Bienvenido

COMEZAMOS UN ANINOVO: FELIZ 2012!!

sábado, 31 de diciembre de 2011






UNHA PANDEIRETA SOA... BO NADAL!

domingo, 25 de diciembre de 2011

Moitos de vos estaredes aínda nerviosos e preguntándovos como Papa Noel entrou nas vosas casas para deixarvos xunto á árbore de Nadal todos os agasallos que estades disfrutando; senón é así, non vos preocupedes, xa que os Reis Magos non se esquecerán das cartas que lles entregamos persoalmente cando viñeron a visitarnos ao cole, e lembrade o que hai que facer na noite de Reis senón queremos que nos pase coma a Martiño…

Neste día tan especial, gustaríame desexar a todos cos que compartín un sorriso, unha bágoa, un soño ou simplemente un momento da vida e deixástedes unha pegada en min, que nunca vos falte un soño polo que loitar, un proxecto que realizar, algo que aprender, un lugar onde ir e alguén a quen querer.
Deséxovos un BO NADAL e un PRÓSPERO ANINOVO 2012 no que todos os vosos soños e desexos se convirtan en realidade.


Un saúdo con sabor a turrón e mazapán e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

"EL 1 ES UN SOLDADO, HACIENDO LA INSTRUCCIÓN..."

viernes, 16 de diciembre de 2011

A piques de rematar o noso primeiro trimestre no cole dos maiores, decatástesvos de todo o que levamos vivido?...
Neste ano, tivo lugar un cambio moi importante nas nosas curtas vidas, estamos comezando a facernos maiores e por iso empezamos a vir ao cole, momento que moitos agardabamos dende xa había tempo.
Neste lugar no que nos fomos adaptando pouco a pouco, atopamos a uns compañeiros e ao noso profe J.Ricardo, cos que aprendemos moitas cousas novas que veredes nos traballos que fixemos ao longo do trimestre; sen esquecernos de tódolos hábitos e rutinas que de xeito sistemático realizamos día a día, algo que sen dúbida axudounos a conseguir cotas cada vez máis altas de autonomía persoal na realización das tarefas cotiás.
E é que durante a xornada… non paramos!!! facemos construcións, puzzles, modelamos plastilina, cantamos e bailamos cancións, aprendemos tamén a contar historias e a saber escoitalas. Inventamos ás veces os nosos propios xogos e aprendemos a compartilos, a respectar o turno e a deixar todo recollido cando veñen os duendes Colorín.
Non pensedes que todo é traballar, despois da merenda, cando vai bo tempo e saímos ao patio, a media mañá, deixamos que o noso corpo corra, rode, trepe, salte, caia… tras este descanso, vén o que máis nos gusta: o momento do conto, das cancións, do debuxo e dos rincóns.
Durante todo este 1º trimestre, no cole vivimos un sen fin de situacións e acontecementos que nos proporcionaron un cúmulo de experiencias que deixaron a súa pisada no noso modo de ver o mundo, no noso proceso de maduración e aprendizaxe; como o magosto, o Halloween e agora o Nadal.


Nesta semana, estivemos repasando algúns dos conceptos traballados ao longo do trimestre. Así, entre outros conceptos, traballamos as vogais, a forma circular, descubrimos as cores nos elementos da realidade e traballamos o número 1.
O número en Educación Infantil é un concepto que non se aprende, senón que se constrúe partindo de experiencias cotiás nas que manipulamos, agrupamos, clasificamos... diferentes elementos do contorno.
Deste xeito, para traballar o número 1, levamos a cabo actividades de vivenciación e referencia corporal (converténdonos en equilibristas de circo e camiñando, seguindo a direccionalidade correcta, por enriba dun gran número 1 trazado no chan), tamén actividades de expresión xestual (cando nas rutinas do súper-encargado contamos os nenos e nenas que non viñeron ao cole, os días da semana…) e actividades de discriminación e manipulación de obxectos (cada vez que recollemos e ordenamos os xoguetes en cadanseu lugar, en cadansúa caixa).
Pois ben, esta semana elaboramos o mural do número 1 con plastilina. Para iso, o profe repartiunos un anaco de plastilina que tiñamos que convertir nun número 1.










O certo é que nos resultou moi doado, xa que cando nos toca estar no rincón de plastilina, o profe sempre nos aconsella que fagamos moooitos números 1 para sí saber trazalos correctamente nas fichas.
O resultado, un mural no que cada un de nós aportou o seu graniño de area en forma de número 1… quedamos moi contentos co resultado!

Árbores e luces de cores… xa está aquí o Nadal! Así que seguide moi atentos ao noso blog e veredes como voltades a crer nos Reis Magos, xa que os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!…
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

... MMM, DELICIOUS!!!

viernes, 9 de diciembre de 2011

Este mes incorporamos unha nova rutina á asemblea matinal, e é que como faltan poucos días para a chegada do Nadal e con el un novo ano cargado de ilusións e sorpresas, o xoves 1 de decembro o profe trouxo, tal e como prometera, unha sorpresa: un “Calendario de Adviento”.
Así, cada mañá, abrimos a portiña do día correspondente e, o súper-encargado/a come a chocolatina tras descubrir o debuxo que se agocha en cada unha das súas ventás... mmm, delicious!!!

Esta rutina cotiá, proporciona un cúmulo de experiencias que non deixamos escapar, pois ademais de realizar actividades relacionadas coa lóxica-matemática tales como contar, iniciación á suma, á resta, identificación e trazado de números… propicia multitude de conversas sobre esta data que tan máxica e especial nos resulta.
No noso “Calendario de Adviento”, aparece unha ilustración de Papa Noel no seu trineo co saco repleto de agasallos. Como non podía ser doutro xeito, do trineo tiran os seus compañeiros fieis: os renos.
Sabiades como se chama o reno que sempre vai de primeiro?... Chámase Rodolfo, un reno que ten o nariz de cor vermella e do que todos os seus amiguiños se rían ata que Papa Noel convertiuno no seu axudante máis especial. Deste xeito, Rodolfo sempre vai diante de todo para que Papa Noel non se perda polo ceo e os agasallos lles cheguen a todos os nenos e nenas que lle escribiron a súa carta, xa que “Papa Noel non pode visitar todas as casas do mundo mundial, iso só poden facelo os Reis Magos”. Que por que?... Pois porque os Reis Magos son 3!!!
Como algo anecdótico, destacar o “pequeno-gran problema” que xurdiu nunha das asembleas, pois..., quen comería as chocolatinas da fin de semana?... Menos mal que entre todos e todas chegamos a unha solución que favorecerá a aqueles nenos e nenas que, durante este mes, non lles tocará ser súper-encargado/a:… a solución perfecta!!!
Un saúdo con sabor a chocolate e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

OLA, OLA,... CARACOLA!

viernes, 2 de diciembre de 2011

Esta semana realizamos a nosa primeira excursión no cole dos maiores. Unha intensa saída didáctica por Rianxo na que, aproveitando os recursos tan valiosos que presenta a temática mariña da nosa vila: lonxa, cetárea, “Museo do Mar”, “Aula Activa do Mar”, porto pesqueiro, porto deportivo, praias, etc achegámonos un pouquiño á estrutura e funcionamento do sector pesqueiro galego.
Para isto, ademais, ao longo da semana pasada, organizáronse no cole unhas charlas-obradoiro, nas que coñecimos algunhas das especies mariñas do noso litoral. Buf, algunhas daban meeedo, moooito meeedo!
O certo é que estabamos moi nerviosos e ilusionados e, aínda que nun primeiro momento pensamos que a saída se suspendería polas inclemencias do tempo, finalmente non foi así, e todos e todas moi agarradiños das ás das nosas bolboretas de cores comezamos a visita a Rianxo… acompañádesnos? Pois ben agarradiños que saímos!

