Bienvenido

UNHA ESCOLA ENCANTADA.

viernes, 28 de octubre de 2011

Siiii!!!..., por fin chegou o tan ansiado venres, e con el o Samaín, unha festa que noutros sitios lle chaman Halloween…
Pero… que se celebra no Samaín?
A celebración do Samaín en Galicia non é unha moda nova. A súa orixe remóntase miles de anos atrás, arredor do século I a.C.; época na que os celtas celebraban a fin do verán e o comezo da época escura.
Durante a noite do Samaín, os celtas crían que se abría unha porta entre o mundo dos vivos e o dos defuntos. Unha das costumes nesta celebración era a de amontoar e pintar as caveiras dos seus familiares falecidos e deste xeito indicar o camiño a casa ás almas dos familiares e asustar ós inimigos que trataran de atacalos.


Así, e para coñecer un pouquiño máis aspectos vencellados a esta data do calendario, ao longo desta semana levamos a cabo varias actividades cuxo eixo motivador foi o “Samaín”: pintamos arañas para a porta da clase e así darlle un aspecto máis aterrador, o profe leunos contos cuxos personaxes eran pantasmas, bruxas, esqueletes…, tamén realizamos varias actividades impresas nas que coloreamos a Enrique, un dos personaxes dos nosos contos favoritos (“El Cumpleaños de Enrique” (Edit. Edelvives)),

decoramos con témpera e purpurina de cor laranxa cabazas terroríficas… Asemade, e unha vez que xa sabiamos cousas sobre o Samaín, o profe propuxo nunha das asembleas matinais un torbeliño de ideas no que tiñamos que dicir elementos representativos desta celebración: cabazas, pantasmas, castelos encantados, morcegos, Frankenstein… e moitíiiiiisimas cousas máis. Esta actividade serviunos para comprobar que iso de erguer a man para falar, de agardar a quenda e de escoitar con atención ao resto de compañeiros e compañeiras en silencio, aínda nos custa un pouquiño, pero paciencia que o lograremos, estamos convencidos.
Outro día, aproveitamos para meterlle un susto a Karina, a profe de Inglés. O que non sabiamos é que ela tamén nos tiña preparada unha “little surprise” e nun abrir e pechar de ollos converteuse nunha “witch”.
It was very fun, thank you teacher!







































Por outra banda, e por se todo isto fose pouco, unha vez máis dende o centro pediuse a colaboración das nosas familias para a elaboración das cabazas; había para todos os gustos: dende bruxas, vampiros e pallasos, ata personaxes dos nosos debuxos animados favoritos, e ata unha cabaza moi especial que arrecendía… mil millóns de grazas, familias! Este curso, as cabazas expuxéronse nas fiestras do cole e ao serán, os profes acenderon as velas que levaban dentro e deste xeito o cole parecese que estaba encantado como o castelo no que vivía a pantasma Enrique.
Pero sen lugar a dúbidas unha das actividades máis terrorificamente divertida, foi a elaboración do mural do Samaín. Con témpera e pinceis, pintamos un inmenso castelo en papel continuo. Tratábase dun castelo encantado, no que os seus habitantes eran unhas pantasmas moi especiais,… uuuuuuu, a ver si os coñecedes?

O venres, despois do recreo, puxemos o disfraz de vampiro e nerviosos non, nerviosísimos, agardamos a que os maiores, vestidos de seres monstruosos nos cantaran unha canción moi divertida.
Aínda que ao longo da semana o profe intentou concienciarnos para o que ía acontecer o venres, a máis de un escapóuselle algunha que outra bágoa, pero é que os maiores traian unhas máscaras e unhas cabazas arrepiantes, buf… metían un medo!!!
Tamén recibimos a visita dalgúns dos nenos e nenas que o curso pasado tiña o profe, agora xa convertidos nuns súper-maiores, cantaron connosco a canción de “Truco o trato”. Así, deste xeito foi como os máis pequerrechos do cole vivimos o noso primeiro Samaín, unha semana monstruosa chea de cabazas, morcegos e meeeedo, moitas historias de medo. Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

RAÍÑA POR UN DÍA...

viernes, 21 de octubre de 2011

Sabedes que esta semana comezou o cole unha compañeira nova?... O mércores, cando estabamos a levar a cabo as rutinas diarias da asemblea matinal, apareceu, nada máis e nada menos que... unha nova amiguiña que durante este curso compartirá con todos nós e co profe o día a día da nosa aula; as nosas ledicias e decepcións, os nosos éxitos e avances cotiáns, os nosos pequenos-grandes problemas…
Agardamos que pouco a pouco vaia collendo o ritmo da aula e que viva cada día no colexio coma un momento único e irrepetible: Carla… BENVIDA!
- Pero... Carla?... Se Carla xa comezou o cole con nós! -
Aínda que xa estaredes informados, a partir de agora, e para diferenciar ás Carlas que temos na nosa clase, á Carla do equipo de cor verde chamarémoslle Carla Vicente e á que comezou o cole esta semana Carla Seijas,... parécevos?



Ademais desta estupenda sorpresa, esta semana celebramos na clase o primeiro aniversario do curso, tratábase dunha das nosas compañeiras, de Tania, que xa é toda unha súper-maior de 3 anos.
A celebración do aniversario resultou especial, xa que se trataba do primeiro aniversario do curso que vivimos xuntos, así que o profe levou a cabo o ritual que seguiremos na celebración de todos os aniversarios que teñamos ao longo deste curso, moi atentos...
En primeiro lugar, e para que o homenaxeada se sintise unha auténtica cumpreañeira, o profe decorou coa súa “axuda”, unha coroa na que figuraba nun lugar moi visible un gran número 3, os anos que cumpría a nosa cumpreañeira.
Seguidamente, levamos a cabo un dos momentos que, curso tras curso, ten máis significado para nós: o traspaso da foto da cumpreañeira da tarta de 2 anos para a tarta de 3 anos, foi un momento sensacional e co que todos e todas estabamos expectantes, encántanos setirnos súper-maiores!
Deste modo, a cumpreañeira colleu despaciño da tarta de 2 anos a súa foto e pegouna na tarta de 3 anos, decatándonos que na tarta de 2 anos so quedan as fotos de Diego e Lois, os próximos en cumprir anos; así que paciencia...

Despois, cantamos e mimamos a canción de “Tengo 3 años” e a cumpreañeira reparteunos un caramelo masticable... estaban delicioooosos!
Como vedes, as pequenas cousas contan cunha significatividade especial na nosa aula, convertíndose en situacións excepcionais que nos fan cada día sentirnos un pouco máis maiores e axúdannos a entender mellor o noso pequeno-gran mundo.

Siiiii!!!, a vindeira semana celebraremos no cole o Samaín, e aínda que non sabemos moi ben de que se trata, ao longo destes días descubriremos un pouquiño máis que se celebra. Estades preparados para pasar medo?... Nos cremos que... si?
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

OS TOMATES... VERMELLOS OU VERDES?

viernes, 14 de octubre de 2011

Sabedes que vivimos mergullados nun mundo cheo de mil millóns de cores?...
Ao longo desta semana estivemos traballando as cores, facendo especial fincapé na cor vermella. Para iso, participamos en diferentes actividades metodolóxicas de aprendizaxe que tiñan como obxectivo tomar conciencia da existencia das cores nos distintos elementos presente no noso contorno cotiá.
Na asemblea matinal, buscamos obxectos da nosa clase de cor vermella, tales como a liña máxica da asemblea, o tellado da casiña, as fotos do equipo vermello…
Tamén buscamos se levabamos algunha prenda de vestir de cor vermella, revisamos o percheiro e axiña nos decatamos que casi todos tiñamos no noso mandilón un botón de cor vermella.
Si, si, ata o de agora todo máis ou menos sinxelo, pero… que cousas son sempre de cor vermella?... Uf!!, aquí tardamos un chisquiño máis en responder, xa que a pregunta era máis complicada do que nos pareceu nun primeiro momento e rapidamente nos dimos conta de que non todo servía.
-
A ver, a ver… de cor vermella: si!, os amorodos son de cor vermella.
- Tamén a luz do semáforo, ás veces é de cor vermella.
- Os corazóns e o nariz do pallaso son de cor vermella.
- E o sangue, o sangue tamén é de cor vermella,… puag!

Asemade, as actividades impresas que levamos a cabo xiraron en torno á cor vermella, e no seu proceso de realización empregamos distintos materiais plásticos como ceras, rotuladores, témpera, gomets… de cor vermella. O certo é que os resultados nas actividades individuais resultan cada vez máis espectaculares, cada vez máis de súper-maiores…, unha proba irrefutable de que progresivamente acatamos máis as consignas establecidas na realización da actividade impresa… fantástico!
Para rematar, confeccionamos o noso mural da cor vermella. Para iso, o profe nos entregou un trozo de papel desta cor: papel pinocho, papel celofán, papel charol, airon-fix, cartulina, folio, lana, gomets…

Logo de manipulalo ao xeito sen que rompese, de forma máis ou menos organizada fomos aportando o noso anaco de papel ao mural da cor vermella. Estabamos nerviosos e impacientes por rematar, e máis dun aproveitou para facer das súas... sentímolo profe.




































O resultado…, un mural sensacional co que aprendimos a identificar a cor vermella en obxectos da nosa vida cotiá, pero… os tomates son vermellos ou verdes, profe?

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

PAPELIÑO OU PAPELOTE?...

viernes, 7 de octubre de 2011

Siii!!!... Pouquiño a pouco imos collendo o ritmo da xornada escolar e lembrándonos cada vez menos de mamá e de papá.
Esta semana resultou especial, xa que traballamos como uns auténticos maiores realizando as nosas primeiras actividades impresas e... comenzando, como nós lles chamamos, cos “libros de deberes”.
Durante a semana pasada, o profe foinos explicando algunhas das normas de uso dos libros que se atopan na zona do traballo obrigatorio. Debemos estar atentos cando o profe explica cada actividade para logo saber o que temos que facer, intentando sempre facelo o mellor que sabemos para que cando levemos todos os materiais para ensinarlles ás nosas familias se poñan moooooi contentas.
E é que non se trata duns libros calquera... nooooon!!! Trátanse duns libros diferentes, especiais; son libros de maiores, con un montón de actividades de maiores... e claro, tendo en conta o que nos gusta iso de sentirnos maiores, podedes facervos unha idea do súper-ilusionadísimos que estamos, non?













































































Ao longo do curso, ademais da axuda do profe contaremos coa colaboración de Papeliño e Papelote, queredes saber de quen se trata?...

Papeliño e Papelote é un gato branco de pelo suave, ollos cariñosos e longos bigotes. Chámase Papeliño cando é pequeniño, e Papelote cando é grandote.
Cando é pequeniño, Papeliño é un gato moi mecoso que sempre dorme coma un leirón. Cando é grandote, fai todas as cousas que adoitan facer os gatos e, mesmo, moitas máis.
Que como pode este gato ser pequeniño e grandote e, ademais ter dous nomes?
Ao principio era un gato pequeniño que lle gustaba durmir sobre os papeis, era a mascota preferida de María. Ela sempre levaba a Papeliño dentro do seu peto: no peto do pixama, no do pantalón, no do vestido..., e aquela noite, no peto da mochila porque ao día seguinte comezaba o cole.
Papeliño empezaba a estar canso de andar sempre dentro dun peto, así que, cando María durmiu, escapou pola ventá e foi en busca do seu amigo o gato Mago.
Logo de que Papeliño lle contara ao gato Mago que estaba canso de ser un gato pequeniño, o gato Mago colleu a Papeliño, meteuno nunha caixa chea de papeliños do cores e... sabedes que ocorreu? Pois que Papeliño xa non era un gato pequeniño, convertérase nun gato grandote ao que chamou Papelote.
Pola mañá, cando María espertou, abriu os seus ollos e viu que Papeliño, era Papelote, un gato grandote.
Cando chegaron ao cole, déronlles moitos bicos aos amigos de María. E despois Papelote ensinoulles a súa caixa, a que lle regalara o gato Mago, e explicoulles como podía facerse pequeniño ou grandote e chamarse Papeliño ou Papelote.

Papeliño e Papelote atópanse situados nun lugar privilexiado da aula e en cada unidade didáctica converteranse nun excepcional eixo motivador que nos presentarán, a través das súas historias, cada centro de interese: o colexio, o outono, a familia, o Nadal, o Antroido...
Unha das tarefas do súper-encargado, ademais do fichaxe de ausencias e presenzas, da constatación do tempo atmosférico e de ser o maquinista no tren, é coidar a Papeliño. Por iso, cada día durante a xornada, Papeliño agóchase no peto do mandilón do súper-encargado para recibir todos os mimos do mundo mundial e quizáis moi pronto, comece a visitar as nosas casas para coñecer ás nosas familias... apuntádesvos?

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!