Bienvenido

GRANDES INVENTOS E FAZAÑAS.

viernes, 30 de mayo de 2014

A curiosidade espontánea, sen límites, e a nosa capacidade de asombro, milleiros de veces condúcennos a preguntarnos constantemente como e por que...
Deste xeito, ao longo destas semanas, descubrimos o orixe do invento que dá inicio ao medio de transporte, e a súa evolución ao longo do tempo, favorecendo a reflexión e a relación cos transportes e tecnoloxías actuais.
Neste senso, mediante a observación, a reflexión e a aprendizaxe crítica, a través do traballo do centro de interese dos inventos e inventores, descubrimos diferentes formas de viaxar, recoñecendo medios de transporte e a súa evolución a través do tempo, apreciando a importancia dos inventos e do desenvolvemento tecnolóxico.
Para comezar, a partir do conto motivador da unidade Aventura no barco, no que se narra a aventura de ARIS no fondo do mar, interesámonos sobre os medios de transporte mariños e da tecnoloxía que se emprega para explorar o fondo do mar.


Asemade, coñecedores das repercusións na estimulación do cerebro, da aprendizaxe e da memoria dos “Bits de Intelixencia”, de novo convertíronse nun recurso didáctico excepcional que propiciaron un encontro con diferentes medios de transporte, algúns deles descoñecidos para moitos de nós como o concorde ou o reitwagen.













Tras estas e outras experiencias de aprendizaxe, aprendemos que a primeria viaxe do tren por España foi entre Barcelona e Madrid, e que este xa contaba nada máis e nada menos que con 24 vagóns.
Pola contra, o primeiro coche do mundo construíno un enxeñeiro alemán que se chamaba Karl Benz. Tan só tiña tres rodas e un pequeno motor na parte de atrás.
Máis tarde, Isaac Peral, sería o enxeñeiro e mariño español que inventou o primeiro submarino que funcionaba con motores eléctricos e no que xa se apreciaba o perisocopio, o temón e a hélice.


Pola súa parte, Charles Lindbergh foi un aviador e enxeñeiro de Estados Unidos e o primeiro piloto en cruzar en AVIÓN o Océano Atlántico nun voo sen escalas e en solitario que durou 33 horas e 32 minutos... case nada!
Finalmente, tamén descubrimos que o suízo Bertrand Piccard e o británico Brian Jones subiron a un globo e que en tan só 19 días, 21 horas e 47 minutos, deron a volta ao mundo sen parar nin unha soa vez.
Por outra banda, a proposta de traballo desta unidade de programación, encamiñouse a tratar transversalmente a Educación Vial, a través do coñecemento e respecto das normas de comportamento e seguridade nos transportes, ao tempo que desenvolvimos actitudes cívicas no uso dos medios de transporte públicos.
Do mesmo xeito, a partir deste centro de interese, recoñecimos e diferenciamos diferentes portadores de texto vencellados cos medios de transporte, tales como o pasaporte, -carné especial que empregaremos para viaxar fora de España-, e o itinerario do autobús, -identificando o número do autobús e as paradas-.
Ademais de todas estas actividades, nesta ocasión traballamos a obra: Vista da ponte Sèvres e os outerios en Clamart, St. Cloud e Bellevue de Henri Rousseau, un dos máximos representantes da arte naíf.

 
Con esta lámina de arte, achegámonos ao coñecemento do devandito artista así como ao do seu estilo pictórico, centrando a atención na recreación plástica dalgúns dos medios de transporte -antigos e modernos- que aparecían: avión, globo, cepelín, barco...


Agora xa, coas vacacións de verán á volta da esquina... cal será o medio de transporte que empregaremos nas nosas viaxes?... por terra, mar ou aire?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

MUSICANDO A DÍAZ CASTRO...

viernes, 23 de mayo de 2014

Hoxe venres, puxemos o broche de ouro á “Semana das Letras Galegas”, asistindo ao recital poético que se levou a cabo no auditorio municipal.
Pero antes deste recital poético, foron varias as actividades desenvoltas co gallo desta conmemoración marcada no calendario escolar.
Deste xeito, para comezar, situamos Galicia no mapa de España, comprendendo, máis ou menos, a inclusión de Galicia nun territorio máis amplo, en España.
Ademais, por si todo isto fose sinxelo, decidimos complicalo un chisquiño máis, e ao tempo que incluiamos a Galicia en España, incluiamos Rianxo na provincia de A Coruña e a provincia de A Coruña en Galicia... uf, vaia lío!
Para afianzar e consolidar contidos, localizamos Galicia nun mapa de España e coloreámola con ceras plásticas, ao tempo que pegabamos un adhesivo de ARIS cun estilo máis viaxeiro que nunca. Agora ben, para viaxar fora de Espana, o pasaporte resultará imprescindible, tal e como traballamos no centro de interese que desenvolvimos estas semanas e do que vos daremos boa conta ao seu debido tempo.


Este curso, Xosé María Díaz Castro foi o autor homenaxeado e xa a semana pasada descubrimos algúns datos significativos da vida deste escritor tales como que naceu no ano 1914 en Guitiriz (Lugo), que traballou nun Ministerio de Madrid, que foi moi bo estudante e coñecía diversos idiomas (inglés, francés, portugués, italiano, alemán, ruso...), amante da ornitoloxía chegou a xuntar case douscentos ovos...
Ademais, tamén coñecimos que escribiu en varios xornais e moitos cadernos de poesia: Follas Verdes, Follas ao Aire... e que un dos seus libros publicados foi Nimbos.
De Nimbos, traballamos dous poemas: A Noite é... e Esmeralda.
A función deste tipo de textos, da poesía, é inducir na persoa lectora sentimentos e emocións, entreter e divertir, comunicar fantasías ou feitos extraordinarios, transmitir valores culturais, sociais e morais...
Así pois, a partir destes pequenos textos extraídos de Nimbos, fixemos un achegamento ao goce e disfrute do ámbito poético, analizando o número de estrofas, os versos de cada estrofa, a cadencia rítmica... tamén fixemos xogos sinxelos de recreación substituindo palabras sen que a mensaxe perdese sentido.
Unha vez traballados ambas poesías recreamos con debuxos variados o que Xosé María Díaz Castro tentaba transmitir con cada palabra, con cada verso, con cada estrofa.
E como para gustos estas as cores, os debuxos eran ben distintos para cada caso, un feito irrefutable de que as poesías teñen múltiples interpretacións dependendo da persoa.

















Finalmente, hoxe venres asistimos ao recital poético no que o alumnado de Educación Primaria recitou extractos poéticos variados que facían alusión a instrumentos musicais. Desta maneira, implicitamente seguimos traballando a temática desenvolta este curso polo “Equipo de Biblioteca” baixo a campaña: “Do, Re, Mi… le un libro e sé feliz!” no que se misturaron a música e as emocións.
Por parellas, foron saíndo a recitar todas as clases do cole, ao tempo que se tocaba unha breve peza musical co instrumento ao que se aludia no extracto poético. Sonou o piano, a trompeta, o saxofón, o oboé, o clarinete... e ata unha guitarra eléctrica!
Sen lugar a dúbidas, o noso é un cole de artistas, xa que non só se convertiron en excepcionais músicos algúns nenos e nenas que cursan estudos na “Escola de Música”; senón que ademais, Silverio o profe de Música de EP, Lis o bedel, e mesmo Dany, o noso director, amosáronnos as súas dotes para a música... formidable , un espectáculo extraordinario!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

PARA UNHAS FAMILIAS XENIAIS E ESPECIAIS!

viernes, 16 de mayo de 2014

Un curso máis, e tendo en conta a sociedade na que vivimos e a diversidade de familias existente, este xoves 15 de maio celebramos o “Día Internacional da Familia”.
O 20 de setembro de 1993, a Asamblea Xeral das Nacións Unidas decide que o 15 de maio de cada ano se celebre o “Día Internacional da Familia”, facendo eco da importancia que a comunidade internacional lle outorga á familia.
Sen lugar a dúbidas, a familia convírtese nun elemento importante nas nosas vidas, pois constitúe o primeiro grupo social ao que pertencemos e nela establecemos a nosa base afectiva e cultural e adquirimos os valores e normas vixentes no noso contorno socializador próximo.
Hoxe en día, existe unha gran diversidade de estruturas familiares, por iso, nas asembleas matinais previas ao “Día Internacional da Familia”, tentamos fomentar o respecto e valoración da propia familia; achegándonos aos distintos tipos de familias existentes.
Neste senso, resulta sempre interesante traballar este tema a partir do conto: Teño dúas casas (Edit. Embora).
TEÑO DÚAS CASAS (Embora Edicións)
Mamá e papá xa non viven xuntos, así que agora a protagonista deste conto ten dúas casas, dúas casas moi chulas nas que escoitar música, debuxar tirada no chan, xogar con todos os xoguetes...
Esta historia representa de xeito excepcional a normalidade das familias de proxenitores divorciados/separados; unha situación que lonxe de supór un problema, tal realidade pode ser unha positiva fonte de experiencias vitais.
Así pois, este curso resultou innecesario comentar que membros compoñen as nosas familias, e aos membros básicos e principais, nomeamos outros tales como as madriñas, os padriños, curmás... Asemade, parece que neste curso, quedounos claro que os nosos amigos e amigas por moito que os queiramos non son membros das nosas familias.
Por outra banda, durante estes días, reservamos pequenos intres durante as xornadas para confeccionar o agasallo para as nosas familias.
 Este curso, ao ser os súper-maiores de mandilón, confeccionamos un agasallo do máis elaborado no que traballamos con materiais e técnicas variadísimas da linguaxe plástica: depresores de cores, pasta para modelar, témpera, ollos móbiles, fieltro, alfileres, gomaeva, plumas e... ata empregamos unha pinza de madeira de colgar a roupa!
O resultado??... Pois logo de modelar e pintar as formas creadas coa peza de “plasti especial” que nos repartiu o profe, deixala secar ben ao sol, pintar unha de cor vermella e outra de cor amarela, de redecorar a forma vermella con puntiños estampados con bastonciños dos oídos, pintar con pincel e témpera verde a pinza de madeira... 


