Bienvenido

GRAN SPLAAASH!!!

lunes, 21 de junio de 2010

Hoxe, pasámolo xenial... e é que para despedir o curso, organizouse no cole a “Festa da Auga” na que participamos en varios xogos cuxo elemento motivador era a auga.
Coma sempre, aínda que hoxe, se cabe cun matiz especial, pois era a derradeira deste curso, comezamos coa asemblea matinal na que como cada día realizamos o ritual de sempre. Más inquietos, excitados e faladores que nunca, realizamos o fichaxe de ausencias e presencias, a constatación do tempo atmosférico, as actividades de lóxica-matemática e lectura individualizada por parte do encargado da mensaxe que descubre o acontecemento de cada día...
Ademais, e como tiñamos tempo antes de dirixirnos cara os xogos, conversamos acerca dos traballos que levamos o venres para ensinar ás nosas familias para que comprobaran todo o que progresamos ao longo do curso e, máis concretamente, todo o que traballamos este trimestre. Aquí tedes a portada que elaboramos neste trimestre, un peixe pallaso, como os que vimos cando fomos á “Casa de los Peces” de A Coruña.


Queriamos rematar pronto para comezar a participar nos xogos que estaban preparados nos exteriores do centro.
En primeiro lugar, asistimos na explanada do cole a unha exhibición de actividades extraescolares: bailes de salón e grupo de pandereteiras, no que puidemos contemplar de novo á nosa compañeira Iria.
Logo, moi ansiosos por comezar a participar nos xogos que os días previos nos explicara o profe na asemblea, diríximonos á primeira estación na que, segundo o plano, se atopaba o noso primeiro xogo: as piñatas, consistente en vaciar, cos ollos pechados e un pau, uns cubos con confetti ou auga.
Había xogos para todos os gustos: relevos con bolsas de auga furadas, con esponxas, con globos de auga..., aprendimos a facer pompas de xabón inmeeeensas, transvasar auga dun vaso ao outro na cabeza..., podedes imaxinar como rematamos... todos mollados!, profes incluidos, pero pagou a pena e foi unha xornada moi pero que moi divertida.
Ao principio a máis dun non lle facía ningunha gracia iso de mollarse e miraban con estupor ao profe, pero pronto todos e todas entramos nas dinámicas propostas, ata tal punto que finalmente rematamos cunha batalla de auga en toda regla a base de globos, cubos, pistolas de auga e incluso unha improvisada ducha cunha das bolsas furadas...
divertidíiisimo!
Xa de volta na clase, comezamos a mudarnos coa roupa que traiamos preparada da casa e todos xuntos degustamos a bolsa de lambetadas coa que nos agasallou a ANPA do centro...
estaban deliciosas!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

PUM-PUM, PUM-PUM, ÁBREME A PORTA!...

sábado, 19 de junio de 2010

Esta semana realizamos o último préstamo semanal do curso, onde dous dos nosos compañeiros, Marta e Mauro, leron e interpretaron o conto que lles tocou levar esta semana.
Esta nova rutina que introducimos no 2º trimestre resultou moi enriquecedora para o noso proceso de ensinanza-aprendizaxe, concretamente para a lecto-escritura e, as lecturas tímidas dos primeiros días, deron paso, co tempo, a lecturas cada vez máis seguras, preparadas e dinámicas, onde algúns nenos gañaron a confianza suficiente e decidíronse a ler literalmente o texto do conto... moitos parabéns!
Esta semana, ao tratarse xa da última rutina do contacontos os compañeiros non defradauron en absoluto, Marta leu “Un viaje en globo” (Edit. Vivens Vives) onde se traballa o fonema /j/ e Mauro “El detective Don Gato” (Edit. Vicens Vives) onde se practica o fonema /g/. Cada un no seu estilo estiveron sensacionais!


Ademais, tamén o xoves, dentro da campaña “Cantos contos contas?” co “Equipo de Biblioteca” propuxo para este trimestre, tivemos a visita dun pai que nos leu o conto de: “Os tres porquiños”, unha das nosas historias preferidas e que non cansamos de escoitar...
Esta visita marcou, dalgún modo, o transcurso desta xornada, pois como vén sendo habitual nestas semanas, o profe aproveita a rutina da lectura individualizada de primeira hora para descubrir algunhas das actividades que realizaremos nese día e, nesta ocasión, foi que despois do patio teriamos a visita dun contacontos moi especial.
O contacontos fíxoo súper-mega-fenomenal e boa proba diso foi a atención suscitada mentres contaba o conto; non perdimos detalle, e o silencio, timidez e incertidumes iniciais pronto se mudaron por unha interacción e conexión co contacontos, axiña comprendimos cal era a estrutura que traia preparada para a súa posta en escena, pois amenizounos o argumento co intercalado de cancións coñecidas por todos e todas para o que trouxo unha guitarra.
A introdución deste elemento motivador converteu a sesión nun éxito ao propiciar un ambiente de expectación que tan estimulador resultou para a escoita activa, ademais, xuntos, aprendimos a canción que lle cantaban os tres porquiños ao lobo feroz. Asemade, aproveitamos para ensinarlle ao contacontos as nosas cancións favoritas e que curioso porque... non se lle escapaba ningunha e as sabía todas!
Agardamos, para o vindeiro curso, ter máis visitas deste estilo, aínda co contacontos deste ano, deixou o listón alto... mil millóns de grazas!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

E TI... QUE QUERES SER DE MAIOR?

jueves, 17 de junio de 2010

Hoxe levamos para a casa “Ondiñas veñen”, a revista que curso tras curso cóntavos ás familias as cousas que máis nos interesan ademais de mostrarvos algúns dos traballos que realizamos ao longo do curso.
A aportación da nosa clase na revista deste ano xirou en torno ao eixo temático dos oficios e profesións que era o centro de interese que, da man da nosa amiga Miñoca, estabamos a traballar nese momento e cuxo obxectivo xeral era coñecer e valorar o traballo dalgunhas profesións e oficios do contorno inmediato, relacionando actividades, instrumentos e lugar de traballo con cada unha delas.
Coma sempre, e para detectar cales son os nosos coñecementos previos sobre o tema, partimos da formulación de hipóteses suscitadas na asemblea: conversamos sobre algunhas das profesións e oficios que se atopan no noso contorno, comentamos as que máis nos chaman a atención, cal é a dos nosos familiares... e por suposto, como non podía ser doutro modo, cada un de nós comentou o que lle gustaría ser cando fose maior.
Hai de todo e para todos os gustos: peluqueiras, bombeiros, médicos, conductores de coches e, sobre todo, profes, moitíiiiiiiisimos profes, unha profesión pola cos nenos e nenas se senten fascinados debido ao papel que moitas veces exercemos os mestres na aula no desenvolvemento da súa personalidade, séntense fascinados polo mundo adulto e convertémonos en modelos de observación de actividades interesantes.
Esta actividade, ademais de para traballar contidos relacionados coa unidade didáctica que estabamos desenvolvendo na clase, converteuse nun recurso excepcional co que seguir avanzando na lecto-escritura, ese ámbito de aprendizaxe que tanto interese e curiosidade esperta para moitos de nós. Ademais, tamén serviu para comprobar os logros obtidos ao longo do curso; moitos de nós escribimos o texto sen omitir ningunha letra e, o máis interesante, sen modelo de copiado... alucinante!
Xa centrando a actividade na aportación para a revista, resultou interesante coñecer por parte de cada neno e nena os argumentos que explicaban porque querían desempeñar esa labor cando fosen maiores, algunha delas son xeniais e verdadeiramente ocurrentes, non si?

Como dato anecdótico do día no que se ensinou en gran-grupo a revista e, logo, o profe deixóunola para ver nos nosos sitios de maneira individual, comentar como todos rapidamente fomos buscar a nosa folla, onde baixo o título: “E ti... que queres ser de maior?” aparecían as nosas fotos coa profesión e o argumento no que aduciamos razóns polas que nos gustaría desempeñar esa labor cando fósemos maiores.

