Bienvenido

ALFABETOMOTRICIDADE.

jueves, 30 de abril de 2015

Desde esta semana, somos letras que respiramos, fonamos e articulamos, que conformamos cos nosos corpos e a plástica, combinándonos en palabras e mensaxes sen fin…
Tal e como prometeramos, dentro das novidades reservadas para este trimestre está a do “Libro dos Nomes”, un recurso que se convertirá nunha técnica de aproximación á lecto-escritura.
O certo é, que froito do noso traballo cotiá, os avances na lecto-escritura resultan máis que evidentes.
Así, no 1º trimestre traballamos as vogais: compuxemos palabras que empezaran por cada unha, buscamos cada vogal no nome propio e no dos compañeiros e compañeiras, nos días da semana, en outros textos e palabras significativas… ata nos convertemos en letras bailando e cantando unha das nosas cancións preferidas: La marcha de las letras de Miliki!


Xa no 2º trimestre, seguimos afianzando o recoñecemento e, sobre todo correcto trazado, das vogais. Non todo vale, sempre temos moooita présa e as letras hainas que facer amodiño, ao xeitiño...
Do mesmo xeito, na asamblea matinal, comezamos o recoñecemento das letras que compoñen o abecedario, asociando novamente, letras a palabras e textos significativos do noso día a día.
Por outra banda, dende a volta de vacacións, no canto do rincón da biblioteca, agora disfrutamos do encerado; momento que aproveitamos para trazar letras, números, formas... logo, vén o debuxo, os garabatos... estupendo!


Estas e outras actividades, axiña posibilitarán que nós mesmos sexamos os encargados de repartir os libros de NUBA e as actividades impresas que realizaremos nas derradeiras semanas de curso... será estupendo!
Ademais, esta semana, xogamos a identificar todas estas letras. Non se trataban dunhas letras calquera, tratábanse dunhas letras especiais, diferentes… as letras tiñan as nosas caras! e cadaquén tomou o corpo da inicial do seu nome: “B” de “BRUNO”, “D” de “DANIELA”, “E” de “EVA”...


Cada día, repasamos cada lámina, coñecendo novas letras; letras que forman a escrita de palabras nos libros de NUBA; palabras que se unirán ás nosas primeiras frases para o vindeiro curso; e frases que descubriremos que viven nos nosos contos favoritos cando teñamos 5 anos.
Indubidablemente, repasar seguindo a direccionalidade correcta a letra pola que comeza o noso nome é doado dabondo, por iso, repasamos novas letras para familiarizarnos co seu trazo, asociando a grafía a cada neno e nena.










Chegados a este punto de traballo, o “Libro dos Nomes”, converteuse en toda unha sensación. Contabamos con dous xogos de letras iniciais, pero… iguais?... Nooon, parecidas, xa que nunhas láminas aparecía o nome de cada un de nós, e noutra non, logo… onde estarían os nosos nomes?...
A dinámica consistía en asociar as tarxetas de cada nome á súa lámina correspondente. Para iso, debiamos fixarnos na inicial do nome e na fotografía.


Agora xa, para a vindeira semana, unha vez entendido porque non aparecían os nosos nomes, estas láminas sen nome, adoptarán formato de libro pasando a formar parte do rincón da biblioteca para que disfrutemos tantas veces como queiramos... preparados!














Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

MONSTRUO ROSA.

viernes, 24 de abril de 2015

“Quen quere voar?... Quen quere ata as estrelas chegar?... Quen vai atopar o tesouro?...” Con estas e outras preguntas recollidas nun poema, comezamos as actividades coas que celebrar o “Día do Libro 2015”.

Nas asembleas descubrimos que o “Día do Libro” conmemórase cada 23 de abril por ser a data na que morreron escritores da talla de Miguel de Cervantes, Garcilaso de la Vega ou William Shakespeare.

Xa dun xeito máis contextualizado cos nosos intereses, conversamos sobre algúns dos nosos contos favoritos,... cantos contos contamos!
Primeiro saíron contos de sempre como o de Caperucita Roja, Los 3 cerditos ou El patito feo e coleccións dos personaxes dos nosos debuxos animados preferidos como Caillou ou Peppa Pig. Asemade,  lembramos algúns dos contos que levamos na actividade do préstamo: A que sabe a lúa?, A bruxa regañadentes ou Renato da editorial Kalandraka, tamén o conto de Corre corre, cabaciña, Cocorico ou Paco Papán de OQO editora; historias que, nalgúns casos, se converten en auténticas obras mestras da literatura infantil actual.
Estes e outros contos, constitúen a materia prima dun dos espazos creados na nosa aula nos que a fantasía, a imaxinación e a viaxe a fantásticos lugares está garantizado... o rincón da biblioteca!


Neste senso, grazas a Carmen a profe de P.E.L.O., coñecimos un novo conto que trouxo consigo diversas actividades co gallo do “Día do Libro”.

MONSTRUO ROSA. (Apila ediciones)
MONSTRUO ROSA é un conto sobre o valor da diferenza, unha historia para entender a diversidade como elemento enriquecedor da nosa sociedade.


