Esta semana vivimos o noso primeiro Halloween-Samaín no cole dos
maiores, foi unha semana monstruosa chea de cabazas, morcegos e meeedo, moitas moitas historias de
medo... acompañádesnos?...
Que mellor xeito que introducirnos nesta celebración que a partir da
lectura de varios contos: o de A pantasma HU -que nos contou Carmen, a profe de P.E.L.O.- e El cumpleaños de Enrique (Edit. Edelvives) -que nos contou o
profe-.
En ambos contos, os seus protagonistas son dúas pantasmas un chisquiño
peculiares, pois ademais de non gustarlles iso de asustar á xente, eran as
pantasmas máis medoñentas que endexamais se coñeceron nas historias
fantasmagóricas de todos os tempos... incrible!
A lectura e traballo destes contos, supuxeron momentos de fantasía
inigualables, diversificados coa recreación plástica, xunto cos nosos amiguiños
e amiguiñas de 3 ANOS A da profe Silvia, de todos os convidados que asistiran
ao aniversario de Enrique para celebrar os seus 400 anos... case nada!
Para esta actividade, de maneira individualizada, debuxamos con
rotulador de cor negra nun filtro de café de cor branca, cadansúa pantasma:
ollos máis grandes ou máis pequerrechos, bocas abertas ou pechadas, con dentes
afiados ou con linguas monstruosas... unha festa “divina de la muerte”, non si?...
Asemade, e unha vez que xa leramos unhas cantas veces as historias da
pantasma U e da pantasma Enrique, participamos nunha das asembleas matinais no
noso primeiro torbeliño de ideas no que tiñamos que sinalar elementos representativos
do Halloween-Samaín: cabazas, pantasmas, bruxas, morcegos… e moitíiisimas cousas máis.
Por outra banda, e por se todo isto fose pouco, o centro pediu a
colaboración das nosas familias para a elaboración das cabazas. Había cabazas para
todos os gustos: dende bruxas, vampiros e esqueletes, ata personaxes dos nosos
debuxos animados favoritos… mil millóns de grazas, familias!
Unha vez comentadas polos donos e donas de cada cabaza o seu proceso de
elaboración, quen lles axudou, que materiais empregaron..., colocamos as
cabazas nas fiestras do cole, e no serán do mércores, os profes acenderon as
candeas... abofé que semellaba unha escola encantada coma o castelo no que
vivía Enrique!
Xa o xoves, pechamos esta semana participando nas distintas actividades
organizadas polos equipos do centro.
Así pois, tras a asemblea matinal, os nosos compañeiros e compañeiras de
3 ANOS A acudiron un chisco á nosa clase para escoitar as historias de medo que
nos contaron os nenos de 1ºA e de 4ºA ...
que atentos estivemos!
Destacable o fermoso detalle dos ex-súper-maiores
do profe que ilusionados lle propuxeron á profe Thais, contarnos o conto de
elaboración propia titulado: Samaín en
Exipto. Deste xeito, unha sensacional DANIELA, mergullounos nun conto no
que nos trasladamos ao Antigo Exipto... case nada!... Parabéns súper-maiores, sempre seredes os
mellores para o profe!
Posteriormente, xa no momento da merenda, e antes de saír ao patio,
degustamos un orixinal biscoito con forma de cabaza que trouxo XIMENA feito
pola súa nai Carmen e por ela mesma... que orgullosa contaba que ela lle botara
o iogur!... mmm, delicioso!
Finalmente, á volta do patio, puxemos o colofón final a esta semana, e
coa axuda da teacher Karina, puxemos o
disfrace elaborado para a ocasión. Nin
de Batman, nin de Superman, nin de Tortuga Ninja... iamos de demos! Con capa e cornos
de cor vermella, bailamos co resto de nenos e nenas do cole a canción de Paco
Nogueira “No Samaín”...
Truco ou Trato?... Siii, por suposto, o profe tíñanos unha sorpresa e agasallounos co noso primeiro truco ou trato en forma dunhas saborosas piruletas de fresa agochadas nun simpático demo... estupendo!...
Agora xa, toca ir pensando no que celebraremos no magosto que moi pronto
tamén viviremos no cole, así que... a matinar!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos
comentarios!