Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de
Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas
recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador A EDUCACIÓN EMOCIONAL.
A situación producida polo COVID-19, trae consigo unha
nova normalidade á que adultos e nenos temos que adaptarnos progresivamente: desenvolvemento
de hábitos de hixiene persoal con lavado continuado de mans, emprego de
mascarilla, distanciamento social...
Durante estas semanas sen clases, as recomendacións semanais
centráronse na literatura infantil como recurso de achegamento á
lecto-escritura, na lóxica-matemática como estratexia de resolución de
problemas cotiás a partir de habilidades propias deste tipo de razoamento e pensamento,
na expresión artística en diferentes variables: linguaxe plástica, musical,
corporal,... mesmo na linguaxe audiovisual e TICs que neste tempo, máis que
nunca, contan cunha presenza significativa.
Alén disto, o máis importante nestas semanas, é comprender
e sobrelevar todas as novidades que se producen nas nosas rutinas. Así, para nenos/as
e adultos, resulta necesario, o descubrimento, identificación, control e xestión
de emocións e sentimentos.
A Educación Emocional cobra unha especial relevancia
en Educación Infantil, converténdose no fío condutor das actividades propias de
cada xornada escolar. Así, desenvolvemos numerosas habilidades
sociais a través da resolución pacífica de conflitos que xorden na convivencia
da aula, fomentando a toma de decisións autónomas e responsables. Porén, cedemos
no conflito regulando impulsos e emocións negativas, -adoptando segundo a situación
o mellor comportamento posible-, traballamos en equipo colaborando cos demais, -valorando
e respectando a diversidade como elemento positivo e enriquecedor-... etc
Alomenos polo momento, toca adaptarnos a esta nova situación que, para comezar, debemos entender. Neste senso, que mellor que identificar, comprender e controlar emocións e sentimentos propios e alleos...
Para isto, resulta interesante que sexamos
nós mesmos os encargados de identificar situacións con risco de conflito
emocional, artellando a resposta máis axeitada en cada caso. A verbalización de estados de ánimo e de
reaccións emocionais: ledicia, tristeza, enfado..., convértese nunha estratexia
ideal como lanzadeira de ideas previas, expresando sentimentos e emocións en situacións
cotiás, traballando o autocontrol de reaccións e estados de ánimo, o
aprazamento de demandas e recompensas...
Ao longo destes 3 cursos, as emocións convertéronse
en fonte inesgotable de ensinanza-aprendizaxe. Xuntos axudamos a El Monstruo
de Colores (Edit. Flamboyant) a poñer en orde as súas emocións. Asociamos
emocións a cores e, sobre todo, asociamos emocións a situacións cotiás, xestionando
as emocións negativas a través dunha actuación flexible e dialogante.
Xuntos aprendemos a identificar emocións e
sentimentos en nós mesmos e nos demais, tamén recoñecemos motivacións persoais
e grupais, erros e acertos, empregando un pensamento alternativo que vai máis
alá dos nosos propios intereses. Agora xa, familias, deberedes seguir afondando
na linguaxe das emocións para que o comezo da etapa da Educación Primaria supoña
o menor custo emocional para os nenos e nenas.
A vindeira semana, a partir da entrega do material
impreso de MUNÍBAL, poderedes poñer a proba a atención, comprensión e perseveranza
dos nenos e nenas, traballando a tolerancia á frustración e o
afán de superación persoal... estas tarefas suporán unha excelente oportunidade
para fomentar a construción dun autoconcepto e autoestima positiva.
Familias, cos nosos máis e cos nosos menos. Coas nosas malas decisións,
pero tamén coas mellores ideas do mundo. Toca volver a ser un mesmo... Á N I M
O!
0 comentarios:
Publicar un comentario