Bienvenido

PEGADAS DE LOBO.

viernes, 28 de marzo de 2014

E para rematar este segundo trimestre... que mellor xeito que facelo vivindo coma indios?...
Siii, durante estas derradeiras semanas de trimestre, redescubrimos como vivían os indios de Norteamérica, uns vellos coñecidos que traballaramos cando tiñamos 3 anos.
Así pois, coa vida e costumes dos indios como eixo motivador, tratamos os animais e as plantas, coñecendo mellor algunhas das súas características, o medio en que se desenvolven, a súa forma de desprazamento, a súa reprodución e alimentación, os benefícios que nos reportan e o que dependemos deles, aprendendo a valoralos, non só pola súa utilidade, senón porque son seres vivos necesarios e útiles para o equilibrio natural.
Para comezar, e coñecedores das repercusións na estimulación do cerebro, da aprendizaxe e da memoria dos “Bits de Intelixencia”, de novo convertíronse nun recurso didáctico excepcional que propiciaron un reencontro cos indios.



Asemade, tamén revivimos con ARIS o conto da unidade; unha historia na que a nosa mascota vestida de india e cunha vincha de plumas coñece a un neno síux que debe pasar unha proba para demostrar a súa valía coma indio.


Tras estas e outras moitas actividades, aprendemos que hai moitos anos, América do Norte só estaba habitada por moitas TRIBOS de indios: apaches, cherókees, navahos, síux, cheiéns, Pés Negros, comanches... cada unha delas con xeitos de vida moi diferentes.
Algunhas destas tribos eran de agricultores e vivían en aldeas. Outras vivían da caza do bisonte e mudábanse buscando comida.
En moitas tribos, gobernaba un consello formado polos líderes de cada grupo familiar. Este consello elixía un GRAN XEFE que debía facerse cargo de que toda a súa tribo tivese alimento e estivese a salvo de perigos.
Os indios vivían en TIPIS, tendas feitas de pel de animal moi fáciles de desmontar e transportar. Se a porta do tipi estaba aberta, todo o mundo era benvido. Se estaba pechada, debías abrir cos teus dedos a porta ou chamar ao dono do tipi e agardar a que che deran permiso para entrar.


Nembargantes, os indios que vivían do cultivo da terra construían casas e formaban poboados. Algúns facían casas de madeira e outros de adobe ás que se entraba por unha escada.
A caza do BISONTE era fundamental para moitos indios porque se alimentaban da súa carne, empregaban a pel para vestir e facer as súas vivendas, e os cornos para confeccionar armas.


Posteriormente, cando tiveron cabaloS, os indios fixéronse excelentes xinetes e a caza fíxose máis doada. Máis adiante, ademais do cabalo, os indios empregaban canoas para saír a pescar ou ir dun lado ao outro.
Os indios facían unhas esculturas de madeira de moitas cores que se chaman tótems onde narraban a historia de cada familia ou tribo. Quen non se lembra do tótem recreado cando tiñamos 3 anos?... Canto medrou esta tribo india!


Uf!... todos estes coñecementos adquiridos a través da proposta de traballo desenvolta durante estas semanas, decidimos plasmalos en diferentes actividades impresas nas que non faltaron debuxos libres e sen modelo dos indios: xefes indios, tipis e vaqueiros... canta imaxinación!


Por outra banda, a proposta de traballo desta unidade de programación, encamiñouse a tratar paralelamente diferentes conceptos da vida dos seres vivos sobre os que profundaremos o vindeiro curso, xa que de momento aínda nos resultan un tanto complicados: coñecimos as funcións de nutrición, relación e reprodución dos seres vivos, diferenciamos algunhas das características existentes entre seres vivos e seres inertes, identificamos e clasificamos aos animais segundo o seu tipo de alimentación -animais herbívoros e carnívoros- e segundo o seu tipo de reprodución -animais ovíparos e vivíparos-... ao tempo que progresivamente asumimos responsabilidades para o coidado de animais e plantas.
E tras unha semana repleta de traballo, xa hoxe venres, tocou disfrutar un curso máis da visita de Álex e Patricia, dous contadores de contos da editorial Kalandraka que nos presentaron algunhas das últimas novidades desta editorial que publica ”Libros para Soñar”... Resultou unha viaxe chea de música e de palabras para a que non precisamos nin coches, nin barcos, nin avións. Tan só deixar voar a nosa imaxinación... unha experiencia fantástica!



Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

SI CHOVE QUE CHOVA!...

viernes, 21 de marzo de 2014

Si chove que chova!”... tras un crú inverno, esta e outras expresións de resignación foron unha tónica habitual entre as conversas cotiás dos adultos... menudo inverno!
Como xa vos contaramos a principio de curso, unha das rutinas que leva a cabo o súper-encargado do día na asemblea matinal é a constatación do tempo atmosférico, asignando ao coelliño espacial o pictograma correspondente segundo o tempo dese día concreto. Temos o pictograma do sol, do sol con nubes, das nubes negras e por suposto tamén o pictograma da choiva.
Así pois, estupefactos este curso, cada mañá comprobabamos como case durante tooodas as semanas dos meses de xaneiro e febreiro o pictograma da choiva para os 5 días da semana foi... un pleno total!


Isto non é nada, senón fose polas implicacións que conleva que chova ou que o patio estea mollado... non podemos saír ao patio! Unha mágoa, xa que a pesar de atopar xeitos diversos para pasar o tempo na clase os días de choiva, a oportunidade de poder correr ao aire libre é insuperable.
Aproveitando as posibilidades que nos ofreceu este tempo tan pésimo durante estes meses de inverno, traballamos un dos contos cos que nos agasallou o curso anterior a editorial Galaxia titulado “Mola que chova”.

Mola que chova. Edit. Galaxia.

"¡Que chova e chova e non deixe de chover!" A partir deste conto, descubrimos que, nos días de choiva, tamén é posible pasalo ben. Abonda con ter os ollos moi abertos para descubrir que tamén pode molar que chova.
Así pois, a partir desta historia, o gato Rufo, descobre da man de Sabela, a súa dona, as múltiples e variadas oportunidades que lle ofrecen os días de choiva: marcar récords de salto na lama, imaxinar aos donos de todos os paraugas que levou o vento, e ata organizar carreiras de caracois...
Na asemblea, cadaquén aportou o seu modo de pasar o tempo nestes días de choiva e o certo é que non perdemos a oportunidade de pasalo ben nin nos días de choiva.
Posteriormente, hoxe 21 de marzo “Día Mundial da Poesía”, plasmamos todas estas aportacións en debuxos cos tentamos resignarnos de non poder ir ao parque da tirolina, andar en bicicleta ou en patinete...

... ESTAR AO CARÓN DO LUME
... XOGO Á WII


... ESTOU NO MUELLE DE MENTIRA
... LEO UN CONTO NA SALA

... XOGO CON HELENA ÁS BONECAS
... VEXO A TELE


















Afortunadamente, e como preludio á chegada da primavera onte xoves ás 18:00h., o panel da constatación do tempo atmosférico mudou completamente os pictogramas da choiva polos do sol... un sol tan agardado que criamos que se esquecera de Rianxo. Agora ben, pasamos dun extremo ao outro, porque se antes faciamos pleno cos pictogramas de choiva, agora fixemos pleno cos pictogramas do sol... esto si que mola!


E por que?... Pois porque por fin puidemos saír de novo ao patio e deixar que o noso corpo corra, rode, trepe, salte, caia... que ben o pasamos! E a proba irrefutable deste tempo de lecer ao aire libre son os resultados nos nosos traballos cotiás, cada vez de máis súper-maiores... estupendo...
Agora xa, ao longo desta semana recompilaremos todas as nosas aprendizaxes acerca da vida e costumes dos indios, facéndovos partícipes do profundo respecto destes pola natureza, así que non perdades de vista o noso blogue...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

MARUXA COSÍA, VARRÍA E LABRABA.

viernes, 14 de marzo de 2014

O luns comezamos a semana conmemorando o “Día Internacional da Muller Traballadora”, unha actividade que suscitou nas asembleas matinais conversas coas que aprendemos a valorar o papel na sociedade actual que levan a cabo moitas mulleres.
Este día foi recoñecido pola "Organización de las Naciones Unidas(ONU) e conmemórase a loita da muller pola súa participación na sociedade e polo seu desenvolvemento íntegro como persoa.
Así pois, logo de que o profe nos explicase porque se celebraba este Día e que era o que se pretendía conmemorar, fixemos as nosas aportacións persoais conversando acerca do traballo cotiá que desenvolven mulleres das nosas familias.
Había ocupacións de todo tipo, concluíndo que, afortunadamente, as mulleres ocupan cada vez máis un lugar fundamental na sociedade, desenvolvendo tarefas que sempre foron realizadas polos homes.
E é que, durante moito tempo, a sociedade presentou aos homes cun papel dominante e, ás mulleres, en cambio, cun papel de sumisión alentadas a abandonar o éxito académico e o mundo laboral extradoméstico.
Afortunadamente, nas sociedades occidentais, progresivamente vanse superando os estereotipos ligados ao sexo, a pesar de que aos máis pequenos e pequenas nos custe moito desinhibirnos. É por iso que contrarrestar os efectos dos estereotipos sexuais que moitos de nós presentamos, constitúa un importante ámbito de traballo da Educación Infantil canalizado a través da “Educación Sexual” e da “Educación para a Igualdade de Oportunidades entre Ambos Sexos”.
Neste senso, Carmen, a profe de P.E.L.O., trouxo un dominó co que redescubrimos moitas das profesións que cada vez máis desenvolven moitas mulleres nas súas vidas cotiás. O complicado nesta actividade: estar atento para saber que peza pór en cada momento e, sobre todo, agardar con calma a nosa quenda... como nos segue custando!


Asemade, en ambos pavillóns dispuxéronse sendos paneis que aludían ao “Día Internacional da Muller Traballadora” e aos que había que colocar palabras vencelladas con esta conmemoración. No noso caso, tras todo o traballo desenvolto sobre os oficios e profesións durante estes días, rapidamente decidimos facer as nosas achegas ao panel do noso pavillón a partir destas. Saíron, entre outras: taxista, camioneira, electricista, bombeira, directora, alcaldesa...


Pero sen lugar a dúbidas, onde aprendemos a poñernos na pel do outro e a ver as cousas desde outra perspectiva, empatizar cos demais e, consecuentemente, ser máis xustos e máis solidarios foi a partir da lectura do conto dunha das últimas novidades da editorial OQO titulado Maruxa.

MARUXA. OQO editora.
O relato se basea, principalmente, na rifa que inician Maruxa e o seu home, Pepiño, cando este lle pide que faga o pan.
Maruxa, a protagonista, di que non pode facer o pan porque lle faltan todos os ingredientes (fariña, auga, levadura e sal). Entón, decide pedirlle a Pepiño, o seu home, que os vaia buscar, só que, a modo de escarmento aleccionador, vaille pedindo un a un todos os recados cada vez máis desmesurados como o de ir buscar sal ao mar.
Cando por fin Maruxa ten todos os elementos, di, ironicamente, que está moi cansa e será a el a quen lle toque, tamén, amasar o pan. Deste xeito, a través do enxeño e do sentido do humor, consegue que Pepiño entenda, por experiencia propia, o inxusto da situación que viviran ata ese momento, e comprende que, tanto o traballo como o lecer, deben ser cousa de dous.
Este é o verdadeiro transfondo da historia: o cambio de actitude de Pepiño respecto de Maruxa, 
Como actividade final e de consolidación, decidimos recrear o conto... quedaron unhas Maruxas e uns Pepiños moi pero que moi traballadores... fantástico!

MARUXA E PEPIÑO
COLGANDO A ROUPA
PEPIÑO
DE PICNIC
MARUXA E PEPIÑO
FAN A COMIDA
MARUXA E PEPIÑO
FACENDO A CAMA
MARUXA E PEPIÑO
TRABALLAN XUNTOS
MARUXA E PEPIÑO
DE PASEO





































Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

PARECE UNHA ROSA.

viernes, 7 de marzo de 2014

Sabiades que o pasado luns 24 de febreiro foi o “Día de Rosalía”?... O 24 de febreiro está recollido oficialmente como o “Día de Rosalía de Castro” pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura por ser a data do seu nacemento; de aí que a semana na que tamén celebrabamos no cole o antroido, reservaramos un tempo para traballar a figura de Rosalía de Castro.
Desta maneira, e do mesmo xeito que o curso pasado, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), propón agasallar neste día un libro en galego e unha flor.
Alén das actividades propias, a AELG coorganizou con diversas institucións e colectivos sociais un completo programa de actos con motivo da celebración pública do “Día de Rosalía”.


Así pois, no cole, cada clase elaborou cadansúa flor coa que agasallar á súa familia.
Houbo flores de todas as cores e para todos os gustos nas que cada clase deixou voar a súa imaxinación. Flores elaboradas a partir de material de desfeito e refugallo, flores de plastilina, con gomets, flores con papel crepé, de seda...
Este curso, e xa que somos os súper-maiores de mandilón, optamos por un deseño máis elaborado que o do curso pasado empregando material de desfeito (rollo de papel hixiénico) e materiais plásticos (témpera, airon fix, goma eva).
O seu proceso de elaboración é sinxelo. Unha vez recortados os rollos de papel hixiénico e unidos con pegamento polos laterais, pintamos con témpera líquida e pincel groso cadansúa flor: flores azuis, verdes, vermellas e, sobre todo, flores rosas. Xa secas, o profe engadiulle un pau forrado con airon fix de cor verde a modo de tallo pechando a creación plástica cun círculo de goma eva para a parte central... fantásticas!


Todo este traballo, viuse reforzado nas asembleas matinais, momento que aproveitamos para profundar sobre algún dato curioso da vida de Rosalía de Castro establecendo similitudes coa figura de Camilo José Cela traballado, como xa vos contaramos, durante as primeiras semanas de trimestre. Entre as similitudes destes dous persoeiros da nosa terra, foi o lugar onde viviron algún momento das súas vidas: en Padrón, sito moi moi preto de Rianxo. Neste senso, e como non podía ser doutro xeito, varios compañeiros e compañeiras aproveitaron para explicar ao resto do grupo a visita en Padrón á “Casa Museo de Rosalía de Castro”, unha casa pegada á vía de tren á que tamén vivía pegado Camilo José Cela.


E para rematar... que mellor maneira que facelo lembrando un dos extractos máis celebérrimos de Cantares Gallegos: “Adiós Ríos, adiós fontes” memorizado, recitado e mimado o curso pasado?... Uf!, sen lugar a dúbidas, a técnica máis eficaz nestes días para a volta á calma...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!