Bienvenido

SEMBRANDO AMIZADES...

viernes, 25 de febrero de 2011

Esta semana foron dúas as actividades que marcaron o ritmo da nosa aula: unha saída didáctica ao contorno de Rianxo e a actividade “Sembrando Amizades”.
Comezando pola primeira, o mércores acudimos a visitar a “Aula Activa do Mar Santiago Gallego Picard” de Rianxo.
Trátase dun centro de interpretación con exposicións de paneis, maquetas e reproducións sobre o patrimonio natural e etnográfico relacionado con mundo do mar da nosa vila.
Asemade, conta con distintos recursos expositivos adicados ao cultivo do mexillón, ás embarcacións de pesca, á contaminación mariña...
Nesta visita todos e todas coñecimos algúns dos instrumentos cos que os nosos antepasados realizaban as tarefas propias da pesca e do marisqueo, así como tamén as artes empregadas no seu quefacer cotiá. O que máis nos gustou, sen lugar a dúbidas, a inmensa boca de balea que vimos nunha sala que semellaba unha inmensa batea... foi algo impresionante!
O tema do mar, en xeral, é algo que nos apasiona, e boa proba diso foi o nivel de atención e expectación suscitado na visita, pois a pesar de que varios xa fóramos en anteriores ocasións coa nosa familia, non é o mesmo acudir cos compañeiros e compañeiras do cole, xa que hoxe fixemos unha ficha e escoitamos o conto de “Martiño e o mar” (Edit. Paidea).


Quen máis e quen menos coñecía os instrumentos que o guía nos ía explicando: de que material estaban elaborados, para que servían, como se empregaban... e é que varios dos nosos compañeiros comentaron que algunha vez vai pescar co seu pai ao peirao, a pesar de que iso de agardar tanto tempo para que un peixe pique o anzó non sexa o del.
Esta visita xorde nun trimestre no que a nivel de centro estase a traballar o mar como eixo motivador a partir do cal se vertebran distintas actividades: sesións de contacontos por parte dos nenos e nenas de Educación Primaria como a de “O pirata Metepata” (Baia Edicións) á que asistimos o pasado mércores, os corredores estanse convertendo nun mar cargado de peixes, polbos, augamares, barcos..., serve ademais como centro de inspiración para o desfile de antroido deste curso...


Por outra banda, e como o prometido é débeda, outra das actividades que centrou o noso traballo estas dúas últimas semanas foi a activdade “Sembrando Amizades”.
Trátase dunha actividade que promete sembrar amizades con nenos e nenas que teñen a nosa idade e que, este curso están participando de forma conxunta no proxecto de investigación: “Esculpindo emocións!”.
A actividade consistía en enviarlles unha carta comentándolles as nosas impresións acerca das actividades desenvoltas ata agora... bufff, non nos poñiamos dacordo; queriamos contarlles tantas tantas cousas!!!
Asemade, acordamos enviarlles algo máis, pero tampouco nos poñiamos dacordo, así, mentres que uns querían enviarlle un tatu, outros querían enviarlle un debuxo, purpurina ou gomets.
Finalmente decidimos enviarlles unha foto co mural que elaboramos en gran-grupo para celebrar o “Día de San Valentín” para que viran todo o que traballaramos. Nesta foto, por suposto, non podía faltar Pepa, unha Pepa que dende o “Día dos Namorados” ten un corazón vermello na súa camiseta… estará namorada? Ai Pepa, Pepiña…
Tamén decidimos facerlles un debuxo, pero un debuxo no que debiamos sair máis guapos que nunca. Así, os lazos na cabeza, as “pestañas de princesa”, a nosa roupa preferida… todo servía para quedar requete-guapos.

Hoxe, cando entramos á aula e nos sentamos para comezar co ritual da asemblea matinal, axiña nos decatamos de que Pepa tiña un sobre no que puidemos ler, entre outros datos, o nome do profe, pero… de quen viría aquela carta?, dos Reis Magos de novo?... Pois non, desta vez non...

Así que para despexar a incógnita unha das nosas compañeiras axiña desvelou o segredo lendo a carta descubrindo que viña dos nosos compañeiros e compañeiras de proxecto.

