Bienvenido

ADEUS MIÑOCA... OLA PEPA!

viernes, 24 de septiembre de 2010

Logo da semana intensa das festas da nosa vila agora si podemos dicir que comezamos o cole e esta primeira semana de mandilón estivo repleta de pequenos acontecementos que dun ou doutro xeito marcarán o día a día da nosa aula durante este curso.
Así, cada día, entre todos e todas fomos lembrando algunhas das rutinas que seguiremos desenvolvendo este curso ao tempo que incorporamos outras á parrilla de clase e que agardamos contribúan ao noso proceso de aprendizaxe. Seguiremos tendo pois; rutinas de entrada como o abotoado do mandilón, a asemblea, por suposto a elección do encargado, a fichaxe de ausencias e presenzas e a constatación do tempo atmosférico no panel de Pete, incorporando a realización de operacións matemáticas sinxelas -algo que nos fascina-, a escritura en letra minúscula e actividades de lecto-escritura varias.
Buffffff, e despois de máis de dous meses sen realizar algunha das tarefas co curso pasado faciamos case cos ollos pechados, para máis dun está supoñendo un reto ao que cada día, con máis ou menos éxito, nos estamos enfrontando: cumprir os hábitos e pautas de comportamento establecidas na aula, poñer e abotoar correctamente o mandilón ou mesmo escribir o noso nome son unha mostra de tarefas cotiás que para máis dun están supoñendo toda unha odisea... así que estes días serán duros e intensos pero se poñemos un pouquiño da nosa parte todo resultará máis doado.
Entre as gratas sorpresas acontecidas ao longo da semana, comezaremos destacando a incorporación de dous novos compañeiros; chámanse Aarón e Jade Mireille. O certo é que xa os coñeceramos o primeiro día de clase, o día da presentación, pero non sabemos se foron os nervios ou a desubicación espacial que nos pasaron inadvertidos.
Asemade, tamén nos alegrou a nova co martes nos comentou o profe e é que o mércores, se reincorporaba Marta. E claro, como podedes imaxinar as preguntas por David, o noso David, non se fixeron esperar, xa que... si Marta regresaba de novo do seu cole, por que non voltaba tamén David?... O profe explicounos co cole de David estaba moito máis lonxe co de Marta e que por iso non podía voltar a Rianxo do mesmo xeito que lle pasaba a Estefanía, a nosa mestra de P.E.L.O. cando estabamos en 4 anos e que tamén botamos de menos. Por iso, nese mesmo momento todos e todas fixémoslles a ambos un envío que agardamos recibiran xa: mil millóns dos nosos bicos preferidos desexándolles que todo lles vaia súper-fenomenal.
Tamén coñecemos a Karina a profe de Inglés, a José Luis o profe de Música e a Silvia a profe de P.E.L.O.
Por outra banda, e ao tempo que lembrabamos cousas tan elementais como o correcto trazado dos números do 1 ao 6, as normas de obrigado cumprimento na realización das actividades impresas individuais e ter moi presente iso de que “non todo vale”, -non, aquí non-, despedímonos de Miñoca, a nosa Miñoquiña amareliña, para darlle, moi ilusionados a benvida á abella Pepa.
Tratouse dunha despedida alegre, xa cos libros co profe nos ensinou e que comezaremos esta semana teñen unha pinta estupenda e, ao tratarse de libros de 5 anos, teñen actividades de maiores, e claro, xa sabedes o que nos gusta iso de sentirnos maiores...
Pepa é unha abella que revoa de flor en flor no bosque das flores da risa e á que lle gusta especialmente ler contos, de aí que se atope connosco na clase de 5 anos, pois este curso coa axuda de Pepa e do profe seguiremos avanzando no proceso da lecto-escritura en letra maiúscula e intentaremos iniciarnos no correcto trazado e identificación das grafías en minúscula.
Atópase situada nun lugar privilexiado da aula e en cada unidade didáctica converterase nun excepcional eixo motivador que nos presentará, a través das súas historias, cada centro de interese: o colexio, o outono, o Nadal, o Antroido...
Aquí vos presentamos á nosa nova mascota: a abella... PEPA!!!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

VIÑERON OS EXTRATERRESTRES DURANTE O VERÁN?

