Bienvenido

LONDRES. A CAPITAL INGLESA.

viernes, 29 de abril de 2016

Como xa vos adiantaramos, co gallo das actividades do libro nº5 de MOLI, mergullámonos na cultura inglesa. A motivación partiu dunha nova viaxe de MOLI, na que debía descubrir algunhas curiosidades sobre Londres.
Durante o desenvolvemento da unidade, coñecemos diferentes formas de viaxar e as características dos transportes segundo o medio físico de desprazamento, recoñecemos a tecnoloxía relacionada cos transportes, identificamos e aplicamos medidas de seguridade nos medios de transporte...
Agora ben, sen lugar a dúbidas, o que máis motivación supuxo foi descubrir algunhas características de Londres.


Londres é a capital do Reino Unido. É unha cidade grande e moderna na que viven millóns de persoas recoñecida en todo o mundo, sobre todo, polos seus autobuses de dous pisos, caixas de correos e cabinas de cor vermello. Tamén pola Torre do Reloxo -popularmente coñecida como o Big Ben-, numerosas pontes que cruzan o Támese como a célebre Ponte da Torre, grandes monumentos como a Abadía de Westminster, importantes museos como o Museo Británico, a Galería Nacional ou o Museo de Historia Natural... Londres é unha cidade inconfundible!
Asemade, grazas a MOLI e a ALISON, a guía turística que coñecemos nesta viaxe, descubrimos elementos de Londres tan interesantes tales como que esta cidade ten un OLLO, que hai SEÑORAS PIRULETA e que se pode viaxar en PATO.


O Gran Ollo de Londres (London Eye) é unha das noras máis altas do mundo, pódese ver case toda a cidade... enormous!
As Señoras Piruletas (Lollipop Ladies) regulan o tráfico nas zonas escolares... be careful!
O Pato de Londres (London Duck) é un medio de transporte anfibio que circula polas rúas de Londres e que, ao chegar ao río Támese, se mergulla e frota coma se fose un barco... amazing!
Si ben é certo, este país non resulta algo novo para nós, e fascinados polas series que realizamos nas actividades impresas de lecto-escritura e de lóxica-matemática, un bo día decidimos reflexar as cores de bandeiras de sobra coñecidas, ocupando un lugar destacable a bandeira de España (logo de que MIGUEL en 3 anos trouxera vestida a equipación completa da selección española) e de Londres (descubrindo esta combinación grazas aos coñecementos compartidos de MARCOS no arquivador e no “English Corner” da teacher Karina).


Rematamos este fabulous travell cun debuxo no que cadaquén plasmou aquilo que se leva de recordo da súa viaxe a Londres, e baixo o título de “MOLI IN LONDON”: as Señoras Piruleta, a Torre do Reloxo ou o Gran Ollo, dende esta semana ocupan un lugar destacado no corcho da aula... its so beautiful!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"OS LIBROS SON PARA VALENTES".

viernes, 22 de abril de 2016

“Teño follas de marfil, palabras, máis de mil e o meu día é... o 23 de abril!” con esta adiviña, comezamos unha semana na que conmemoramos o “Día do Libro 2016”.
Sabedes por que se celebra o “Día do Libro” cada 23 de abril?...
Para celebrar o “Día do Libro” escolleuse o 23 de abril por coincidir este día co falecemento de grandes escritores universais tales como: Miguel de Cervantes, Garcilaso de la Vega ou o mesmísimo William Shakespeare.
Deste xeito, no ano 1995 a UNESCO promulgou o 23 de abril como “Día Internacional do Libro”, a pesar de que no caso concreto de España xa se viña celebrando dende o ano 1930.


Esta conmemoración, non pasou desapercibida no noso cole, e aproveitando que o 17 de maio celebraremos a Semana das Letras Galegas 2016, o xoves fomos ao Auditorio Municipal para asistir a unha “sesión de contacontos” moi particular sobre a vida e obra de Manuel María.
Ese día non tivemos asemblea, aproveitamos para traballar nunhas actividades de MOLI... coas que axiña remataremos o libro 5!... Pronto vos contaremos cantas cousas aprendemos de Londres, a capital inglesa!...
Así pois, en parellas baixamos as rúas da nosa vila ata chegar ao Auditorio. 


O certo é que non sabemos ata que punto comprendemos o mensaxe da historia que relatou aquel entregado actor enriba, abaixo, a un lado e ao outro do escenario -non parou un minuto... que actividade!-, pero do que non cabe dúbida algunha e do moito moitíiisimo que rimos...


Por outra banda, xa hoxe venres, dende primeira hora, descubrimos que o “Equipo de Biblioteca” nos deixara un agasallo en forma de conto.


Así, aos contos do noso rincón de biblioteca, engadimos un novo: Cuando me convertí en lobo (Edit. Anaya).


Cuando me converti en lobo é a historia dun pai que lle conta un segredo á súa filla. Algo que lle ocorreu de pequeno e que lle serve de escusa para descubrirlle algo moi importante para deixar de ter medo polas noites...


Unha vez desvelado o título do conto, nesta ocasión as hipótesis sobre o que escondía o agasallo resultaron innecesarias, -estaba clarísimo, o agasallo era un conto-, conversamos sobre os nosos contos preferidos decatándonos de todos os que coñecemos. Saíron, dende os contos de sempre, os contos de toda a vida como Caperucita Roja, Los 3 cerditos ou El patito feo, ata outros que toman como protagonistas personaxes de debuxos animados da tv: Peppa Pig, Mickey Mouse, Elsa e Anna de Frozen, as incombustibles Tortujas Ninja...
Asemade, nesta escolma de contos, tamén destacamos os da Colección Serie Azul da Editorial Vicens Vives cos que os derradeiros contacontos do curso nos están deixando sen palabras cos seus primeiros exercicios de prelectura: La vaca bailarina, Verónica el hada buena, Los osos toman el sol...
De todos é coñecido que os contos se convirten en aliados excepcionais nos procesos de ensinanza-aprendizaxe que levamos a cabo na aula. Os contos serven para atoparnos cos problemas éticos fundamentais favorecendo a adquisición dun primeiro código moral ao tempo que reforzan virtudes e cualidades como o valor da amizade, a humildade, a exaltación da intelixencia e do enxeño...
Facéndonos eco das palabras de Pedro Feijoo para Bibliotecas Escolares de Galicia no Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor 2016: “para todos hai un libro. Ou dez. Ou mil. Outra cousa é que esteamos dispostos a abrilos. Que me dicides, valentes, atrevédesvos?”...
Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

EDI: Encerado Dixital Interactivo.

viernes, 15 de abril de 2016

A incorporación, cada vez máis xeralizada, das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) ás aulas de Educación Infantil permite personalizar a educación e adaptala ás demandas e ao ritmo do alumnado.
Como xa vos contaramos no 1º trimestre, a nosa aula non podía permanecer á marxe das TICs, por iso, este curso decidiramos incorporar ás nosas actividades cotiás a interacción co Encerado Dixital Interactivo (EDI).
O EDI é unha ferramenta tecnolóxica que permite proxectar contidos dixitais nun formato axeitado para a visualización en grupo, tamén realizar actividades moi diversas en diferentes linguaxes, axudar a centrar máis facilmente a atención, desenvolver a creatividade e o pensamento intuitivo… aproveitando as posibilidades educativas dos recursos multimedia da aula.
Así pois, ocasionalmente en gran grupo desfrutamos das actividades que nos ofrece MOLI no seu CD de tarefas reforzando e ampliando algúns contidos propios da etapa: lóxica-matemática, lecto-escritura, grafomotricidade, as cores, nocións espaciais, temporais, topolóxicas, musicais…



Ao tempo, e sen decatarnos, iniciámonos na adquisición doutras capacidades, competencias e habilidades máis específicas como manexar con precisión o punteiro do rato, prender e apagar o ordenador, identificar e empregar as iconas para acceder aos programas e/ou xogos... valorando as TICs como medio de información, coñecemento e expresión.
Agora xa, convertidos en pequenos-grandes expertos no uso do EDI, a semana pasada aproveitando que comezabamos unha nova rolda de súper-encargados e encargadas, incorporamos á nosa parrilla de clase a rutina do EDI... unha idea fantástica!
Ata o momento foi a quenda de: NICOLÁS, XIMENA, SANTIAGO, PAULA, NAIRA e EVA.


Estas e outras actividades, axudarán a contribuir ao desenvolvemento da Competencia Básica establecida pola UNESCO: Tratamento da Información e Competencia Dixital, acadando obxectivos incluídos no “Plan de Integración das TIC´s” do centro... que interesante!
Como dato anecdótico, e dada a novidade dos primeiros días, resulta curioso como nos colocamos arredor do EDI e do súper-encargado para ver como xoga... non perdemos detalle!  
Agora máis que nunca, contamos os días que quedan para ser súper-encargado/a… xogar co EDI é divertidísimo!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

MÉTODO CIENTÍFICO.

viernes, 8 de abril de 2016

Aproveitando o traballo referido aos seres vivos desenvolto nas derradeiras semanas do 2º trimestre, contarémosvos unha experiencia que resultou especialmente motivadora: o nacemento dun dinosauro na clase!
Así pois, antes das vacacións, participamos, sen apenas darnos conta, nunha experiencia que nos permitiu iniciarnos no método científico.
A actividade desenvolveuse a partir dun ovo que ao tacto semellaba de plástico: era suave, duro e pesado dabondo. Este ovo, segundo nos explicaron varios compañeiros -BRUNO, YAGO e MIGUEL-, había que metelo en auga, agardar alomenos 5 días e sairía un... dinosauro!?
O experimento disposto no banco da asemblea durante os días que durou a experiencia, converteuse nunha visita obrigada no momento da entrada. As hipóteses non tardaron en aparecer.


Día a día vimos como o noso dinosauro amosaba a cabeza, o pescozo e os brazos. Comprobamos a súa cor: amarela e marrón, tamén as súas dimensións... axiña coidamos que se trataba dun T-Rex.


A espera fíxosenos longa e non nos daba chegado o día no que incorporariamos esta achega ao rincón de piratas: que impacientes!


Esta experiencia lúdico-exploratoria, converteuse nunha fantástica situación na que grazas á observación, exploración e experimentación, construímos activamente os nosos coñecementos e aprendizaxes.
A partir da mesma, desenvolvemos o pensamento racional e a nosa capacidade de análise, tratamos de comprender a situación real a partir dos seus compoñentes, baseándonos no uso sistemático da razón.
De tal xeito, realizamos un experimento que nos brindou a oportunidade de observar determinados fenómenos, de establecer e formular as nosas propias hipóteses para, posteriormente, comprobar si estabamos no certo ou non, chegando a realizar novos descubrimentos.
Para rematar, xa hoxe venres, como colofón a uns días adicados a pensar coas mans a partir dos bloques lóxicos do caderniño nº2 de MOLI, reservamos un tempo para reflectir todas as aprendizaxes adquiridas nun debuxo que nos levaría, nada máis e nada menos, que á época na que viviron os dinosauros.
Así pois, cadaquén debuxou o seu dinosauro preferido, non sen antes ollar en pequeno grupo un libro de información onde aparecían distintos tipos de dinosauros: aéreos, terrestres e mariños.


O resto de detalles do debuxo correría a cargo de cada un, pois debía de completarse con outros elementos da época: covas de pedras, ovos de todos os tamaños -incluso algúns a piques de abrir-, ríos e lagos, árbores, soles e nubes, choiva... quedaron uns debuxos tan chulos que os empregaremos para redecorar o corcho da clase... xenial!


Agora xa, a vindeira semana, chegarálles a quenda de disfrutar do EDI aos novos súper-encargados/as... que idea máis estupenda!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

ENTRE LIANAS NUNHA CIDADE DE FAROIS...

viernes, 1 de abril de 2016

Este curso, con carácter excepcional, a nivel de centro decidiuse que o 2º trimestre rematase oficialmente cunha semana de retraso no que a calendario se refire; así pois, hoxe venres, puxemos o punto final a un trimestre no que as nosas aprendizaxes e coñecementos estiveron desenvoltos e canalizados, en gran parte, grazas ás viaxes con MOLI.

En primeiro lugar, a partir do conto: O PAPAVENTOS DO DRAGÓN, descubrimos e identificamos elementos representativos do contorno inmediato, partindo da motivación que ofrecen outros contornos afastados, pero rechamantes, neste caso, o eixe motivador centrouse en China.


Este centro de interese, facilitou o recoñecemento dos elementos máis característicos das rúas e dos comercios do contorno cotiá comparándoos cos doutros lugares, a identificación das diferenzas máis significativas dos diferentes tipos de tendas, o coñecemento dalgúns servizos fundamentais do barrio (hospital, parque de bombeiros, comisaría)...
Co gallo deste centro de interese, introducímonos no tema da seguridade viaria. Para iso, traballamos como hai que ir pola rúa e a mensaxe dos sinais máis frecuentes que temos que respectar como usuarios desta.

Por outra banda, e por si todo isto fose pouco, con MOLI viaxamos tamén á selva amazónica, mergullándonos no eixe motivador dos seres vivos.
Neste caso, partimos do conto: YOMA E O GOLFIÑO ROSA; unha historia que nos permitiu descubrir algúns seres vivos da selva amazónica comparándoos cos do contorno próximo, ao tempo que identificamos algúns animais en perigo de extinción. Tamén desenvolvemos actitudes de coidado, respecto e agarimo cara aos seres vivos e coñecemos as características dalgunhas plantas e animais: costumes, alimentación, ciclo vital...


Hoxe venres, polo tanto, tratábase dun día especial: sería o día no que levariamos para a casa os traballiños do trimestre!...
Comezamos con enerxía, restaba traballo dabondo que facer e a primeirísima hora da mañá repasamos algunhas das actividades desenvoltas durante o 2º trimestre: repasamos, rodeamos e tachamos, debuxamos e coloreamos, escribimos, recortamos, picamos e pegamos... cantos avances!!
Neste senso, nomeamos os coordinadores de cada un dos 4 equipos da nosa clase. Hoxe foi a quenda de MICAELA (equipo azul), SABELA RG (equipo verde), SABELA RI (equipo amarelo) e MARCOS (equipo vermello).


Máis protagonistas que nunca e confiados na súa responsabilidade, repartiron os 3 caderniños das fichas de MOLI que levariamos para as nosas casas, xunto coa carpeta do 2º trimestre.


Sen lugar a dúbidas, resultou un traballo ben doado, pois... quen non sabe identificar o nome propio e o do resto de compañeiros e compañeiras?...


Ao tempo, o resto aproveitabamos para ollar as fichas que nos ían deixando nas nosas mesas... fantástico traballo!...
Para rematar, faltaba escribir o noso nome na nube pegada para tal efecto na carpeta do trimestre. Deste xeito, cadaquén colleu os rotuladores das súas cores preferidas e escribiu, con máis ou menos tino, o nome propio -canto nos custa regular o tamaño da letra: nalgúns casos grande dabondo e noutros tan pequerrecha que non se pode ler... letra mediana é a ideal!-.


Agora xa, queda o 3º trimestre que comezamos con máis ganas que nunca. Seguiremos viaxando do mesmo xeito que ata agora con MOLI, descubrindo elementos representativos de lugares afastados da nosa vila que nos axudarán a comprender un chisquiño máis o noso pequeno-gran mundo... preparados, listos, xa!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!