Debuxamos aos personaxes do conto: o bicho bola de cor NEGRA, a rá dos tres ollos de cor VERDE, os paxariños de cor AMARELA, o monstro dos abrazos de cor AZUL... etc


Tamén creamos e recreamos cadanseu protagonista, converténdonos xunto cos nenos e nenas de 3 ANOS A en... Monstruos Rosas!...


Quedou un estupendo traballo co que agasallamos á bibliotecaria da nosa vila... fantástico!


Xa o martes, logo da asemblea e lembradas as normas que debemos seguir durante as saídas, acudimos á Biblioteca Pública Municipal de Rianxo.
Saímos do colexio sen tan sequera sacar o mandilón...


Camiñamos amodo, agarradiños e ben arrimados á parede...


E por fin, por fin chegamos á biblioteca da nosa vila, un espazo que moitos xa coñecemos por acudir algunha tarde coa nosa familia... non si?..


Alí, recibiunos Sofía, a bibliotecaria, que nos sorprendeu cun marabilloso deseño de Monstruo Rosa na súa camiseta... estaba sensacional!


Sen perder detalle, na zona infantil, escoitamos a historia de Monstruo Rosa e coñecimos algúns contos que podemos levar para as nosas casas.
Asemade, Sofía contounos coa técnica do Kamishibai un conto propio de África: Por que hai tantas pedras no fondo dos ríos? da editorial Miniland.


Ademais de todo isto, na biblioteca tamén houbo un tempo para traballar, pintando en pequeno grupo algún elemento para o mural do Monstruo Rosa: casas, nubes, árbores... cantas cores!



E para rematar,... que mellor xeito que ollar de xeito libre os contos da biblioteca?… uf, aí si hai contos!



Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

O CARRUSEL MÁXICO.

viernes, 17 de abril de 2015

Para o inicio deste trimestre, NUBA gardábanos unha estupenda sorpresa… unha invitación para viaxar onda ela nun carrusel máxico!...
Invitación aceptada, esta viaxe está resultando moi enriquecedora xa que estanos permitindo coñecer e identificar algunhas características e servizos de diferentes medios de transporte característicos do noso contorno.

Para comezar, da man de NUBA, NUBETE, LENA e TOTE, subimos ao carrusel máxico, onde tan só con pechar os ollos viaxamos a lugares imaxinarios en diferentes medios de transporte: subimos á locomotora ata chegar ao país dos animais rebuldeiros, ao avión para subir ás nubes e saltar sobre elas coma se fosen camas elásticas e, por último, navegamos polo mar e xogamos cos golfiños… estupenda viaxe!



Esta historia, propiciou un senfín de conversas nas asembleas cuxo eixo motivador foron os medios de transporte e o medio físico de desprazamento.
Do mesmo xeito, a partir do uso sistemático de Bits de Intelixencia, chegamos a interesantes conclusións sobre as características, usos e funcións dalgúns medios de transporte presentes no noso contorno inmediato.
Descubrimos que os medios de transporte TERRESTRES desprázanse por estradas e vías e que estes precisan rodas para moverse: o coche, o camión, o autobús, a moto, a bicicleta…












Tamén coñecimos os medios de transporte ACUÁTICOS que navegan polos mares, os lagos e os ríos tales coma o barco pesqueiro ou o barco de vela, a canoa, o cruceiro ou o transbordador, entre outros.


Finalmente, concluímos que os medios de transporte AÉREOS desprázanse polo aire. Moitos teñen ás e hélices como o avión e o helicóptero, e outros desprázanse sen motor coma o globo. Sobre este medio, as conclusións resultaron se cabe máis froitíferas xa que varios de nós empregamos este medio para viaxes longos, moooi longos












Nestas conversas, realizamos descricións dalgúns vehículos, valorando a súa utilidade: viaxar, desprazarnos a lugares que están lonxe, transportar mercadorías e ata explorar o mundo, o fondo mariño... e chegar ata o espazo!
Este centro de interese ademais, posibilitou o tratamento transversal de elementos relacionados coa Educación Vial, insistindo na necesidade de respectar as normas de circulación viaria, co obxecto de previr accidentes.


Por outra banda, esta semana, incorporamos á actividade do préstamo a realización das nosas primeiras fichas de lectura que a final de curso levaremos arquivadas no que será o noso primeiro “Dossier de Lectura”.
No proceso de realización destas fichas, insistirase no trazo das letras que deben ser escritas a lápis e poden estar repasadas con rotulador. Do mesmo xeito, nós seremos os encargados de debuxar o que estimemos oportuno, actuando a familia unicamente como mediadora na actividade.
O máis importante, desfrutar coa actividade na que se establece un alicerce excepcional de comunicación familia-escola, en tanto que unha vez máis, dentro das accións da nosa aula, as familias xogaredes un papel indiscutible, xa que na casa, ao igual que no cole... non vale todo!
Os resultados?... Na súa meirande parte fabulosos!... Moitos parabéns!...


E para a vindeira semana?... Remataremos a actividade que comezamos a desenvolver a partir do conto: Monstruo Rosa. (Apila Ediciones) coa que decorararemos a Biblioteca Municipal á que acudiremos, se o tempo o permite, o martes 21 de abril... que ilusión!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!