viernes, 10 de septiembre de 2010

Siiiiiiiiiiii, hoxe comezou de novo o cole tras as vacacións de verán e, aínda que pasaron xa máis de dous meses dende que moitos nos vimos por última vez, por moito que pase o tempo hai cousas que nunca cambian e seguimos sendo uns auténticos charlatáns...
Así, unha vez todos e todas na aula e sentados no mesmo sitio co curso pasado na “nova liña vermella” da asemblea había olladas de vergoña, moooita vergoña; o profe estaba sorprendido e pensou cos extraterrestres durante o verán viñeran a Rianxo e cambiaran aos seus nenos e nenas xa que non eramos os mesmos de sempre... que nos pasaba?
Pouco a pouco, e a medida que transcurría o tempo, a eses nenos e nenas que non falaban, a eses que cambiaran os extraterrestres durante o verán, axiña lles viñeron á cabeza mil millóns de anecdótas e se algo quedou claro, foi que durante as vacacións o pasamos non ben, senón requete-ben e vimos coas pilas recargadas para afrontar todas as actividades que nos agardan este curso.
Ao tratarse hoxe dun día especial no ca horario se refire, basicamente adicámonos a poñernos ao día e facer partícipes ao resto de compañeiros e compañeiras e ao profe de todas as vivencias que, dalgunha maneira, marcaron as nosas vacacións. Menudas vacacións máis intensas!
Destacar o feito de que varios aproveitamos este momento para lembrarlle ao profe que nos meses de xullo e agosto fora o noso aniversario e que polo tanto a nosa foto debía estar na tarta de 5 anos... xa!
Estabamos contentos, nerviosos, ilusionados... raros, o profe notounos, -con algo de nostalxia-, maiores, moi maiores, unha proba evidente do paso do tempo e do noso proceso de desenvolvemento.
Logo da asemblea, descubrimos algunhas das novidades máis significativas da aula: novos compañeiros e a Pepa a nosa nova mascota, puzzles para o recanto de lóxica-matemática, máis accesorios no kit de perruquería e médico para o recanto de xogo simbólico, libros de lectura no recanto da biblioteca, por fin un radio-CD que funciona... e, sobre todo, algo que non nos pasou desapercibido, a organización dos equipos xa co panel de ausencias e presencias cambiara notablemente.
Para iso, observámolo detidamente e descubrimos que, durante este curso teremos 4 equipos de cores. Tamén nos chamou a atención a nova distribución das mesas... onde está o meu sitio? Para despexar dúbidas e, mediante unha dinámica sinxela, coñecimos o noso sitio para este curso e con quen compartiremos diariamente as actividades e o traballo individual.
Finalmente, nos derradeiros minutos, o profe deixounos escoller un dos seus contos e, de xeito unánime todos quixemos o de Sonidos de Miedo (Edit. SM) que, por iso de tratarse dun día especial, hoxe si non houbo ningún problema, xa que este conto reservámolo para os días de Samaín.
Buffff, souponos a pouco, pero sen lugar a dúbidas foi o mellor aperitivo para comezar este curso con máis ganas ca nunca e co mellor dos nosos sorrisos...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

O 10 DE SETEMBRO... COMEZAMOS!!!

miércoles, 1 de septiembre de 2010

Logo dunhas merecidas vacacións de verán voltaremos a vernos de novo o próximo venres 10 de setembro e, aínda que a moitos de nós, custaranos coller de novo os hábitos e o ritmo de traballo acadados ao longo do pasado curso, quen máis e quen menos seguro que está desexando atoparse de novo cos compañeiros e compañeiras, coñecer en que equipo de traballo estaremos e en que mesa nos sentaremos, á nosa nova mascota, participar nas “asembleas de maiores” tal e como nos prometeu o profe...
Este curso será moi importante para todos nós... bufffff, e é que xa somos os maiores de Educación Infantil, e como tales, deberemos dar exemplo aos máis pequenos, aos nenos e nenas de 3 anos que comezan esta etapa que para moitos de nós e para moitas das nosas familias está resultando sensacional.
Un curso máis, e a medida que avance o calendario, iranse sucedendo as distintas actividades e conmemoracións que marcan o curso e o ritmo da nosa aula: as cabazas do Samaín e as castañas do magosto, os ensaios e nervios do Festival de Nadal, as máscaras e disfraces do Antroido... e mil millóns de acontecementos que vos iremos contando no noso blog; un blog que con esta entrada da por inaugurado oficialmente o curso académico 2010-2011 o curso no que nos despediremos do mandilón...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!