O primeiro destino era a charla coa mariscadora da vila que, por mor do tempo, no canto de levala a cabo na lonxa, tivo lugar no Auditorio Municipal de Rianxo. Xunto a Ángeles, coñecimos as prendas de abrigo que teñen que poñer para mariscar nas praias: traxe de buzo, chaquetas especiais varias, luvas aislantes… Tamén nos ensinou e nos explicou como se empregaban algúns dos instrumentos de uso a cotío como o rastrillo ou a pala… non perdimos detalle! Sen lugar a dúbidas, unha profesión para xente dura, moi dura… sabedes que teñen que ir á praia e meterse na auga incluso cando vai frío e está chovendo?...

Logo, fomos a unha cetárea próxima á lonxa. Alí puidemos ver distintos moluscos e crustáceos tales como langostas, centolos, nécoras, camaróns, ameixas… non quedou nadiña sen tocar, ulir e ata… chupar! Podedes imaxinarvos como nos puxemos, non?...

Cando as forzas ían cada vez a menos, tocaba merendar, pero… e as nosas bolsas da merenda, profe?... O profe nos prometera unha sorpresa, nada máis e nada menos que… galletas! Pero non se trataba dunhas galletas calquera, senón dunhas galletas especiais, con letras e que estaban… uuummm, delicious!

Para rematar, e tras un breve tempo de lecer libre no archi-coñecido por todos e todas “parque da tirolina”, visitamos moi brevemente o “Museo do Mar” -no que coñecimos o proceso de elaboración dun barco, dende que se tala a árbore ata que se poñen as velas e o motor- e a “Aula Activa do Mar” -na que nos convertimos en mariñeiros cando subimos ao barco a tamaño real que alí se atopa-.
Xa na clase e cansos, moooi cansos, lembramos todos os lugares visitados, todas as experiencias vividas na saída por Rianxo que, por motivos diversos, será lembrada por sempre xamais por todos e todas e, moi especialmente polo noso profe.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

ABRAPALABRA...

viernes, 25 de noviembre de 2011

Sabedes que moitos dos ex-alumnos do profe veñen ás veces durante o momento do recreo a visitarnos?... Pois si, moitos dos súper-maiores que tiña o curso pasado o profe aproveitan o momento do recreo, ademais de para facer un montón de cousas (merendar, xogar ao fútbol nas pistas dos maiores, á comba e á goma elástica, acudir á biblioteca...) para facernos pequenas visitas.
A verdade é que durante os primeiros días as caras eran de estupor, de sorpresa e, sobre todo, de nostalxia, cando descubrían que a súa foto no percheiro non estaba, que os archivadores tiñan outros nomes e, o máis sorprendente, que no seu sitio había outro neno ou outra nena.
Xa vos contaramos que, aproveitando que estabamos a celebrar no cole o Samaín, os súper-maiores viñeran a meternos medo, a asustarnos con cara de zombies, uuuuh!!!
Pois ben, nunha destas visitas, a un dos súper-maiores ocorreúselle unha idea e, como a confianza aínda non se perdeu de todo, preguntou: “profe, podo lerlles un conto aos nenos e nenas da túa clase?”... Imaxinamos que os blogueiros fieis ao noso blog -porque sabemos que moitos de vos seguides a visitarnos- coñecedes de sobra de quen se trata, non?...
A ver, que neno dende que comezou no cole dos maiores quería ser, entre outras moitas cousas, conta-contos?... Pero non se trataba dun conta-contos calqueira, senón un “conta-contos con carretilla para levar os libros”... lembrades?...
Siii, é Mauro, o irmán de Froilán, que nun destes últimos recreos nos que non saimos ao patio por mor do frío ou da choiva, sorprendeunos converténdose por "arte de abracadabra" nun conta-contos e leunos o conto de: Os Bolechas xogan ao baloncesto (Edit. A Nosa Terra). Se ben é certo, ao principio custoulle un chisquiño dominar ao público, pero pouco a pouco, e lembrando como o facía o profe, embelesou ata o neno e nena máis fedello... non perdimos detalle!



































De todos é coñecido cos contos se convirten en aliados excepcionais nos procesos de ensinanza-aprendizaxe que levamos a cabo na aula, así, ademais de ensinarnos a escoitar e a ver as cousas cos ollos da imaxinación, converténse en poderosos estímulos para o desenvolvemento da creatividade e do pensamento diverxente.
Asemade, os contos tamén nos serven para atoparnos cos problemas éticos fundamentais favorecendo a adquisición dun primeiro código moral ao mesmo tempo que reforzan virtudes e cualidades como o valor da amizade, a humildade, a exaltación da intelixencia e do inxenio...
Ao longo destes meses, foron varios os contos lidos e traballados na clase, servíndonos a súa utilización para crear un clima de diversión e festa que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe: El cumpleaños de Enrique (Edit. Edelvives), La casa de la mosca fosca (Edit. Kalandraka), Os 3 porquiños (Edit. OQO)…
Mauro, estivestes fenomenal, estamos convencidos de que cando sexas maior, te convertirás nun conta-contos fantástico!

Xa vedes como o noso profe aínda se lembra dos que serán para sempre os seus “angelitos”, burbulliñas de amor, gatiños e agora.... súper-maiores!, desexándolles que todo lles vaia xenial... merecédelo!
Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

... DE MARRÓN E AMARELO!

viernes, 18 de noviembre de 2011

Hoxe vivimos no cole un dos momentos que marcará o curso; celebramos o Magosto, un día precedido dunha serie de actividades que de xeito ameno nos serviron para observar, descubrir e identificar algúns dos cambios e características que se producen no contorno e na vida das persoas coa chegada do outono.
Deste xeito, nas asembleas matinais, incorporamos como unha das rutinas da aula a observación, manipulación e experimentación de froitos típicos do outono nas que as nosas familias puxeron o seu graniño de area.
Nestas cestas que cada mañá traian os nosos compañeiros e compañeiras había distintos froitos desta época do ano; dende os máis representativos como as castañas ou as noces, ata outros menos habituais que moitos de nos apenas coñecíamos, tales como as granadas ou os caquis, estes últimos confundímolos cos tomates.
Ademais, no hall do noso pavillón, os profes organizaron unha exposición de froitos do outono,... quedou sensacional!!

Tamén fixemos varias actividades impresas que nos achegaron ás características máis representativas do outono. Así, elaboramos esta actividade individual na que tiñamos que pintar o tronco da árbore da imaxe con ceras plásticas de cor marrón e estampar o dedo impregnado de témpera de cor marrón e amarela nas follas.

Outra das actividades que levamos a cabo ao longo da semana foi a confección da gorra que lucimos na celebración do Magosto e a elaboración do cucurucho para as castañas. Mirade que requete-guapos estabamos...

No Magosto, quen máis e quen menos participou, -algunhas veces ao seu xeito-, nos xogos populares que se organizaron no recinto do centro coma o “tragacastañas”, “magosto de cores”, “carreiras de sacos” e “atrapa a castaña”,... pasámolo fenomenal!!








Agora ben, non todo resultou estupendo e marabilloso, xa que a pesar de que somos os nenos e nenas máis pequerrechos do cole, coidamos que a próxima vez deberemos comportarnos un chisquiño mellor, participando de forma ordeada nos xogos e cumprindo as normas establecidas polos profes-monitores en cada momento. Non sabemos moi ben se foi debido ao noso estado de nervios ou a que nos atopabamos nun espazo aberto, pero dende logo, en ocasións pareciamos “nenos e nenas de guarde”, e iso, no cole dos maiores... non pode ser!!
Mentres participabamos nos xogos organizados, un cheiro a castaña asada lembrábanos, moi impacientes, que as castañas estaban casi listas e preparadas para comer: uuummm..., estaban deliciosas!!










