Bienvenido

ENFEITIZADOS POLO ANTIGO EXIPTO...

viernes, 25 de marzo de 2011

Estas últimas semanas emprendimos unha viaxe que nos resultou fascinante. Pero como?..., que aínda non sabedes a onde fomos?... Pois nada máis e nada menos que ao Antigo Exipto.
Da man da nosa súper-abella Pepa, durante estes días descubrimos algunhas das características e elementos máis representativos deste país, e dada a motivación suscitada, este centro de interese propiciou o desenvolvemento dunha pequena secuencia de aprendizaxe na que realizamos distintas actividades cuxo eixo vertebrador foi Exipto.
O que máis nos chamou a atención?... Sen lugar a dúbidas as pirámides e as momias. Uf, que medo!
Sabiades que Exipto é a terra das pirámides?... Pois si, é o único lugar do mundo onde existen. Mandáronas construír os faraóns e son tumbas tan grandes coma palacios. Tardaron en construílas moitos, moitos anos porque están feitas pedra a pedra e algunhas son tan grandes coma un rañaceos. Construíronas no deserto e tiveron que traer as pedras en barco polo Nilo, e logo transportalas facéndoas rodar sobre troncos de madeira. Aínda que por fóra son moi sinxelas, por dentro están cheas de pasadizos e labirintos porque encerran moitos segredos. As máis famosas son as de Keops, Kefrén e Micerino.
A de Kefrén, que é a mediana, ten unha esfinxe, que é unha estatua coa cabeza de persoa e o corpo de león.
Ademais de escaleiras, pasadizos e labirintos, dentro das pirámides están os sarcófagos, que son caixas de madeira pintadas onde se metían as momias.
Cando gardaban os sarcófagos e as momias nas pirámides, os exipcios acostumaban a gardar alí tamén tesouros, obxectos, mobles, amuletos da sorte e tamén figuriñas de gato.
Os gatos eran as mascotas preferidas dos exipcios. Para eles era un animal sagrado.
Os exipcios escribían nas paredes das pirámides. Eles non utilizaban letras, senón unha serie de debuxos e signos: son os xeroglíficos. Para aprender a escribilos e a entendelos necesitábanse 12 anos.
Nos xeroglíficos aparecía moitas veces un signo. Era un amuleto que se chamaba Ankh e que lles daba boa sorte.
Os exipcios, ademais de ser excelentes aquitectos e construír pirámides, tamén foron escultores e pintores.
As pinturas exipcias teñen unha característica moi particular: sempre pintaban as persoas de perfil, é dicir, coa cara de lado, e nunca de fronte ou de costas. Ademais das grandes estatuas de pedra que existen hoxe nos templos e nas pirámides de Exipto, hai grandes museos de arte exipcia noutros lugares do mundo.
Neles, expóñense pezas do Antigo Exipto atopadas polos arqueólogos, cuxo traballo consiste en descubrir obxectos doutros tempos que, case sempre, están enterrados.
Ademais de todas estas curiosidades, tamén situamos a Exipto no globo terráqueo que trouxo un dos nosos compañeiros; así que coas persianas baixas e a luz apagada, decidímonos a comprobar si Exipto queda moi lonxe de Rianxo.
Xa no globo terráqueo, todos e todas queriamos ver o río Nilo que atravesa este gran deserto e fai posible que a xente poida vivir alí. Este río está cheo de crocodilos.

Logo, se queremos ir a Exipto,.... que medio de transporte deberemos empregar?.
-Pois está claro: o avión, o helicóptero ou o barco-
-Barco???, alguen dixo barco???... Noooon, o barco non que hai crocodilos!!!-


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

SOMOS OS MELLORES PORQUE... VOS SODES OS MELLORES!

sábado, 19 de marzo de 2011

"Hai bicos de boas noites ou bicos de simple alegría por un agasallo.
Hai bicos para sanar cando nos facemos dano.
Hai bicos porque si, porque alguén che ten cariño.
Tamén se dan bicos sen tocar: por exemplo, bicos de papel nunha carta ou bicos que se sopran e se mandan polo aire.
Non todo o mundo bica coa boca: os esquimós bican co nariz [...]”
Nin un biquiño á forza.
Maite Canal Editora.

Pero é que ademais de todos estes bicos, descubrimos grazas á colaboración das nosas familias mil millóns de bicos máis: bicos que saben a chocolate, regaliz e menta -mmm deliciooooosos- ou a limón e pica-pica cando nos portamos mal.
Outros que saben a duzura, tenrura e ledicia. Bicos que son alimento para o corazón e bicos que fan estar... na lúa!
Bicos, bicos e... máis bicos!!! que hoxe, lles queremos regalar aos nosos papás ou a aquelas persoas que nos fan sentir especiais.

Somos os mellores porque vos sodes os mellores: FELICIDADES PAPÁ!





Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

A MUDIÑA H...

viernes, 11 de marzo de 2011

Convencidos de que un lector non nace, faise, esta semana seguimos avanzando no noso proceso de lecto-escritura en letra minúscula lembrando a historia dun dos habitantes do País das Letras: a mudiña H.
A mudiña H representa as deficiencias, a súa problemática e aceptación, o rexeitamento de actitudes discriminatorias, a prevención de perigos, a valoración axustada dos factores de risco de accidentes existentes no contorno...

Todos os habitantes do País das Letras sabían que era perigoso camiñar cara a esquerda porque alí atopábanse os temibles xigantes. Os pais e as nais advertían aos seus fillos dos perigos que podían correr senón respectaban esa orde do Rei U e cada vez que saían da casa recordábanlles a dirección cara a onde debían camiñar. Pero ocorreu un día que a pequeniña H estivera xogando cos seus amigos preto dun regato ata que o sol se ocultou tras as montañas. Cando os nenos volveron á casa, fixérono cara ao lado correcto facendo caso dos consellos recibidos dos seus pais antes de saír.
Pero aquel día, á pequeniña H ninguén lle puido lembrar nada, porque os seus pais estaban de viaxe. Así que á hora de retornar á casa, despois de pasar o día pescando no río e divertíndose, empezou a soprar un forte vento e a chover con grande intensidade. Coas présas por refuxiarse non se deu conta e dirixiuse cara as árbores que estaban á esquerda do camiño.
O mago Catapún, que a vira dirixirse cara ao bosque do País dos Xigantes, aproveitou a oportunidade de amolala. Decidiu mandarlle un vento máis forte e frío, que a arrastrou e empuxouna contra unha árbore; deu tal golpe que quedou tendida sobre a herba caéndolle a chuvia enriba. Alí estivo ata que pasou Timbo, o elefante do príncipe E. Ao vela así, colleuna coa súa trompa e con moito coidado colocouna enriba do seu corpo e levouna ao hospital.
Fixeron todo o necesario para curala, pero arrefriárase tanto que non conseguiu recuperar a voz. Non podía dicir nada; quedou mudiña.
Pasaron os días e a mudiña H aburríase por non poder falar nin cantar. Vía que o señor Estudoso debuxaba o corpo de todas as súas compañeiras e a ela nunca a chamaba; enfadouse, púxose triste e, por fin decidiu ir ver aos reis.
Por sinais e con debuxos explicoulles que ela quería ser coma as demais letras e formar parte das palabras. Os reis empezaron a pensar e a pensar, e chamaron ao señor Estudoso para que os axudara a resolver o problema; uns días despois, este díxolles:
- Pode acompañar a algunhas palabras nas que a Familia Real comece a falar, e outras veces podémola colocar no medio, pero só de adorno.
Non sabedes o contenta que se puxo a mudiña H cando lle explicaron a solución...
Unha historia un tanto triste, pero o profe xa nos adiantou que durante as vindeiras semanas veremos á mudiña H moi contenta asistindo á súa primeira festa coa xemelga N -xurdindo así o -NH- .

E cando se xunte coa enfermeira C falará e podrá colocarse en moitas palabras igual que as demais -xurdindo o -CH-.

Este personaxe serviunos de base para seguir traballando de xeito transversal actitudes, valores e normas vencelladas coa Educación Moral e Cívica.
A Educación Moral e Cívica supón educar na convivencia fomentando a solidaridade, a cooperación, a liberdade, a responsabilidade, o respecto e o rexeitamento a todo tipo de discriminación e intolerancia.
Asemade, tamén serviu para lembrar iso que ás veces séguesenos esquecendo: que a lectura e escritura realízase de esquerda a dereita, pola contra, acabaríamos... noooooon, no País dos Xigantes!!!
E queimado o Toribiño, remata o Antroido. Pero esta data cunha incidencia especialmente significativa na nosa aula dado o cúmulo de experiencias vividas, desta vez ademais serviranos para iniciar ao longo deste mes o traballo dun novo sentimiento-emoción: o medo e a vergoña, preparados?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

ESTE MAR SI QUE MOLA!

viernes, 4 de marzo de 2011

Si, si, si, o antroido xa está aquí! E hoxe tivemos o tradicional correrúas que serviu de colofón a unha semana diferente no que levamos a cabo distintas actividades relacionadas co antroido e co centro de interese escollido para este ano.
Desta maneira, a festa do venres estivo precedida dunha semana chea de “antroidadas”, pois, para celebrar a chegada do Antroido, un curso máis, o cole dispuxo nos corredores do pavillón norte e sur o “Toribiño.
O Toribiño é un esquelete que, cada curso visita o cole cun cometido: día a día encárgase de comunicar cal é a consigna establecida, en canto a indumentaria se refire, que debemos levar o próximo día ao colexio.
Desta vez, o Toribiño ordenou: para o luns algo ao pescozo, o martes un zapato de cada cor, o mércores a cara pintada e o xoves algo na cabeza. Podedes facervos unha idea de como iamos: garavatas, sombreiros, collares, viseiras, paxaritas, narices de pallaso, coroas... guapiiiiiiiísimos!
Todas estas consignas establecidas diariamente polo Toribiño, propiciaron un clima ameno e agradable para a adquisición de distintas aprendizaxes, pois, estes días, servíronnos para saber un pouco máis do que iriamos disfrazados: dos pingüíns.
Este ano, o centro de interese para todo o colexio partiu da temática que se está desenvolvendo dende o Equipo de Biblioteca: “O Mar”, así no correrúas houbo de todo e para todos os gustos: cabaliños de mar, buceadores, peixes multicolor, piratas, polbos, mariñeiros e augamares.
Grazas á información en forma de libros e enciclopedias que trouxeron varios dos nosos compañeiros aprendimos algunhas das características dos pingüíns en canto a alimentación, hábitat, modo de vida, tipos e clases...

Descubrimos aspectos tales como que os pingüíns viven no Polo Norte ou na Antártida -lugares onde vai moitíiiiiiiisimo frío- que son ovíparos, -esto quere decir que nacen de ovos, polo tanto non son mamíferos coma o golfiño-, tamén que se alimentan de peixes sendo as femias as encargadas de buscar o alimento mentres os machos quedan a cargo do coidado dos fillos -un dato interesante, non si?-.
Algo que suscitou curiosidade e un interese especial foi coñecer os distintos tipos de pingüíns a través da observación de distintas imaxes: o pingüín de penacho amarelo, o pingüín juanito, o pingüín saltador... axiña nos decatamos que, dadas as características do noso disfrace, iriamos de pingüín emperador que veñen sendo os pingüíns dunha serie de debuxos animados actual: “Madagascar” e da que vimos algúns fragmentos nas nosas visitas semanais á biblioteca do cole.
Toda a información recabada recollímola no encerado a modo de pequeno resumo desta tarefa de investigación que, de maneira amena, levamos a cabo durante estas semanas.
Ademais de todo isto, e para disfrutar ao máximo do correrúas preparamos unhas cancións e unhas retahílas para amenizar o percorrido polas rúas da nosa vila.
Cando por fin chegou o día, o día do desfile, acudimos ao colexio máis simpáticos que nunca, e tras sacar algunha fotografía deste momento que lembraremos durante o resto do curso dado o cúmulo de experiencias vividas, paseamos por todas e cada unha das rúas de Rianxo; algo longo e cansado, si, pero paga a pena observar como cada ano o noso pobo se entrega a este momento converténdose en todo un acontecemento social.


Durante o desfile e acompañados da nosa mascota, a súper-abella Pepa que tamén ía disfrazada de pingüín e de Nelly, o mellor apoio do mundo mundial: cantamos, rimos, saltamos, zapateamos e... OOOOOLAAAAA!!! Deixamos claro á xente que 5 anos B estaba aquí.
Xa de novo na clase, tocaba repoñer forzas e, para iso, o profe dispuxo na mesa grande todos os postres de antroido que cada un de nós aportou, había de todo: roscas, freixós, orellas... ummmmm, estaban deliciosas!!!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!