Na carta contaban que nos enviaban un sobre con sementes para que a nosa aula quedara tan bonita como a deles, xa que nós tamén lles enviamos este mesmo agasallo.
Tamén nos enviaron un collage moi orixinal. Nel pódense ver unhas flores moi especiais, xa que cada unha destas correspóndese con cada neno e nena. Ademais aparecen outros elementos como paxaros, cometas, nubes, arcos da vella e… avións ou helicópteros? Desto último non estamos moi seguros.
Mil millóns de grazas, agardamos que a nosa carta tamén vos gustara!

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

CON BOLBORETAS NO ESTÓMAGO...

viernes, 18 de febrero de 2011

Como xa vos comentamos, ao longo deste mes estamos mergullados nunha nova emoción, nun novo sentimento: o amor. E claro, como vos podedes imaxinar, esta semana foi vivida de xeito especial, pois voltamos á rutina cotiá do cole celebrando xa o luns o “Día de San Valentín”.
Nembargantes, a partir da celebración do “Día da Candeloria”, o amor é unha emoción-sentimento presente na nosa aula posibilitadora de conversas que facilitan a elaboración do noso autoconcepto e autoestima.
A Candeloria é unha festa relixiosa que se celebra o día 2 de febreiro. Consiste na bendición das candeas que despois serán utilizadas na celebración da Semana Santa. Ademais, esta festa é considerada coma un preludio da chegada da primavera, dicíase que era a época do casamento dos paxaros. Casamento? Paxaros?... pero que é necesario para poder casar?... Pois claro, ademais de ser maiores é necesario estar... namorado!

As conversas suscitadas a partir desta emoción-sentimento foron moitas e interesantes, pois quen máis e quen menos xa tiña a súa... moza?? Bueno, este tema resultou un tanto controvertido e polémico xa que moitos non estaban correspondidos e máis dun recibiu as súas primeiras “cabazas” por parte do seu namorado ou namorada, por iso acordamos falar máis que de “mozos” de “amigos especiais” que serían eses amigos cos que sentes bolboretas no estómago cando estás preto deles ou delas.
Ben, agora que tiñamos máis ou menos clara a idea dos “amigos especiais” xorde unha nova cuestión: “queremos igual a todo o mundo?”... Pois claro que non, non queremos do mesmo xeito a mamá e a papá, aos avós, primos, amigos... son distintos modos de querer superditados á estima que teñas cara esa persoa.
Todo isto representámolo nunha actividade impresa na que tiñamos que debuxar a aquela persoa que queremos ata o infinito e máis alá -case nada-; pero o certo é que á maior parte non nos custou demasiado determinar a quen queremos máis. (tranquilas, as súper-mamás seguides sendo as máis queridas do mundo mundial)
Asemade, para a seguinte semana remataremos a actividade que titulamos: “Sembrando amizades”. Unha actividade que nos permitirá facer novos amigos, uns amigos cuxo cole se atopa en Santiago e que, ao igual que nos, están participando no proxecto de investigación: “Esculpindo emocións!”, pero de todo esto, xa teredes novas moi pronto no blog...
Pero por fin, por fin chegou o día, o “Día de San Valentín”… siiiiiii! Un día no que daríamos renda solta a todo o amor que colle no noso corpo, un amor adicado -amigos e amigas especiais a parte- indiscutiblemente ás nosas familias. Para iso fixemos un corazón con airon-fix ao que lle puxemos o noso nome para agasallar á persoa da nosa familia que queremos máis, esa persoa que non pode faltar no noso día a día, esa persoa que nos cuida, protexe, mima e... berra! Pois claro que si, isto non quere dicir nin moito menos que non nos queira, senón que quere o mellor para nós. (isto último tíñamolo moi interiorizado)


Ademais, o profe explicounos a orixe deste día remontándonos aos seus antedecentes históricos, nada máis e nada menos que á Roma do século III, época na que estaba prohibido o matrimonio entre soldados porque se cría que os homes solteiros tiñan moita máis forza nas guerras.
Neste contexto, xurde a figura de San Valentín, un sacerdote que decide casar en secreto ás parellas que estaban namoradas e cando o descobren, encarcélano e mátano un 14 de febreiro.
Como actividade final elaboramos un mural en papel continuo no que debuxamos un corazón xigante que máis tarde recubrimos das nosas mans previamente impregnadas en témpera de cor vermella, rosa e branca. Estabamos moi ilusionados e todos puxemos o noso graniño de area para que o resultado fose... sinxelamente espectacular! Si, xa sabemos que non é unha cousa doutro mundo, pero non esquezades que os pequenos detalles convírtense para nós nalgo colosal, nembargantes, xulgade vos mesmos o resultado final...

Ah, xa sabedes que queda unha pregunta no aire, unha pregunta que hoxe viaxou ás nosas casas en forma de actividade que fomente a relación familia-escola... mil millóns de grazas, por estar sempre ao noso carón!
E mentres agardamos os resultados: unha chuche, pero unha chuche con forma de... corazón. Mmmmmm, deliciooosas!

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

ALBA E OS... VIKINGOS?

viernes, 11 de febrero de 2011

O mércores, asistimos, como vén sendo habitual dende hai algunhas semanas a unha sesión de contacontos, pero a desta semana era especial, xa que o contacontos era profesional, explicámonos...
O que ocorre é que dende o “Equipo de Biblioteca” do cole, organízanse -semanal ou quincenalmente- sesións de contacontos cuxos protagonistas son nenos e nenas de Educación Primaria que se converten por uns momentos en excepcionais contacontos que nos fan vibrar coas súas historias, están sensacionais!
Esta semana, en cambio, acudiu un contacontos profesional a relatarnos o que lle pasara a aquela nena de cor de pelo azul.
“Alba e os vikingos” foi a historia escollida para esta ocasión e, a partir dun dado fomos descubrindo as distintas secuencias que nos poñían en situación: a do barco vikingo, a do paxaro co anaco de lá de cor azul, a da velliña que choraba e choraba sen parar, a do arco da vella... Deste xeito, sen apenas pechar os ollos, revivimos a fascinante historia que lle ocorrera a Alba cando unha tarde se atopou cun barco vikingo.
A dicir verdade, no noso caso particular, resulta doado comprender a expectación suscitada no desenvolvemento argumental da historia, pois de todos é sabido que os contos encántanos e nunca cansamos de escoitalos unha e outra vez, máis agora que moitos de nós xa sabemos ler e facemos que esas historias renazan tantas veces como desexamos. Non debemos esquecer que ler debe converterse nun tempo de pracer, de diversión e de disfrute.
Os contos permítennos explorar os reinos da imaxinación, establecer lazos de comunicación, ademais nutren e enriquecen a fantasía e amplían o noso pequeno-gran mundo experiencial, favorecen o proceso de maduración global da personalidade, facilitan a aprendizaxe noutras materias, sementan curiosidade, interese e a concepción dos libros como portadores dun mundo fantástico, enxeñoso, marabilloso e interesante.
Xa na clase, seguimos coas rutinas da asemblea, pois Candela, a súper-encargada dese día non podía quedar sen as súas sumas, restas, ditado e pequeno momento respousado de lectura individual.
Logo, lembramos a historia de Alba e os vikingos, producíndose conversas moi interesantes acerca destes últimos, xa que algún de nós non sabía o que eran exactamente, ah, siii, uns homes que levan na cabeza uns cornos como os das vacas!.
O certo é que, en liñas xerais, non amosamos problemas de comprensión e quen máis e quen menos soubo dicir que parte da historia lle gustara máis, para que?... Pois para deixar constancia da sesión de contacontos a modo de debuxo, unha actividade que levariamos a cabo despois do momento da merenda, agora tocaba traballar no libro e coñecer o que lle ocorreu á nosa Pepa na súa aventura no centro comercial.

Tranquilidade, non vos preocupedes que aquí vos deixamos os resultados. Somos ou non somos uns súper-maiores?...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

CON "Z" DE...

viernes, 4 de febrero de 2011

Convencidos de que un lector non nace, faise, esta semana seguimos avanzando no noso proceso de lecto-escritura en letra minúscula lembrando a historia dun dos habitantes do País das Letras: a señora Z.
A señora Z representa os bos modais, a orde e o respecto, o coidado dos animais e plantas, a sanción, a actiude de cooperación social.
Este habitante do "País das Letras", é a encargada de acompañar aos príncipes cando van de paseo. A ela gústalle que os nenos fagan as cousas ao seu tempo: xogar á hora de xogar, xantar á hora de xantar, traballar á hora de traballar e durmir á hora de durmir. Nunha ocasión, volveu moi anoxada porque o príncipe E subiu a unha árbore á hora de descansar, rompeu os pantalóns novos e case cae cando partiu a póla onde puxera o pé. A señora Z deu un berro, rifoulle ao príncipe e logo contóullo aos seus pais, así que o príncipe tivo que prometer que nunca máis se portaría mal.
Outro día, que ían de paseo, o príncipe E e a princesiña I adiantáronse e escondéronse nun campo cheo de flores altas que os tapaban. Como a señora Z non os vía, creu que se perderan e asustouse moitísimo. Cando por fin saíron, viron que pisaran as flores. Pero tamén esta vez os perdoou.
A travesura máis grande fixérona o día que os levou ao circo. Sentaron moi formais nas cadeiras, pero como a función tardaba en empezar comezaron a aburrirse, e non paraban de moverse na cadeira, erguerse, sentar de novo.
De súpeto, aproveitando un despiste da señora Z, escaparon cara unha parte do circo onde había unha caixa grande. Abrírona e colleron o que lles pareceu unha corda, pero era... unha serpe durmida!
Logo as súas trasnadas continuaron durante as actuación do circo. Tiráronlle do rabo ao can, picaron cun pau ao león na súa gaiola e o peor foi cando viron aos elefantes na pista.
Como se enfadou a señora Z ese día! Colleu a cada un pola man e retornou ao castelo a contarlle o sucedido ao rei U e á raíña A.
- “Señores, aquí tedes a esta parella revoltosa e desobediente. Podedes mandarme o que queirades menos que volva saír co príncipe E e coa princesiña I. Xamais señor!..”
Dende entón, a señora Z só acompaña ao rei U, á raíña A e á tranquila princesiña O.

Unha historia coa que seguimos a completar o noso castelo do “País das Letras” no que cada semana imos engadindo novos habitantes. E xa temos uns cantos!...
Este personaxe serviunos de base para seguir traballando algunha das actitudes, valores e, sobre todo, normas, abordadas a semana pasada co motivo da celebración do “Día da Paz”.
Xa levamos dous anos e medio xuntos e abofé que non pasaron en balde: acatamos normas, intentamos dar o mellor de nós casi en todo momento, adaptamos o noso comportamento aos distintos momentos que se suceden ao longo da xornada... e moitas cousas máis que nos convirten nuns súper-maiores.
A partir da lectura do conto da señora Z, xurdiron varias conversas guiadas que se convertiron nunha base excepcional para o traballo transversal de aspectos vencellados coa Educación Moral e Cívica.
A Educación Moral e Cívica supón educar na convivencia fomentando a solidaridade, a cooperación, a liberdade, a responsabilidade, o respecto e o rexeitamento a todo tipo de discriminación e intolerancia.
Así, decatámonos que cada vez estamos menos de “florero” unha proba irrefutable do cumprimento das normas establecidas na aula a principio de curso, como no momento da asemblea erguemos a man para falar, agardamos cada vez con máis paciencia a quenda, escoitamos con respecto e atención ao resto de compañeiros...
Tamén amosamos gusto polos espazos limpos e ordeados deixando todo recollido tras o desenvolvemento das actividades, axudamos a aqueles compañeiros nas cousas que máis lles custan que, cada vez son menos, ilusiónamos xuntos cada vez que culminamos de forma exitosa un reto...
E tras o “Día da Paz”, cambiamos de mes, e en febreiro chega o “Día de San Valentín”, así que preparados para namorarse porque comezamos a traballar un novo sentimento: o amor! Estades preparados?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!