Sabiades que este martes 24 de febreiro foi o “DÍA DE ROSALÍA”?...
Cada 24 de febreiro está recollido pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura oficialmente como o “Día de Rosalía de Castro” por ser a data do seu nacemento.
Neste ano 2015, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), propuxo celebrar este Día baixo o lema “Eu son Rosalía”, de modo que cada alumno e alumna descubrira con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificado, gravando en escenarios da súa vida unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para...”.
Do mesmo xeito, como vén sendo habitual, o noso colexio participou activamente na iniciativa recollida pola devandita AELG na que cada clase elaborou cadansúa flor coa que conmemorar este Día.
Houbo flores para todos os gustos. Flores a partir de material de desfeito e refugallo, flores de plastilina, con gomets, flores con papel crepé, de seda... nalgúns casos, auténticas obras de arte, canta imaxinación!
No noso caso, para a elaboración da flor a Rosalía, partimos dunha forma xeométrica máis ou menos coñecida por todos: o CADRADO.
Para desenvolver esta actividade: coloreamos, dobramos e pegamos, modelamos plastilina, pintamos con pincel, botamos purpurina... canto traballamos! Sen así artellalo, resultou unha actividade na que se percibiu o entusiasmo e entrega que cada vez máis a cotío presentamos no desenvolvemento das nosas actividades na escola... perfecto!
Neste senso, aproveitamos esta actividade, ademais de para afianzar o recoñecemento e diferenciación da forma plana do cadrado, para traballar a escrita contextualizada do nome na tarxeta da flor... fantástica oportunidade!
O resultado?... Un ramo de 20 flores que ulían a... plastilina! Cada unha no seu estilo, quedaron xeniais!...
Por outra banda, e co gallo desta conmemoración, aproveitamos as asembleas para coñecer algún dato básico da vida de Rosalía de Castro.
Así pois descubrimos que Rosalía de Castro naceu en SANTIAGO DE COMPOSTELA e finou en PADRÓN, ambos contextos moi próximos á nosa vida cotiá ao atoparse preto da nosa vila. Do mesmo xeito, iniciámonos no recoñecemento de diferentes oficios e profesións presentes no noso contorno inmediato e, concluímos que Rosalía de Castro non era mestra, nin cociñeira, nin policía, era ESCRITORA, escritora de LIBROS nalgúns casos en LINGUA GALEGA, como un dos seus textos máis coñecidos: “ADIÓS RÍOS, ADIÓS FONTES” ao que nos aproximamos durante estes días.
Finalmente, o venres, como xornada de peche a estas actividades de aproximación á literatura galega, BRUNO e MIGUEL nos deleitaron coa sesión de contacontos da rutina do préstamo de biblioteca... que gozada escoitalos!
E a nosa flor?... Así de contentos marchamos para a casa, unha mostra irrefutable do importante que resultan nas nosas vidas as pequenas cousas...
E para a vindeira semana?... Ultimaremos os derradeiros detalles cos que dar a benvida a un pequerrecho e a unha pequerrecha nados durante este curso... nunha barriguiña moi quentiña... moi atentos ás novas do noso blogue!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!