Estes
días, co gallo da actividade conmemorativa do Día Escolar da Non Violencia e da Paz establecida no Calendario
Escolar, redescubrimos distintos aspectos relacionados coa PAZ.
Para
comezar, botamos man de todo un clásico do curso pasado: Negros y blancos (Edit. Anaya), un conto que relata as
consecuencias dunha encarnizada guerra entre elefantes “Negros y Blancos”... non perdemos detalle!
Unha vez
máis, esta historia serviunos como alicerce de reflexión nas asembleas para
chegar verdadeiramente ao centro deste concepto: a PAZ.
Neste senso,
este curso fomos un chisquiño máis alá e, logo de ler e reler o conto co que
aprendemos que o conflito non trae cousa boa, cadaquén expuxo a súa parte do
conto preferida para posteriormente recreala de xeito libre. A secuencia da
guerra na que os elefantes “Negros y
Blancos” empregaban todo un arsenal de armas foi a máis recreada: pistolas,
escopetas, rifles, puñais, bombas... e sangue, moita moita sangue...
Ademais,
sabedores do papel que xogan os contos na nosa clase, ese mesmo día VALERIA
trouxo o conto de Pinocho, xusto a
historia que necesitabamos para enfatizar, se cabe aínda máis, a importancia do
establecemento de normas axeitadas de comportamento e relación social cos
demais: adultos e grupo de iguais... perfecto!
Ao tempo,
participamos -previa man levantada- en torbeliños de ideas nos que axiña relacionamos
a PAZ con accións como: “no pegar”, “recoger”,
“hacer bien la ficha”... exacto!... a PAZ é algo máis que a ausencia de guerra.
Por outra
banda, e ao tempo que avanzamos no libro de actividades nº4 de MUNELA, preparamos
un accesorio alusivo partindo dun dos troquelados establecidos para tal efecto
que tomaba como base o símbolo por excelencia desta celebración: a pomba da
paz. Pero... era unha pomba ou unha man?... Pois era unha man dobre, de cor
branca, cunha rama de olivo simulando unha pomba, así que en lugar da pomba da
paz... era a man da paz!
Pois...
que mellor que converternos en superheroes e superheroínas pola PAZ que
escribindo con rotulador de cor verde o “P”... superpoderosos!
Finalmente, hoxe mércores 30 de xaneiro, día establecido para a conmemoración, logo do patio xuntámonos
no ximnasio co resto de nenos e nenas de Educación Infantil para cantar,
interpretar e mimar: Barquito de papel,
unha canción que se converte na nosa aula en todo un rito co que resolver
conflitos cotiáns de forma pacífica.
O final a
este acto, non puido ser mellor... un abrazo conxunto de grupo!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se
alimentará dos vosos comentarios!