...tocoulle traballar un chisquiño ao profe e, con pistola de silicona, recreou un remember para pór na porta da neveira co que as nosas familias non esquecer aquelas cousas que sempre esquecen, aquelas cousas que se lles escapan no seu día a día... agora xa non teredes excusa!...




Nembargantes, sobre todo e o máis importante familias, non debedes nunca esquecer que... somos os mellores porque vós sodes as mellores!... Unhas familias xeniais e especiais!...



Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

PASATEMPOS!...

viernes, 9 de mayo de 2014

Sabedes que antes das vacacións conmemoramos no cole a Semana da Prensa?... No noso cole, esta actividade conmemorativa non pasou desapercibida, organizándose varias actividades nas que redescubrimos aspectos vencellados con este medio de comunicación social.
Así pois, estamos a piques de publicar un novo número do xornal “Voces Rianxeiras”.
Tendo en conta todas as clases do cole, organizouse o traballo por seccións: deportes, cultura, sociedade, pasatempos…
Este curso resultou innecesario explicar que era un xornal e que trataba, xa que a maior parte lembrabamos as aprendizaxes adquiridas cursos pasados sobre esta temática.
Lembrades?... Cando tiñamos 3 anos convertirámonos en mini homes e mulleres do tempo e o curso pasado en expertos xornalistas deportivos achegándonos á natación da man da sereíña olímpica Mireia Belmonte, nadadora profesional que participou nos Xogos Olímpicos de Pekín 2008 e Londres 2012.



Este curso, decidimos elaborar os pasatempos para o xornal do cole, pero... que son os pasatempos dun xornal?...
Na asemblea matinal, achegámonos a esta sección que apenas coñeciamos, xa que os nosos coñecementos previos vencellábanse con actividades tales como debuxar, colorear ou recortar... nun xornal?... Nooon, nin moito menos!
Os “pasatempos” é a sección que adoita aparecer nas follas finais dos xornais con diferentes temáticas: encrucillados, sopas de letras, sudokus, xeroglíficos... e un longo abano de actividades coas que os maiores “pasan o tempo” logo de ler as novas dese día.
Así pois, e cunhas ideas xerais acerca dos “pasatempos”, decidimos escoller xunto cos nosos compañeiros e compañeiras de 5 anos A, unha temática común. E que mellor temática que a época medieval?..., unha excelente elección coa que lembramos elementos traballados o trimestre pasado.
Agora, tocaba o máis complicado... que podiamos facer?...
A verdade é que fomos ao sinxelo, a aquilo de sobra coñecido por todos e todas e tiramos das adiviñas acompañadas de sendos debuxos alusivos e dun encrucillado cuxo eixo globalizador partía dunha palabra significativa que non podía ser outra que “CASTELO”.
Antes de elaborar o encrucillado, e para achegarnos de xeito concreto a este pasatempo, solucionamos a modo de actividade impresa cadanseu encrucillado, un encrucillado con palabras fáciles, moooi fáciles, que nos custou resolver máis do que debera.


Finalmente, e con Aris como peza central da nosa aportación para o xornal do cole, deseñamos a folla cos nosos pasatempos nos que o lector camiñará por pasadizos, torres e cámaras secretas dos castelos medievais... sodes quen de solucionalos?...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!