Bienvenido

COMEZAMOS UN ANINOVO: FELIZ 2010!!!

jueves, 31 de diciembre de 2009



25 DE DECEMBRO, FUN, FUN, FUN...

viernes, 25 de diciembre de 2009

Moitos de vos estaredes aínda nerviosos e preguntándovos como Papa Noel entrou nas vosas casas para deixarvos xunto á árbore de Nadal todos os agasallos que estades disfrutando; senón é así, non vos preocupedes, xa que os Reis Magos non se esquecerán das cartas que lles entregamos persoalmente cando viñeron a visitarnos ao cole e lembrade o que hai que facer na noite de Reis senón queremos que nos pase coma a Martiño…

Neste día tan especial, gustaríame desexar a todos cos que compartín un sorriso, unha bágoa, un soño ou simplemente un momento da vida e deixástedes unha pegada en min que nunca vos falte un soño polo que loitar, un proxecto que realizar, algo que aprender, un lugar onde ir e alguén a quen querer.
Deséxovos un BO NADAL e un PRÓSPERO ANINOVO 2010 no que todos os vosos soños e desexos se convirtan en realidade tal e como ocorre nos contos que tanto nos gustan.

Un saúdo con sabor a turrón e mazapán e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

UNHA CANCIÓN PARA O RECORDO...

martes, 22 de diciembre de 2009

Sen lugar a dúbidas, a canción titulada "Burbujas de Amor" de Juan Luis Guerra, quedará para sempre nun dos recordos da nosa infancia; un recordo que nos amosou que con traballo, constancia e moitíiiiiiiiiiiiiiiisimas ganas e ilusión podemos converternos nuns perfectos bailaríns aínda que tan só sexa por un momento, pero un momento que resultou INESQUECIBLE...
Agora despois dun trimestre cargado de traballo, actividade e aprendizaxes, chegan as vacacións: BO NADAL!

O MARTES... SEGREDO RESOLTO!

domingo, 20 de diciembre de 2009

Siiiiiiiiiiiiiiiii, o martes 22 de decembro ás 10:00h. celebraremos no pavillón polideportivo do concello o "Festival de Nadal" e con el, o noso gran segredo deste trimestre quedará resolto.
Agardámosvos!!!

A MAXIA DO NADAL CHEGA A 4 ANOS B.

viernes, 18 de diciembre de 2009

Tal e como prometeramos, aquí estamos de novo, e é que esta semana foi un sen parar e estivo cargada de emocións, ilusións, nervios e traballo, moito traballo do que queremos facervos partícipes.
Dado o cúmulo de acontecementos e experiencias vividas, centrarémonos nas máis significativas que, curiosamente, vivimos na mañá do venres, una mañá fría de Nadal que moitos de nós xamais esqueceremos. Comezaremos polo principio…
Coma se dunha mañá máis se tratase, comezamos co ritual da asemblea, e con ela as rutinas que dan inicio aos distintos momentos da xornada escolar: elección do encargado, fichaxe de ausencias e presencias, constatación do tempo atmosférico. Foi xusto nesta última rutina, cando o profe decatouse de que pola noite alguén estivera na nosa clase deixándonos un agasallo en forma de carta.
Todos e todas estabamos confusos e impacientes por saber quen nos enviaba aquel misterioso sobre no que se lía “Para el profe J.Ricardo y los niños y niñas de 4 años B”, pois ninguén tiña nin a máis remota idea de onde saíra.
Da man do encargado, abrimos aquel sobre non sen antes aventurarnos a adiviñar quen ou quenes nos podían mandar unha carta. Asegurámosvos que as respostas, unha vez máis, resultaron moi orixinais: uns dicían “foron as pantasmas de Halloween”, outros “non, foron os esqueletos”, “eu creo que foi o duende Colorín”… nada máis lonxe da realidade, pois a carta era nada máis e nada menos que... das SS.MM os Reis Magos de Oriente… non o podiamos crer!
No seu texto, descubrimos que moi pronto, os Reis Magos visitarán o noso cole, para ese día, teriamos que ter preparadas as cartas para entregárllelas persoalmente. Por petición xeral de todo o grupo, limos varias veces a carta, todos e todas estabamos coa boca pechada, expectantes, os nosos ollos expresaban ilusión e mooooooita inocencia.
Asemade, o profe contounos o que sucedera cando entrou na clase pola mañá cedo, pois extrañouse de que a caixa dos bombóns dun dos cumples desta semana, non estivese no seu lugar correspondente e, o máis sorprendente, era que alí non quedaban os 3 bombóns que deixaramos sen comer o día anterior. Así que xa tiñamos a resposta a un dos nosos “misterios sen resolver”, pois os Reis Magos, moi agradecidos na carta, explicaban que comeran os bombóns.
Moi, pero que moi nerviosos, esa mesma mañá agardábannos máis sorpresas, pois logo de acabar a asamblea, puxemos os abrigos para ir cara ao pavillón polideportivo do concello a ensaiar a actuación do “Festival de Nadal”, un dos nosos grandes segredos deste trimestre e que por fin, o próximo martes estrearemos “mundialmente”… agardámosvos!
A mañá rematou coa celebración dos cumples de 3 dos nosos compis que, moi contentos, por fin quitaron as súas fotos das tartas de 3 anos, e pegáronnas na de 4 anos: Hugo, Izan e Paulo… querémosvos mil millóns, moitas felicidades!!!
Seguide atentos ao blog, porque moi pronto teredes noticias novas deste Nadal que tan especial está resultando na nosa clase.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

