Como sabedes, curso tras curso, esta celebración marcou e segue marcando un momento importante do curso que, xunto a outros que vos iremos comentando no blog a medida que vaia avanzando o calendario, suscita unha gran variedade de actividades coas que, dende un punto de vista lúdico, traballamos e consolidamos aspectos vitais no noso proceso de aprendizaxe.
Así pois, xa dende o luns comezaron a chegar as primeiras cabazas decoradas coa axuda das nosas familias. Había cabazas de todos os tipos e para todos os gustos: vampiros, vaqueiros, princesas, morcegos, bolboretas, personaxes dos nosos contos favoritos... a exposición quedou sensacional!
Cada día, nas asembleas matinais explicabamos cal foi o seu proceso de elaboración e quen nos axudou a facela: primeiro había que baleirarlles as pepitas que contiñan, algo moi sinxelo ao que axudamos nas nosas casas.
Logo, viña o máis complicado, e dado o perigoso deste paso todos e todas deixámollo ás nosas familias, había que facer os ollos, a boca e o nariz para darlle vida á nosa cabaza.
Por último, o paso máis divertido e creativo: poñer os complementos á cabaza de tal xeito que lle deran un aspecto do máis arrepiante e o certo é que as que tiñan luz dentro quedaron... terrorificamente divertidas!
O xoves, fíxose, para as famlias, unha xornada de portas abertas para ver as exposicións de cada un dos corredores do centro. No noso caso, o corredor de Educación Infantil, encheuse de cabazas a ambos lados e os profes, decoraron as portas con elementos representativos desta data: cabazas, morcegos, esqueletes, bruxas...
Como, que non puidéchedes vir á exposición?... Pois velaí vai unha presentación coas cabazas da nosa clase, e unha vez máis, mil millóns de grazas ás familias, sen a vosa colaboración isto non sería posible...
Asemade, ao longo da semana levamos a cabo diferentes propostas de ensinanza-aprendizaxe que tomaron como eixo motivador o Halloween-Samaín.
Así, realizamos actividades de lóxica-matemática que traballaban aspectos relacionados coas series ascendentes e descendentes, a suma e a resta e a asociación de grafía e cantidade.
Tamén actividades de lecto-escritura como a lectura en gran grupo de contos reservados para esta época do ano tales como: El cumpleaños de Enrique (Edit. Edelvives) e Sonidos de Miedo (Edit. SM), que, a pesar de traballalos dende que tiñamos 3 anos, non cansamos de escoitar unha e outra vez.
Pero a actividade que nos resultou especialmente divertida e creou situacións que axudaron a distender a atmósfera de traballo foi a de debuxar o noso propio monstruo. Tratábase dunha tarefa na que debiamos dar renda solta á nosa imaxinación, xa que lonxe do que estamos acostumados a debuxar, podiamos poñerlles, a estes extraños seres: dúas cabezas, tres ollos, dúas bocas, catro patas... e colorear cada parte do corpo da cor que quixeramos algo que creou situacións controvertidas. Os resultados, toooodos vosos. Que vos parecen?...
Xa no baile que se organizou no porche do pavillón sur disfrutamos co resto de compañeiros e compañeiras das outras clases. Os nenos e nenas de 3 anos ían de cabazas e os de 4 anos de bruxas, as nenas, e de morcegos, os nenos. Estabamos requete-guapísimos e xa cun sorriso nos beizos disfrutamos máis ca nunca da festa de Samaín no cole.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!