Xa na clase, lembramos as experiencias vividas no Magosto propiciando descubrimentos, xerando aprendizaxes e contribuíndo á interacción entre iguais e aos procesos de socialización infantil. Pero profe, unha pregunta:... cando facemos a ficha?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

PROFE,... QUERO SER ARTISTA!

viernes, 11 de noviembre de 2011

Uf!..., despois de dúas semanas esquecíamonos de contarvos que xa coñecimos a biblioteca do cole... é sensacional!
O pasado luns, asistimos ao “acto de inauguración” que, un curso máis, o “Equipo de Biblioteca” organizou coa proposta de varias actividades nas que nos convertemos nos protagonistas indiscutibles; comezaremos polo principio...
Ao longo deste curso, dende a biblioteca decidiuse traballar o mundo da arte, para iso, intentaremos participar, na medida das nosas posibilidades, nas experiencias e actividades que desenvolven a proposta de traballo titulada:
“profe,... quero ser artista!”.
Previamente, nunha das asembleas matinais achegámonos ao mundo da arte cando o profe formulou unha pregunta: a que se adica un pintor?...
Quen máis e quen menos considerouse un “pequeno-gran experto” nisto do mundo da arte e, entre todos, chegamos a varias conclusións: os pintores empregan pinceis e brochas para pintar, os pintores teñen que ter cadros en branco e témperas de cores e, sobre todo, todos e todas sabiamos que hai pintores de cadros e pintores de casas e pintores de paredes e pintores de mil millóns de cousas. (isto último tiñámolo clariiiiisimo)
Pero nós, xunto cos nosos compañeiros e compañeiras de 3 anos A, ao longo deste curso coñeceremos un pouquiño máis o traballo dos pintores de cadros, concretamente, as obras de Kandinsky... soávos? Deste xeito, contribuiremos ao desenvolvemento especial dunha das 8 competencias básicas establecidas pola UNESCO: a competencia cultural e artística.
No acto de inauguración, e antes de entrar na biblioteca do cole, unha parada obrigada: a porta da nosa biblioteca, que se establece como unha chave máxica que nos permite a entrada a un mundo distinto; o mundo da fantasía, da imaxinación e das sorpresas.
Este curso, o mural escollido é a reprodución dunha das obras pictóricas de Joan Miró. Trátase dunha obra postmoderna na que se poden ver elementos representativos das creacións deste artirsta catalán.
Pero profe,... é unha porta ou é un cadro?... As caras de estupor cando o profe abriu a porta si que foron un cadro, e a porta, simplemente... unha auténtica obra de arte!

Xa dentro, o profe explicounos as normas de obrigado cumprimento para todos e todas cada vez que entramos na biblioteca facendo especial fincapé neso que sabedes que tanto nos gusta... falar! Noooon!!, na biblioteca non se pode falar, en voz alta, só se pode falar amodiño, en voz baixiña.
Ademais, na presentación tamén coñecimos outras peculiaridades da nosa biblioteca.
Sabedes que hai que facer se vemos un libro estragado?... Pois deixalo na “Cruz Vermella” para que os profes o arranxen e non se rompa máis.
Sabedes que na biblioteca temos unha Xouba?... Xouba Castelao é a mascota da nosa biblioteca e a encargada de lembrarnos as normas a través de paneis e pictogramas.
Podemos comer ou beber na biblioteca?... Noooon, iso está prohibido!!

Finalmente, e para cerrar este acto de inauguración todos e todas xunto cos nosos compañeiros e compañeiras de 3 anos A e a profe Silvia, con pinceis, témperas de cores e imaxinación, moooita imaxinación, convertímonos en pintores de cadros e pintamos o noso propio cadro que puxemos no corredor de Educación Infantil.
O resultado, aquí o tedes; un mar de ensoño e fantasía porque nós estamos preparados para embarcarnos nunha viaxe polo mar dos libros,... acompañádesnos?