O MELLOR AGASALLO...

lunes, 14 de diciembre de 2009

O Nadal é tempo de agasallos, e entre as sorpresas non debe faltar, alomenos, UN CONTO; un recurso didáctico que sitúa aos nenos e nenas ante os principais problemas humanos que propician e favorecen a toma de contacto co mundo real.
A lectura en Educación Infantil é fundamental para o desenvolvemento persoal e integral do alumnado. Cos contos, os nenos e nenas exploran os reinos da imaxinación, establecen lazos de comunicación, nutren e enriquecen a fantasía, amplían o seu mundo experiencial, facilitan o aprendizaxe noutras materias, sementan nos nenos curiosidade, interese e un longíiiiiiiiiiiisimo etcétera.
Por todas estas e outras moitas razóns, ao longo deste trimestre foron moitas as veces que, entusiasmados, acudimos á biblioteca do cole, un momento no que sabiamos que nos iamos atopar con ese mundo fantástico, enxeñoso, marabilloso e interesante dos contos.

En cada visita, o profe leunos un conto relacionado coa época do ano ou co centro de interese que estabamos a traballar na aula tales como o outono, o Samaín e agora o Nadal.
Así, durante estes días, aproveitamos para visitar, unha vez máis a biblioteca, pois o hall do pavillón sur, está decorado con motivos navideños e organizouse unha exposición de libros baixo o slogan "Un agasallo para o Nadal... un libro non está mal!" e cuxo eixo temático é o Nadal.
Nesta visita, logo de observar e examinar cada un dos contos que alí había e de comprobar si o coñeciamos ou non, o profe leunos un que nos deixou coa boca aberta. O seu título é Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis (Edit. Kalandraka), un conto no que se nos explica aos máis pequenos porque na noite de Reis nos temos que deitar cedo e non erguernos ata pola mañá senón queremos que nos pase coma a Martiño…
bufffff, menudo susto levou o pobre!
Sen dúbida, ao longo deste trimestre, foron moitos os contos lidos e traballados na clase, pois a súa utilización serviunos para crear un clima de diversión e festa que resulta tan grato e estimulador para o aprendizaxe, nembargantes, aquí unicamente suxírense os 5 libros que, dado o grao de interese suscitado, consideramos como claves no noso día a día na escola, ordeados segundo o grao de aceptación obtidos.
1º. La casa de la mosca fosca. Edit. Kalandraka.
2º. Negros y blancos. Edit. ANAYA.
3º. Al monstruo le gustan los libros. Edit. Grupo Zeta.
4º. Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis. Edit. Kalandraka.
5º. Os avós. Edit. Kalandraka.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!


