Como preludio á Semana das Letras Galegas 2016 que culminaremos o venres 20
de maio, esta semana desenvolvemos diversas actividades que nos achegaron ao descubrimento,
coñecemento, valoración e respecto de elementos representativos da nosa
Comunidade Autónoma: Galicia.
Así pois, o luns discorremos entusiasmados polas rúas da nosa vila identificando
diferentes espazos emblemáticos como a casa na que naceu e viviu A.D.R.
Castelao, escritor da nosa literatura e que dá nome ao noso centro. Ao tempo,
unha guía turística igual de documentada que Alison, a que coñecera MOLI en
Londres, contounos a historia de “Peito de Lobo”... que interesante!
Xa o xoves, coñecedores das potencialidades e posibilidades que ofrece o xogo en Educación Infantil, participamos activamente nun obradoiro de xogos populares que nos aproximaron a xogos de sempre, a xogos de toda a vida que quizais apenas coñeciamos.
Había xogos de todo tipo e para todos os gustos: probamos equilibrio cos ZANCOS de cores, enxeño e paciencia no
circuíto das CHAPAS, tamén forza e tesón
no TIRO DE CORDA... que risas!,
puntería e acertos varios nos BIRLOS
de plástico e na RÁ, tirando a bóla
ou os “pellos”, respectivamente... e que memoria no PANO contra os nenos e nenas da clase da profe Silvia... había
números do 1 ao 20!
Agora xa, entrando na recta final do trimestre e do curso, a vindeira
semana teremos un cometido dobre: por unha banda, seguir participando nas
actividades propias da Semana das Letras Galegas 2016, e por outra, rematar o agasallo
que con tanto esmero comezamos a ultimar co gallo do Día Internacional da
Familia o 15 de maio... que ilusión!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos
comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario