Bienvenido

#VeránConSentidiño

viernes, 19 de junio de 2020


Tras unha andadura chea de vivencias, experiencias, descubrimentos e aprendizaxes, chega o final do curso e de etapa co inicio do verán e as vacacións.
O verán é un período vacacional, e resulta importante que os nenos e nenas gocen del como tal. Alén disto, as familias debedes ter en conta que calquera xogo ou actividade cotiá pode adquirir certo trasfondo pedagóxico.
Por iso, ademais de xogar, ir á praia, ao parque, de viaxe visitar novos lugares... é importante que, cada día, reservedes un tempo para realizar algunha tarefa que sirva de medio para ampliar, consolidar e/ou reforzar algunhas das capacidades adquiridas ao longo destes cursos. Non se trata tanto de facer “fichas”, trátase de que os nenos e nenas non perdan o hábito e a actitude de traballo acadada ao longo destes cursos; trátase de establecer unha rutina de traballo cotiá tamén no tempo de verán.

Respeto á lecto-escritura, como sabedes, un lector non nace, faise, para iso, debedes transmitir o valor da lectura como unha fonte de aproximación a novos coñecementos e como unha porta aberta ao mundo da fantasía.
Á hora de ler, deberedes crear un clima cálido, seguro, de proximidade física e afectiva. Non intentedes obter do neno ou nena máis do que pode dar segundo o seu estadio evolutivo, isto pode causar frustracións e  rexeitamento cara a lectura.
Neste senso, resulta esencial que os nenos e nenas se sintan motivados de cara a proposta de actividades, pois só deste modo, gañarán confianza nas propias posibilidades, seguridade... actitudes que os levarán, consecuentemente, a incrementar progresivamente o seu afán de superación e facer sempre as tarefas do mellor xeito posible.

Entre as posibles actividades que podemos desenvolver durante estas vacacións, primando sempre o periodo vacacional e de descanso característico destes meses, estarían:
·identificación e trazado de grafemas: para isto, podedes servirvos de textos significativos e da  técnica escolar do ditado...
·recoñecemento e trazado de números significativos, recta numérica ascendente/descendente, cálculo mental con sumas e restas,...
·identificación de cores, trazos e formas planas en elementos da realidade,
·facer uso da expresión artística como forma de comunicación. Deixade que os nenos e nenas se expresen a partir das posibilidades da linguaxe plástica, musical e corporal, de xeito libre, sen modelos. Non esquezades que o máis importante é o proceso, non o produto...

Agora xa, sen esquecer todo o vivido durante estes 3 cursos xuntos, toca desfrutar das vacacións que hoxe venres 19 de xuño comezan; aproveitando estes meses de verán para recargar as pilas para os retos e actividades que nos agardan a partir de setembro en 1º de Educación Primaria... Bo verán familias!  

#Muníbal6.0.

lunes, 15 de junio de 2020

Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador OS CONTINENTES.
Así pois, a partir dos materiais de MUNÍBAL propios do 3º trimestre, atoparedes unha motivación extra para o traballo cotiá na casa. Para que esta rutina siga a liña de traballo do 1º e do 2º trimestre, non esquezades que non se trata tanto de facer todo á présa para rematar axiña, senón máis ben de todo o contrario; estes materiais, convértense no alicerce excepcional co que poñer a proba a nosa atención, comprensión e paciencia… non todo vale!

A partir do caderno de actividades nº6 de MUNÍBAL traballaremos diferentes elementos relacionados cos continentes: o mapamundi, a localización xeográfica, a flora e fauna, civilizacións, monumentos...
Sabiades que a Terra ten 6 continentes?... Europa, Asia, África, América, Oceanía e Antártida.
En EUROPA viviron dende a antigüidade os celtas, os gregos e os romanos. Neste continente destacan o oso pardo, a águia, o lince e o cervo como as súas especies animais máis representativas.
Por ASIA viaxaron moitos exploradores: Marco Polo -que narra nun libro as súas experiencias polo continente asiático-, Zheng He -coñecido polas súas 7 expedicións navais- e Valentina Tereshkova -primeira muller en viaxar ao espazo-.
Xa en ÁFRICA, ao tempo que coñecemos distintas especies animais (león, rinoceronte, dromedario, xirafa, gorila...) e vexetais (cactos, palmeiras, baobab...), achegarémonos á cultura exipcia (faraóns, pirámides, esfinxes, escrita xeroglífica...).
En AMÉRICA, descubriremos animais como o xaguar, o bisonte, a alpaca e o mapache. Tamén grandes deportistas como a aviadora estadounidense Amelia Earhart, o piloto arxentino Juan Manuel Fangio e o atleta xamaicano Usain Bolt coñecido polas súas proezas deportivas como o “Raio Bolt”.
Finalmente, xa en OCEANÍA e na ANTÁRTIDA, identificaremos animais como o canguro, o kiwi, o koala, o oso mariño, o pingüín e a balea azul... que interesante!

Alén de todas estas aprendizaxes relacionadas propiamente cos continentes, seguiremos avanzando noutros aspectos xa traballados ao longo do curso: os ordinais do 1º ao 9º -en series ascendentes e descendentes-, os números do 1 ao 10 -insistindo no seu trazado seguindo a direccionalidade correcta-, o cálculo mental -con sumas e restas-, os corpos xeométricos -presentes en obxectos da realidade-, as unidades naturais de medida -pé e palmo-, grafomotricidade -trazos combinados: bucles ascendentes e descendentes; semicirculares e verticais-, a comprensión de textos -contos, poemas e historias-,  a combinación de técnicas plásticas -debuxo e pintura-...

Para que a proposta de actividades de “Los Increíbles Mun” se converta nunha realidade rica e froitífera no proceso de ensinanza-aprendizaxe, resulta importante que, unha vez explicada a actividade e establecidas as consignas no seu proceso de execución, sexan os nenos e nenas os encargados de organizar e planificar a actividade, traballando a comprensión, a capacidade de planificación, a concentración, o silencio…

Familias, cómpre poñer todo da vosa parte, este tempo de traballo cos nenos e nenas require adicación e unha actitude relaxada e libre de tensións... Á N I M O!

#Muníbal5.0.

lunes, 8 de junio de 2020

Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador O MUNDO SUBTERRÁNEO.
Así pois, por fin, dende esta semana cos materiais de MUNÍBAL propios do 3º trimestre, atoparedes unha motivación extra para o traballo cotiá na casa. Para que esta rutina siga a liña de traballo do 1º e do 2º trimestre, non esquezades que non se trata tanto de facer todo á présa para rematar axiña, senón máis ben de todo o contrario; estes materiais, convértense no alicerce excepcional co que poñer a proba a nosa atención, comprensión e paciencia… non todo vale!

A partir do caderno de actividades nº5 de MUNÍBAL traballaremos diferentes elementos do mundo subterráneo: o mundo animal e vexetal, as minas, os fósiles, o metro, as covas...
Sabiades que debaixo da terra podemos atopar moitas cousas?... Túneles, covas, fósiles, aparcadoiros subterráneos,... mesmo animais!
Efectivamente!... baixo a terra, hai animais como o coello ou a toupa que constrúen as súas guaridas en tobos ou galerías subterráneas para estar protexidos e resgardados. Do mesmo xeito que algúns animais, as raíces das plantas tamén crecen baixo a terra e, no caso das algas, baixo a superficie do mar.
Tamén baixo o chan que pisamos na rúa podemos atopar tuberías ou condutos que levan a auga ou o gas ata as casas. Mesmo en grandes cidades atopamos o metro, que é un tren que circula baixo o chan.

Por outra banda, co traballo deste centro de interese, coñeceremos e valoraremos oficios e profesións relacionadas co mundo subterráneo tales como os traballadores do metro: condutores, taquilleiros, persoal de limpeza e seguridade... e os mineiros que traballan nas minas na extracción de mineral. Ao tempo, tamén nos achegaremos a outros traballos menos próximos á nosa experiencia como os arqueólogos -que estudian os restos de antigos pobos e civilizacións-, os paleontólogos -que estudian e analizan os fósiles- e os espeleólogos -que exploran as covas por deporte ou con fins científicos-. Neste senso, o respecto cara estas e outras ocupacións, posibilitará, unha vez máis, o tratamento transversal da Educación para a Igualdade de Oportunidades Entre Ambos Sexos, evitando posibles estereotipos ligados ao sexo.

Alén de todas estas aprendizaxes relacionadas propiamente co mundo subterráneo, seguiremos avanzando noutros aspectos xa traballados ao longo do curso: os ordinais do 1º ao 8º -en series ascendentes e descendentes-, os números do 1 ao 9 -insistindo no seu trazado seguindo a direccionalidade correcta-, o cálculo mental -con sumas e restas-, a orientación espacial -en planos e mapas-, a grafomotricidade -adquirindo habilidades nos trazos curvos e rectos combinados-, a comprensión de textos -contos, historias, poemas, cancións...-,  a prevención de riscos en situacións cotiás...

Para que a proposta de actividades de “Los Increíbles Mun” se converta nunha realidade rica e froitífera no proceso de ensinanza-aprendizaxe, resulta importante que, unha vez explicada a actividade e establecidas as consignas no seu proceso de execución, sexan os nenos e nenas os encargados de organizar e planificar a actividade, traballando a comprensión, a capacidade de planificación, a concentración, o silencio…

Familias, cómpre poñer todo da vosa parte, este tempo de traballo cos nenos e nenas require adicación e unha actitude relaxada e libre de tensións... Á N I M O!

#MuníbalConfinado

lunes, 1 de junio de 2020

Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador “LOS INCREÍBLES MUN”.
Como sabedes, a nivel de centro establecéronse uns días para o reparto de libros e materiais do alumnado de Educación Infantil. No noso caso, procederase ao reparto este xoves 4 de xuño no porche sur sito na Avenida de Ramón Ferreiro (entrada habitual neste curso). Ese día, cada familia, respectará o horario e a quenda alfabética establecida por correo electrónico cun intervalo entre cada neno e nena de aproximadamente 5 minutos.

Así pois, por fin, dende esta semana cos materiais de MUNÍBAL propios do 3º trimestre, atoparedes unha motivación extra para o traballo cotiá na casa. Para que esta rutina siga a liña de traballo do 1º e do 2º trimestre, non esquezades que non se trata tanto de facer todo á présa para rematar axiña, senón máis ben de todo o contrario; estes materiais, convértense no alicerce excepcional co que poñer a proba a nosa atención, comprensión e paciencia… non todo vale!
O traballo con este material, permitirá lembrarnos como se “tacha”, rodea, une, escribe… con lápis e/ou rotulador para que o trazo resulte máis preciso, como se colle a cera para colorear ao xeito, a modo para non saírnos do contorno…empregando para cada cousa unha cor distinta. Trátase de consolidar e/ou reforzar ese ritmo de traballo continuado que quen máis e quen menos tiña acadado coas actividades establecidas en cada xornada escolar.

Evidentemente, o ambiente de traballo na casa non será o mesmo que o da escola, para iso resultará interesante que, unha vez explicada a actividade e establecidas as consignas no seu proceso de execución, sexan os nenos e nenas os encargados de organizar e planificar a actividade, traballando a comprensión, a capacidade de planificación, a concentración, o silencio… improntas, sen lugar a dúbidas, que posibilitarán un tránsito satisfactorio a Educación Primaria… hai que traballar con calma, con tranquilidade… hai que traballar como maiores!
Con estas e outras normas que moi posiblemente os nenos e nenas extrapolen da escola, saberedes  que no tempo de traballo en mesa, a atención e a comprensión de cada actividade resultan fundamentais para coñecer que facer en cada momento. Cómpre poñer todo da vosa parte, este tempo de traballo cos nenos e nenas require adicación e unha actitude relaxada e libre de tensións. Non intentedes obter do neno e nena máis do que pode dar segundo o seu estadio evolutivo, isto pode causar frustración e rexeitamento cara o traballo que se levará a cabo de xeito máis formal e sistemático a partir de setembro en 1º de Educación Primaria.

Agora xa, as vindeiras semanas, presentaremos os dous centros de interese de MUNÍBAL. Comezaremos descubrindo elementos do mundo subterráneo: mundo animal e vexetal, as minas, os fósiles, o metro, as covas... E para despedirnos de MUNÍBAL, traballaremos os continentes: o mapamundi, a localización xeográfica en planos e mapas, os monumentos... soa moi interesante!... Preparados?...

Familias, así deste xeito, entramos na recta final do curso. Que todo o pasado serva como recordatorio do forte que somos. Axiña chegará ese día no que por fin veremos que todo pagou a pena. Máis que nunca #prohibidorendirse