E tras a conta
atrás no calendario, hoxe venres 23 de marzo poñemos o punto e final ao 2º
trimestre de 3 ANOS organizando e lembrando os materiais de MUNA realizados
durante este tempo.
Comezamos a
xornada con enerxía, restaba traballo dabondo e a primeirísima hora da mañá, na
asemblea matinal, repasamos algunhas das actividades desenvoltas nos caderniños
de Muna... canto traballo!
Nas actividades deste
trimestre perfeccionamos habilidades e técnicas de uso cotiá no momento do traballo
individual. Rodeamos, riscamos, unimos, coloreamos, pegamos gomets, pintamos
con pincel... sen présa, prestando atención ao traballo propio e
despreocupándonos do alleo... paciencia, moita paciencia!
Neste senso,
axiña nos decatamos que parte das aprendizaxes e coñecementos estiveron canalizados
grazas a MUNA, BERTA e PABLO.
Así pois, neste 2º
trimestre mergullámonos de cheo nas linguaxes artísticas -plástica, musical e
corporal- como medio para coñecer posibilidades e limitacións do propio corpo:
similitudes e diferenzas cos demais, usos e posibilidades motrices, de xogo, de
acción, expresión...
En
primeiro lugar, a partir do conto nº3: Muna
va al museo, achegámonos de novo ao museo como espazo de ocio que serve
para conservar as obras expostas de diferentes artistas: cadros, esculturas...,
identificando cores, formas, texturas e materiais empregados.
Pola súa parte, o
conto nº4: La fiesta de Muna, facilitou
o descubrimento, identificación, valoración e respecto progresivo de emocións e
sentimentos propios e alleos a partir do acontecido a Muna na súa festa de
aniversario.
Ademais, este trimestre foron varias as situacións que se produciron na aula e que, dado o cúmulo de experiencias vividas, deixaron unha impronta no noso proceso de ensinanza-aprendizaxe: a celebración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, as actividades introdutorias na horta escolar, o antroido, o xogo cada vez máis elaborado/organizado nos rincóns, obradoiros de expresión plástica... mesmo recentemente a visita dos bombeiros!
Siii, esta semana recibimos a visita dos bombeiros, feito que
permitiu achegarnos ao seu traballo cotiá: funcións, instrumentos e lugar
de traballo.
Interesante
comprobar como lembrabamos as nocións de seguridade no caso de incendio
vivenciadas no simulacro do mes de febreiro: tocar a porta para comprobar si
está quente ou fría, no caso de que esté quente, saír agachados tapando o nariz
e a boca co mandilón ao tempo que nos agarramos na fila... sen esquecer a
bandeira de grupo que, ao igual que o noso mandilón, é de cor vermella... perfecto!
Agora xa,
toca descansar, gozar destes días para repoñer forzas e así recibir o 3º
trimestre con máis enerxía que nunca. Indubidablemente o 3º trimestre
converterase no mellor dos finais posibles para pechar este primeiro curso no
cole dos maiores como ben se merece... isto promete!
Un saúdo e
non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!