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

SUEÑOS DE GARABATOS II.

lunes, 14 de junio de 2010

Non deixamos as nosas prácticas diarias e a semana pasada comezamos a traballar uns novos “Bits de Inteligencia”, nesta ocasión cun sentido especial ao tratarse dos derradeiros que coñeceremos este curso.
Os “Bits de Inteligencia”, resultan de gran utilidade para estimular o cerebro, o aprendizaxe e a memoria dos nenos e nenas, axudando a adquirir novos coñecementos, a desevolver e ampliar a linguaxe, o hábito e a capacidade de atención, a memoria visual e auditiva, a fomentar a curiosidade e o interese... e xa o curso pasado e este convertíronse nuns recursos didácticos excepcionais cos que aprendemos, entre outras cousas: os planetas do Sistema Solar, acercámonos ao mundo da escultura e arquitectura, descubrimos as características dalgúns animais e do conxunto instrumental escolar, escritores e músicos coñecidos...
Con esta rutina, inténtase poñer aos nenos en contacto coa arte e as expresións artísticas de todos os tempos e diferentes culturas, para deste modo, desenvolver e ampliar o seu sentido artístico ao máximo, así como ofrecerlles unha amplia gama de posibilidades artísticas que contribuirán ao desenvolvemento da competencia cultural e artística establecida pola UNESCO.
Esta nova rutina, supón coñecer, comprender, apreciar e valorar criticamente diferentes manifestacións culturais e artítisticas que promoven un xuízo crítico e creativo da realidade que se amosa. Ademais, día a día, aprenderemos un pouquiño máis de cada obra: autor, movemento pictórico, características máis salientables... e todo aquilo que nos amose un coñecemento o máis exhaustivo posible das 5 obras seleccionadas. Non se nos escapa unha!!!
“Campo de tulipanes en Holanda”
de Claude Monet.
“El hombre de Vitruvio” de Leonardo Da Vinci.
“Latas de sopa de tomate” de Andy Warhol.
“Las bañistas” de Pablo Ruiz Picasso.
“La Gioconda” de Leonardo Da Vinci.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!




O TESOURO DO FONDO DO MAR.

viernes, 11 de junio de 2010

Un ano máis, esta semana, realizamos a excursión de fin de curso, esta vez á “Casa de los Peces” de A Coruña, unha saída na que nos mergullamos no fondo mariño para descubrir o tesouro que agocha.
O certo é que moitos xa foramos de visita coas nosas familias a este lugar; pero trátase este dun espazo que non te cansas de visitar e cada vez que vas descobres unha cousa nova como foi para moitos de nós o espazo adicado aos sons do mar no que axiña, da man da nosa guía, identificamos o son das ondas, dos barcos, tamén o canto e os ósos das baleas cando nos aproximabamos ao submariño, collimos e acariciamos estrelas de mar, comprobamos de primeira man o tacto da pel do tabeirón, como son os seus ovos...
A pesar das adversidades climatolóxicas, a saída didáctica cumpreu as expectativas que levabamos marcadas, pois, para explotala didacticamente o máximo posible, os días previos, na aula, realizamos diversas actividades cuxo eixo vertebrador era o fondo mariño: torbeliños de ideas, formulación de hipóteses e posta en común dos nosos coñecementos previos, varios compañeiros que xa realizaran a visita comentaron na asemblea matinal que é o que máis lle gustou, en gran-grupo participamos nos xogos relacionados co tema que se atopan no noso blog...
Como podedes imaxinar, todos tiñamos unha finalidade-ilusión común que era ver de cerca os tabeiróns, unha expectativa que marcaría a visita polo acuario, amosándonos ás veces impacientes, por non ver por nigún lado, aos que consideramos, os animais máis temidos do fondo do mar.
Ao longo da visita portámonos fenomenal, moi atentos ás explicacións da nosa monitora, facéndolle preguntas contextualizadas e de maneira ordeada. Sen lugar a dúbidas, a actitude de escoita activa que mantivemos case en todo momento, é o indicador máis claro do interese e curiosidade que suscitou esta saída didáctica, resultou ser un tema realmente atractivo e do que nunca cansamos de escoitar e aprender cousas novas; algo similar ao sucedido ao longo do 2º trimestre co tema dos dinosaurios que tantas conversas interesantes e froitíferas propiciaron para o noso proceso de ensinanza-aprendizaxe.
Ao final da visita, todavía quedaba o que todos e todas agardabamos, xa que tras observar e manipular a pel e os ovos dos tabeiróns, e de coñecer algunhas curiosidades acerca deste, como por exemplo que teñen 3 corazóns, baixamos a unha sala decorada coma se dun submariño se tratase e de cerca a nosa monitora presentounos a “Gastón” e a “Fermosa”. Comentounos que tiveramos moita sorte, xa que ás veces agóchanse no máis profundo do acuario e apenas se deixan ver. Neste momento, destacar, reaccións para todos os gustos: algúns acercámonos o máis que puidemos ao cristal para “acariciar” aos tabeiróns cando pasaban ao noso carón, outros, máis reticentes, ficaron nun segundo plano, ata que pouco a pouco tamén se foron animando a “interaccionar” cos tabeiróns... foi alucinante!
Tras este cúmulo de intensas emocións, fomos comer e liberar tensións: corrimos, saltamos, xogamos... Mirade esta selección de fotografías... pasámolo xenial!



Para o día seguinte, e xa no colexio, dado o cúmulo de experiencias vividas, adicámoslle parte da xornada á saída a Coruña: comprobando as hipóteses formuladas os días previos, comentando o que máis nos gustou... en definitiva, seguimos propiciando descubrimentos e xerando aprendizaxes. Resultan interesantes os debuxos realizados de xeito libre e sen modelo acerca da visita onde cada un de nós plasmou aquelo que máis lle chamou a atención e claro, “Gastón” e “Fermosa” ocupan un lugar privilexiado, senón, prestade atención...


Estamos tristes, excitados, emocionados... raros! e é que estamos en xuño, e percíbese na nosa aula certo sabor a despedida coa chegada das vacacións do verán, unhas vacacións merecidas por todo o traballo e os logros obtidos ao longo do curso. Estas semanas son intensas no ca traballo e actividade se refire e entre todos e todas estamos cerrando moitas das actividades que levamos a cabo ao longo do curso como a da “Mochila Viaxeira” na cas familias tivestes un papel esencial, estamos traballando cos últimos “Bits de Intelixencia”, rematando o derradeiro libro de Miñoca... así que durante a semana permanecede atentos ao noso blog, pois a través del tamén nos despediremos ata o vindeiro curso, un curso no que nos convertiremos nos maiores de Educación Infantil...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

MIÑOCA E A MÁQUINA DO TEMPO.

viernes, 4 de junio de 2010

Como o prometido é débeda, hoxe realizamos a presentación do conto cooperativo elaborado durante este curso co motivo da actividade conmemorativa do “Día do Libro” e o “Concurso de Contos” que se organizou no noso centro.
Como sabedes, nesta ocasión, ao igual co curso pasado, escollimos á nosa mascota de aula, -Miñoca-, como a principal protagonista, coñecedores dos seus super-poderes, uns super-poderes que lle permitirían viaxar ao eixo temático da actividade no que se centraría o noso relato argumental: a Idade de Pedra.
Sen lugar a dúbidas, esta actividade permitiu, dunha maneira amena, a consabida adquisición dun senfin de capacidades e habilidades propias da Educación Infantil, tales como progresar na evolución da nosa expresión plástica -ao debuxar e colorear as ilustracións de cada folla-, a lecto-escritura -no momento no que escribiamos o texto do relato-, a nosa competencia en comunicación lingüística -cando liamos o conto para seguir co seu argumento-... ademais, resultou grato comprobar, como quen máis e quen menos pouco a pouco vai gañando confianza e seguridade nas súas propias capacidades, como cada vez nos gusta máis realizar un traballo coidado e esteticamente organizado.
Como dato anecdótico, destacar como para moitos de nós, o feito de participar na elaboración do conto convertíase nun “premio” cada vez co profe nos plantexaba un reto competencial e o superabamos con éxito, algo que contribúe a que cada día nos esixamos un pouquiño máis a nós mesmos e que tantas veces se nos esquece, verdade?...
Velaí vai o conto cooperativo deste curso, velaí vai... “Miñoca e a máquina do tempo”... Desexamos que vos guste!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!