COMEZA A CONTA ATRÁS...

viernes, 4 de diciembre de 2009

Este mes incorporamos unha nova rutina á asamblea matinal, e é que como faltan poucos días para a chegada do Nadal e con el un novo ano cargado de moitas e grandes sorpresas, o martes 1 de decembro o profe trouxo, tal e como prometera, o tan agardado: “Calendario de Adviento”.
Cada mañá, abrimos a portiña do día correspondente e, o encargado/a come a chocolatina tras descubrir o debuxo que se agocha en cada unha das súas ventás.
Esta rutina cotiá, un curso máis, proporciona un cúmulo de experiencias que non deixamos escapar, pois ademais de realizar actividades relacionadas coa lóxica-matemática tales como contar, iniciación á suma, á resta, identificación e trazado de números… propicia multitude de conversacións sobre esta data que tan máxica e especial resulta para todos nos.
Como algo anecdótico, destacar o “pequeno-gran problema” que xurdiu nunha das asambleas, pois... “oh, cielos”, quen comería as chocolatinas da fin de semana? Menos mal que entre todos e todas chegamos a unha solución que favorecería a aqueles nenos e nenas que, durante este mes, non lles tocará ser o encargado/a: unha vez máis, a solución… perfecta!!!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!


PALABRAS ONDE HAI MAXIA...

domingo, 29 de noviembre de 2009

Unha semana máis, estamos aquí de novo para contarvos, nesta ocasión, unha das actividades que vivimos no cole xa fai algúns días...
Como vén acontecendo cada curso, o Equipo de Biblioteca, organizou unha xornada inaugural da biblioteca do centro que serviría de comezo para que todos aqueles nenos e nenas que así o desexen lle saquen o máximo partido a este espazo do centro no que se atopan encerradas moreas de historias que relatan peripecias inventadas, enxeñosas, realistas ou fantásticas, viaxes a aventuras prodixiosas... falamos dos contos, que tantas experiencias metodolóxicas de ensinanza-aprendizaxe propician no noso día a día.
Como ocorre sempre que se leva a cabo unha actividade a nivel de centro, os días previos, na aula, traballamos o centro de interese sobre o que xirarán as actividades da biblioteca neste trimestre: os ratos. Así, tras descubrir o slogan para este trimestre: “Le un rato… cos ratos!” comezamos a traballar.
Unha das primeiras actividades que fixemos foi a elaboración dun rato para o que empregamos distintas técnicas e materiais da linguaxe plástica; este rato, ademáis, serviría para decorar a biblioteca. Os materiais empregados foron plastilina de cor marrón, negra e branca, pois unha técnica plástica na que cada un de nós podría facer a súa aportación ao rato sería se este o cubrimos de boliñas de plasti, agás o bigote, xa que decidimos facerlle tres churriños de plasti negra.
Do mesmo modo, o profe elaborou unha parella de ratos que aparecen encima dun libro e que decoran estos días a porta da clase.
Por outra banda, como xa sabredes, é moi doado coñecer cal é a porta da biblioteca, xa que esta é unha das máis bonitas de todo o colexio. Para este curso seleccionouse unha ilustración extraída dun dos nosos contos preferidos o curso pasado: Orejas de mariposa (Edit. Kalandraka), lembrades?... e, unha vez máis, para finalizar esta auténtica obra de arte solicitouse a colaboración de todos os nenos e nenas do cole.
A tarefa consistía en escribir 3 “palabras fermosas” en tiras de cores que servirían para cubrir o vestido dunha das nenas que aparecen no mural. Tras moito falar e debatir nas asambleas matinais o que era e o que non era unha palabra fermosa, tarefa que resultou un tanto complicada para nós, entre todos e todas decidimos que as palabras as nosas palabras serían: “FANTASÍA”, “CARIÑO” e “AMOR”, tras descartar outras moitas coma: paz, princesa, niño, parque, rosa, spiderman...
A semana antes, o profe levounos á biblioteca non sen antes lembrar como nos temos que comportar cando imos ao pavillón sur dos maiores, pois sempre están traballando e non os podemos desconcentrar. Alí, puidemos observar na sección de novidades da biblioteca a exposición de libros cuxos protagonistas eran ratos con títulos tales como: Honorato o rato namorado, La ratita presumida ou El flautista de Hamelín aportando nos outros que coñecíamos como o de El ratoncito Pérez (Edit. Susaeta) que tantas veces limos na clase.
Cando por fin chegou o día da sesión inaugural, e puxemos as tres palabras fermosas no mural e o noso rato na biblioteca, agardábanos unha sorpresa sensacional, pois nada máis e nada menos que nos tiñan preparada unha sesión de contacontos cun personaxe do máis particular.
Tratábase de Rato Pincho, un rato que era un pouco rato, un pouco neno, un pouco vampiro e un pouco muller, que nos contou unha das historias que lle ocorrera fai algún tempo… A obra entusiasmounos, non perdimos detalle do que nos contou Rato Pincho e agora podemos ver o vídeo tantas veces como queiramos na web do cole.

Un saúdo e non esquezades que máis que nunca... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!


OTOÑO LLEGÓ, MARRÓN Y AMARILLO...

viernes, 20 de noviembre de 2009

“Otoño llegó, marrón y amarillo, otoño llegó y hojas secas estampó […]" Seguro que estaredes cansados de escoitarnos, non? E é que a semana pasada, unha vez máis, vivimos no cole un momento moi especial; celebramos o Magosto nas instalacións do centro, un día precedido dunha serie de actividades que dunha maneira divertida e desenfadada nos serviron para descubrir algúns dos cambios e características que se producen no entorno e na vida das persoas coa chegada do outono.
Deste xeito, nas asembleas matinais, incorporamos como unha das rutinas da aula a observación, manipulación e experimentación de froitos típicos do outono nas que as nosas familias puxeron o seu graniño de area, unha vez máis... mil millóns de grazas!!
Nestas cestas que cada mañá traian os nosos compañeiros e compañeiras había distintos froitos desta época do ano; dende os máis representativos como as castañas ou as noces, ata outros menos habituais que moitos de nos apenas coñecíamos, tales como as granadas ou os “freixóns” ¿?, estes últimos, grazas ao compi que aportou este froito, e despois de moito debatir, chegamos á conclusión que soamente os podían comer os papás e mamás.
Outra das actividades que levamos a cabo foi a elaboración do sombreiro e dun divertido cucurucho para as castañas do Magosto.
No Magosto, unha vez máis, pasámolo fenomenal, e loitando contra o vento, todos e todas participamos nos xogos populares que se organizaron no recinto do centro coma o “Tragacastañas”, “coellos ao tobo”, “Magosto de cores”, “carreiras de sacos” e a “culler-castaña”, mentres, moi impacientes, agardábamos a que as castañas estiveran listas e preparadas para comer: uuummmmmm..., qué ricas!!!
Finalmente, e como actividade final e de consolidación, despois de vivir todas estas experiencias levamos a cabo unha tarefa que nos serviría para afianzar todos os conceptos traballados ao longo deste centro de interese. Tratábase dunha actividade impresa na que aparecían as imaxes dalgúns dos froitos traballados ao longo da semana (pera, nuez, manzana, castaña, uvas, limón) ademais, tamén escribímoslle o nome a cada imaxe a partir dun modelo.
Esta actividade serviunos para lembrar algunhas das cualidades dos froitos do outono que aparecían nas imaxes: cor, forma, tamaño, textura... e aínda que o resultado final non estivo requete-ben en todos os nosos traballos como lle gusta ao profe, sentímolo, a clase quedou ben bonita cando o profe as colgou no corcho da aula.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

- OS NOSOS FROITOS DO OUTONO -


- AGORA... A TRABALLAR!!! -

ESTE CURSO... CONECTADOS!!!

jueves, 12 de noviembre de 2009

A nosa aula non podía permanecer á marxe das Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs), por iso, este curso incorporamos un rincón novo dentro das rutinas da aula: o “Rincón de Tratamento da Información e Competencia Dixital”.
Sen lugar a dúbidas, os nenos e as nenas conviven desde o seu nacemento con todo tipo de equipos tecnolóxicos, e é un feito que as actividades escolares convírtense nunha realidade rica e froitífera se no proceso de ensinanza-aprendizaxe se empregan medios tecnolóxicos de información e de comunicación.
Neste novo rincón, ao que cada día accede o encargado/a atópase o ordenador como un recurso didáctico para aprender e para xogar. Coa introdución deste medio tecnolóxico na nosa aula traballaranse, reforzaranse e ampliaranse algúns dos contidos propios da Educación Infantil tales como a lóxica-matemática, a lectoescritura, grafomotricidade, as cores, algunhas nocións espaciais, temporais, topolóxicas, musicais… ademais da consabida adquisición doutras capacidades, competencias e habilidades máis específicas como aprender a mover de maneira precisa o rato, sinalar, facer clic, arrastrar…
Cada día agardamos con ilusión ser o encargado, para, entre outros cometidos, estar no novo rincón… Que ben o pasamos!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!


BENVIDO, DAVID!

miércoles, 11 de noviembre de 2009

Esta semana vivimos unha sorpresa fantástica.

O luns, cando estabamos a levar a cabo as rutinas diarias da asemblea matinal apareceu, nada máis e nada menos que... un novo amiguiño que durante este curso compartirá con todos nós e co profe o día a día da nosa aula; as nosas alegrías e decepcións, os nosos éxitos e avances cotiáns, os nosos pequenos-grandes problemas…
Agardamos que pouco a pouco vaia collendo o ritmo da aula e que viva cada día no colexio coma un momento único e irrepetible: David… BENVIDO!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

UNHA SEMANA ARREPIANTE.

martes, 3 de noviembre de 2009

O venres pasado celebramos no cole o “Samaín” ou “Halloween”, foi o día no que cerramos unha semana monstruosa chea de cabazas, morcegos e moitas “historias de medo”.
Ao longo de toda a semana, levamos a cabo varias actividades que xiraron en torno ao “Samaín”: fixemos morcegos para a porta da clase e así darlle un aspecto máis aterrador, o profe leunos contos cuxos personaxes eran pantasmas, bruxas, esqueletos…, convertémonos en bruxas e bruxos no fotomatón que había no corredor, tamén realizamos varias actividades impresas nas que pintamos con témpera a Enrique, un dos personaxe dos nosos contos favoritos, unha “lluvia de ideas” sobre o “Samaín” e moitíiiiiiiiiiiisimas cousas máis.
Algúns dos contos que traballamos durante esta semana foron: “El Cumpleaños de Enrique” (Edit. Edelvives), “Sonidos de miedo” (Edit. SM) e “Unha pantasma con asma” (Edit. Kalandraka).
Por outra banda, e por se todo isto fose pouco, unha vez máis dende o centro pediuse a colaboración das nosas familias na elaboración das cabazas para a exposición que se atopaba no hall do noso pavillón; había verdadeiras obras de arte: dende bruxas, vampiros e bebés, ata personaxes dos nosos debuxos animados favoritos como “Hello Kitty”, “Spiderman” ou “Epi y Blas”, unha vez máis… mil millóns de grazas!!
O venres, despois do recreo, puxemos o disfraz de pantasma que os días previos confeccionamos coa axuda do profe e moi moi nerviosos, agardamos a que os maiores, vestidos de seres monstruosos nos cantaran unha canción moi divertida.
Aínda que ao longo da semana o profe intentou concienciarnos para o que ía acontecer o venres, a máis de un escapóuselle algunha que outra bágoa, pero é que os maiores traian unhas máscaras e unhas cabazas arrepiantes con velas encendidas dentro, bufff… metían un medo!!!
Moita atención ás presentacións que aparecen a continuación relacionadas co “Samaín”… agardamos que vos gusten!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

- A PANTASMA ENRIQUE.

- AS NOSAS CABAZAS.

- QUEN SOMOS?

XA TEMOS BLOG... "SONRISAS Y MANDILONES".

miércoles, 28 de octubre de 2009




Nun mundo sometido ao impacto dos medios de comunicación e da alta tecnoloxía, a escola, e concretamente a nosa aula, atópase na obriga de incorporar na súa práctica, as suxestións que ambos recursos ofrecen ao posuír unhas características e virtualidades que non poden desaproveitarse no ámbito educativo; pois integrados de maneira correcta no currículo escolar enriquecerán os procesos de ensinanza-aprendizaxe.
Por todo iso, a nosa aula non pode nin debe permanecer á marxe das Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs) sendo neste contexto no que xorde a elaboración do blog de aula: “Sonrisas y Mandilones”.
Neste blog, exporanse cada certo tempo os centros de interese e os diferentes acontecementos relevantes na vida dos nenos e nenas que dalgún xeito marcan a vida cotiá da nosa aula posibilitando un senfín de experiencias metodolóxicas de aprendizaxe.
Polo tanto, “Sonrisas y Mandilones” preséntase como unha ferramenta informática que permitirá establecer unha canle de participación das familias na actividade escolar dos seus fillos e fillas.
A través do seguinte enlace
http://sonrisasymandilones.blogspot.com/ atoparanse seccións de interese educativo, cobrando un peso fundamental as entradas que periodicamente se publicarán e nas que se comentan algunhas das actividades que levamos a cabo na aula.
Cabe destacar que no blog non se amosarán fotografías nas que de maneira directa aparezan os nenos/as, pois a pesar das autorizacións asinadas o pasado curso, esta situación resulta un tanto “complicada”.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!