Bienvenido

#VeránConSentidiño

viernes, 19 de junio de 2020


Tras unha andadura chea de vivencias, experiencias, descubrimentos e aprendizaxes, chega o final do curso e de etapa co inicio do verán e as vacacións.
O verán é un período vacacional, e resulta importante que os nenos e nenas gocen del como tal. Alén disto, as familias debedes ter en conta que calquera xogo ou actividade cotiá pode adquirir certo trasfondo pedagóxico.
Por iso, ademais de xogar, ir á praia, ao parque, de viaxe visitar novos lugares... é importante que, cada día, reservedes un tempo para realizar algunha tarefa que sirva de medio para ampliar, consolidar e/ou reforzar algunhas das capacidades adquiridas ao longo destes cursos. Non se trata tanto de facer “fichas”, trátase de que os nenos e nenas non perdan o hábito e a actitude de traballo acadada ao longo destes cursos; trátase de establecer unha rutina de traballo cotiá tamén no tempo de verán.

Respeto á lecto-escritura, como sabedes, un lector non nace, faise, para iso, debedes transmitir o valor da lectura como unha fonte de aproximación a novos coñecementos e como unha porta aberta ao mundo da fantasía.
Á hora de ler, deberedes crear un clima cálido, seguro, de proximidade física e afectiva. Non intentedes obter do neno ou nena máis do que pode dar segundo o seu estadio evolutivo, isto pode causar frustracións e  rexeitamento cara a lectura.
Neste senso, resulta esencial que os nenos e nenas se sintan motivados de cara a proposta de actividades, pois só deste modo, gañarán confianza nas propias posibilidades, seguridade... actitudes que os levarán, consecuentemente, a incrementar progresivamente o seu afán de superación e facer sempre as tarefas do mellor xeito posible.

Entre as posibles actividades que podemos desenvolver durante estas vacacións, primando sempre o periodo vacacional e de descanso característico destes meses, estarían:
·identificación e trazado de grafemas: para isto, podedes servirvos de textos significativos e da  técnica escolar do ditado...
·recoñecemento e trazado de números significativos, recta numérica ascendente/descendente, cálculo mental con sumas e restas,...
·identificación de cores, trazos e formas planas en elementos da realidade,
·facer uso da expresión artística como forma de comunicación. Deixade que os nenos e nenas se expresen a partir das posibilidades da linguaxe plástica, musical e corporal, de xeito libre, sen modelos. Non esquezades que o máis importante é o proceso, non o produto...

Agora xa, sen esquecer todo o vivido durante estes 3 cursos xuntos, toca desfrutar das vacacións que hoxe venres 19 de xuño comezan; aproveitando estes meses de verán para recargar as pilas para os retos e actividades que nos agardan a partir de setembro en 1º de Educación Primaria... Bo verán familias!  

0 comentarios: