Bienvenido

#Muníbal5.0.

lunes, 8 de junio de 2020

Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador O MUNDO SUBTERRÁNEO.
Así pois, por fin, dende esta semana cos materiais de MUNÍBAL propios do 3º trimestre, atoparedes unha motivación extra para o traballo cotiá na casa. Para que esta rutina siga a liña de traballo do 1º e do 2º trimestre, non esquezades que non se trata tanto de facer todo á présa para rematar axiña, senón máis ben de todo o contrario; estes materiais, convértense no alicerce excepcional co que poñer a proba a nosa atención, comprensión e paciencia… non todo vale!

A partir do caderno de actividades nº5 de MUNÍBAL traballaremos diferentes elementos do mundo subterráneo: o mundo animal e vexetal, as minas, os fósiles, o metro, as covas...
Sabiades que debaixo da terra podemos atopar moitas cousas?... Túneles, covas, fósiles, aparcadoiros subterráneos,... mesmo animais!
Efectivamente!... baixo a terra, hai animais como o coello ou a toupa que constrúen as súas guaridas en tobos ou galerías subterráneas para estar protexidos e resgardados. Do mesmo xeito que algúns animais, as raíces das plantas tamén crecen baixo a terra e, no caso das algas, baixo a superficie do mar.
Tamén baixo o chan que pisamos na rúa podemos atopar tuberías ou condutos que levan a auga ou o gas ata as casas. Mesmo en grandes cidades atopamos o metro, que é un tren que circula baixo o chan.

Por outra banda, co traballo deste centro de interese, coñeceremos e valoraremos oficios e profesións relacionadas co mundo subterráneo tales como os traballadores do metro: condutores, taquilleiros, persoal de limpeza e seguridade... e os mineiros que traballan nas minas na extracción de mineral. Ao tempo, tamén nos achegaremos a outros traballos menos próximos á nosa experiencia como os arqueólogos -que estudian os restos de antigos pobos e civilizacións-, os paleontólogos -que estudian e analizan os fósiles- e os espeleólogos -que exploran as covas por deporte ou con fins científicos-. Neste senso, o respecto cara estas e outras ocupacións, posibilitará, unha vez máis, o tratamento transversal da Educación para a Igualdade de Oportunidades Entre Ambos Sexos, evitando posibles estereotipos ligados ao sexo.

Alén de todas estas aprendizaxes relacionadas propiamente co mundo subterráneo, seguiremos avanzando noutros aspectos xa traballados ao longo do curso: os ordinais do 1º ao 8º -en series ascendentes e descendentes-, os números do 1 ao 9 -insistindo no seu trazado seguindo a direccionalidade correcta-, o cálculo mental -con sumas e restas-, a orientación espacial -en planos e mapas-, a grafomotricidade -adquirindo habilidades nos trazos curvos e rectos combinados-, a comprensión de textos -contos, historias, poemas, cancións...-,  a prevención de riscos en situacións cotiás...

Para que a proposta de actividades de “Los Increíbles Mun” se converta nunha realidade rica e froitífera no proceso de ensinanza-aprendizaxe, resulta importante que, unha vez explicada a actividade e establecidas as consignas no seu proceso de execución, sexan os nenos e nenas os encargados de organizar e planificar a actividade, traballando a comprensión, a capacidade de planificación, a concentración, o silencio…

Familias, cómpre poñer todo da vosa parte, este tempo de traballo cos nenos e nenas require adicación e unha actitude relaxada e libre de tensións... Á N I M O!

0 comentarios: