñen.
A través da narración dos contos, aprenderemos a escoitar, a pensar, a  adquirir un primeiro código moral, a ver as cousas cos ollos da imaxinación, estimulando a creatividade, o pensamento diverxente e o sentido crítico.
Entre as moitíiisimas actividades que podemos levar a cabo a partir do conto están: as actividades de comentar que axudan a asimilar o conto e a realizar unha trasposión dos feitos ás experiencias vividas, actividades de xogo dramático, representando os roles dos protagonistas do conto, tamén actividades de creación de historias como a ensalada de fábulas ou o binomio fantástico propostas por Gianni Rodari na súa obra Gramática de la Fantasía (1985).
Unha das actividades que levamos a cabo na clase a partir dos contos son as actividades de ilustración, como debuxar o noso personaxe favorito do relato ou a escena que máis nos gustou, obtendo como resultados uns debuxos aos que nos lles falta detalle. Ollade a esta Carapuchiña Vermella con lobo, cazador e bosque... rechiflante!


Moi entusiasmados coa actividade do préstamo, o venres fomos á biblioteca non sen antes lembrar as normas que debemos seguir cada vez que acudimos ao pabillón dos maiores: sempre ben agarradiños na fila, soltámonos para subir e baixar as escaleiras que unen cada pabillón e, o máis importante e que máis nos custa... boca pechada!
Xa na biblioteca, sentámonos nas sillas dos maiores -estas si que son altas- e lembramos as normas, usos e funcións da biblioteca: para que serve, que podemos atopar...
Logo, o profe foinos presentando un a un os contos que levaremos de préstamo.
Así, temos contos como: Orejas de mariposa (Edit. Kalandraka), Corre corre cabaciña (Edit. OQO), Mateo (Edit. Kalandraka), Avós (Edit. Kalandraka), Paco Papán (Edit. OQO)... algúns deles xa os coñeciamos, e outros, descubrímolos durante estes días nas asembleas matinais.
Logo, e tras lembrar que cada semana os contos deberán vir en perfecto estado, -non se poden colorear, raiar, recortar, romper...-, comezamos co proceso de selección, un proceso que suscitou polémica, pois case todos queriamos os mesmos contos. O conto de Renato (Edit. Kalandraka) e o conto de O monstro de Ricardo (Edit. Kalandraka), foron, sen dúbida, os que máis seguidores tiveron...

RENATO (Edit.Kalandraka)
O MONSTRO DE RICARDO (Edit. Kalandraka)

Nin moito menos esta situación supuxo problema algún, xa que todos e todas tiñamos claro que os únicos que podían elexir conto serían os dous contacontos de cada semana. Nesta ocasión Lois, escolleu o conto de Os sete cabritos (Edit.OQO) e Daniela escolleu o conto de A que sabe a Lúa? (Edit. Kalandraka)... estamos seguros que serán uns contacontos colosais!


O resto, participamos nunha dinámica sinxela. Unha vez dispostos os contos nas mesas da biblioteca, tiñamos que movernos ao seu redor ao son dunha cantinela e, unha vez que parabamos de cantar, tiñámonos que sentar na cadeira que estaba ao noso carón e... tachán... conto escollido!












Comprobaredes que, aínda que o noso primeiro curso no cole dos maiores está entrando na súa recta final, non deixamos de incorporar novidades á nosa parrilla de clase; unhas novidades que coa axuda das nosas familias convírtense en experiencias de ensinanza-aprendizaxe que non fan senón contribuír ao noso desenvolvemento integral.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

PEQUENOS-GRANDES KANDINSKYS...

viernes, 4 de mayo de 2012

Siii, nun aula de artistas como a nosa, seguimos mergullados no sempre fascinante e interesante mundo da arte.
Desta maneira, durante estes días, estivemos traballando unha das obras de arte que descubrimos fai xa algunhas semanas a partir das sesións cos “Bits de Inteligencia”.
Trátase dunha das obras máis archi-coñecidas de Vassili Kandinsky titulada: “Cuadrados con círculos concéntricos”. Esta obra de arte, sérvenos, ademais de para repasar e consolidar as formas planas do círculo e do cadrado, para seguir coñecendo novas cores como a morada, carne ou añil.
"CUADRADOS CON CÍRCULOS CONCÉNTRICOS"
Baixo o lema que durante este curso serve á biblioteca como eixo vertebrador das actividades propostas: “Profe, quero ser artista!”, convertímonos en pequenos-grandes Kandinskys recreando a súa obra, prestade atención…
Tendo en conta que a obra traballada está composta integramente por círculos e cadrados, o que fixemos foi picar moitos círculos e cadrados, pero moitos moitíiisimos… canto suamos! Pero isto non supuxo ningún problema para uns súper-traballadores coma nos, e con entusiasmo e entrega, picabamos o círculo ou o cadrado ao xeito, amodiño, polo contorno marcado na figura.

Logo, veu o máis divertido, xa que unha vez analizada con detalle a obra real de Kandinsky, convertímonos por un intre en artistas, realizando composicións a partir das formas picadas no paso anterior. Tan só unha premisa, os círculos debían estar ordeados de máis grande a máis pequeno, e en cada cadrado debía haber 4 círculos… non todo valía!


Unha vez que tiñamos a composición máis ou menos clara, quedaba o paso máis sinxelo, pegar todo nunha cartulina de cor vermella, así, como na obra real de Kandinsky.
O resultado dunha das nosas primeiras obras de arte no cole dos maiores… súper-rechiflante! Ademais, ao tempo que xogabamos coa arte, consolidabamos algúns dos conceptos traballados ao longo do curso como as formas planas, as cores e o picado con demarcación.



Outro día, recreamos de novo a obra seleccionada, pero agora de forma individual. Dada unha plantilla con 12 cadrados, tiñamos que debuxar con rotulador en cada cadrado, círculos de todas as cores e tamaños posibles. Logo, -agora si veu o complicado-, tiñamos que pintar os círculos da cor seleccionada... un traballo excelente!


Comprobaredes que non paramos de facer cousas en toda a xornada, e o mellor de todo é que a nosa actitude e os nosos resultados son cada vez de máis súper-maiores -ou iso nos di o profe-
Seguide moi atentos ao noso blogue, xa que durante as vindeiras semanas, faremos a estrea mundial do noso primeiro “Conto Cooperativo”, un conto que nos trasportará a un país diferente, a un país moi, pero que moooi especial que estamos seguros que vos rechiflará…
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!