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

A MOCHILA VIAXEIRA...

viernes, 4 de noviembre de 2011

A partir do martes da próxima semana, introduciremos unha nova rutina que contará cunha periodicidade semanal. Xa están aquí... as “Mochilas Viaxeiras”!!!
A actividade da “Mochila Viaxeira”, está pensada para que, dende a biblioteca escolar, se leve a cabo unha actividade que vos implique, unha vez máis, ás familias, nunha dinámica coa que se pretende unha colaboración na formación de novos lectores.
Así, nesta proposta de traballo contaredes cun papel importante ao servir de guías no correcto uso dos materiais e na aportación persoal ao “Caderno de Viaxe”.
Trátase dunha actividade totalmente voluntaria que consiste en que durante unha semana (de martes a martes) -isto di o profe que é moi importante que o teñades en conta para, deste xeito, non dilatar demasiado a actividade no tempo- cada un de nós, elexido segundo a orde do panel de fichaxe de ausencias e presenzas, levará a “Mochila Viaxeira” para a súa casa. Nela, atópanse o “Caderno de Viaxe” e diferentes materiais educativos relacionados coa lectura.
Durante esa semana na que a “Mochila Viaxeira” permaneza en cada casa, podremos visualizar, manipular, interpretar, ler... os materiais que nela se atopan; ademáis, cada familia deberá consensuar unha temática determinada para plasmala no “Caderno de Viaxe”.
No “Caderno Viaxeiro”, non teremos límite de follas, e as temáticas que se poden abordar son múltiples, así que... imaxinación ao poder!
Entre algunhas posibles ideas: textos de tradición oral (adiviñas, contos, lendas, retahílas, trabalinguas, cancións populares…), cartas, poesías, redaccións, debuxos, impresións e actividades levadas a cabo cos materiais da “Mochila Viaxeira” etc... todas elas servirannos de base para a asemblea matinal de cada martes.
Para que esta proposta de traballo se convirta nunha realidade que repercuta positivamente no noso proceso de ensinanza-aprendizaxe, resulta indispensable que sexamos nós, coa axuda das nosas familias, os encargados de plasmar a temática no “Caderno de Viaxe”. De pouco ou nada serve unha folla estupenda e marabillosa da que pouco ou nada sabemos, debedes facernos partícipes e converternos nos verdadeiros protagonistas da actividade, do contrario a proposta de traballo carece de sentido.
O xoves, na asemblea matinal, había unha mochila da cor da Nube do profe, era de cor azul... celeste! cunhas letras en cor branca, pero... de quen era aquela mochila?. Sería a mochila na que María cada mañá leva a Papelote á escola?, ou a mochila na que o profe trae os seus deberes?... Nooon, era a nosa “Mochila Viaxeira”!
















O profe foi sacando un a un os materiais que levaremos para as nosas casas para compartilos coas nosas familias, hai de todo e para todos os gustos...
En pequenos grupos, examinamos os materiais, quedando patente o saber estar que progresivamente imos amosando cada vez que se presentan situacións inesperadas ao longo da xornada escolar... non perdimos detalle!





































































Deste xeito, os materiais da nosa “Mochila Viaxeira” para este curso serán:

  • Os Bolechas van de pesca. Edit. A Nosa Terra.
  • Catarina, o Oso e Pedro. Edit. Kalandraka.
  • Aves. Biblioteca Educativa Infantil Molino.
  • El sueño infantil. Edit. Mens Sana.
  • Animals. Mini-conto en inglés.
  • Todo sobre caballos y ponis. Colección ¿Qué? ¿Cómo? ¿Por qué?. Edit. Elfos.
  • CD de Un País de Cuentos. Los hermanos Grimm. La Bella Durmiente. Los dos hermanos.

Así que xa sabedes: ese conto que tanto nos gusta, ese libro de poemas que contén palabras fermosas, esas imaxes que tanto nos abraian, eses DVD´s que fan bailar ás pedras, unha película de debuxos animados, un libro que aborda aspectos relacionados cos temas que andamos a traballar… viaxarán connosco ata as nosas casas a partir do próximo martes.
LOIS será o primeiro e xa está preparado, e vos?...

Un saúdo “cos brazos abertos como as páxinas dun libro” e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!