Esta semana, seguindo de novo as instrucións da Consellería
de Educación, Universidade e Formación Profesional, comezamos coas
recomendacións propias deste 3º trimestre que nesta ocasión toman como eixe
vertebrador A EXPRESIÓN ARTÍSTICA.
Indubidablemente, a expresión artística convértese nunha linguaxe
con numerosas posibilidades de comunicación. Deste xeito, os elementos,
materiais, soportes e técnicas que emprega, permiten a realización de múltiples
actividades que potencian a nosa imaxinación, curiosidade, pensamento crítico e
creativo, a exploración e experimentación, a sensación, percepción...
Así, como unha das actividades propias da linguaxe
plástica está a representación do esquema corporal. Lograr o esbozo completo
do esquema corporal diferenciando cabeza, tronco e extremidades, ás veces segue
resultando unha tarefa máis complicada do que debera.
- Na cabeza:
ollos, nariz, boca, orellas e pelo, tamén o pescozo.
- No tronco:
recrear a indumentaria propia de cada estación e/ou situación representada.
- As extremidades
poden debuxarse de formas variadas para aportar volume, sensación de
profundidade, movemento, perfís, posturas combinadas... como obxectivos propios
de 6º de Educación Infantil.
Xa logo, hai que completar os debuxos con elementos complementarios
que contribúen a dar unha visión final de conxunto, ao tempo que ofrecen unha información
persoal de cada neno e nena, unha visión global dos seus intereses... o proceso
debe de ser coidado e elaborado. Rotuladores, ceras brandas, Plastidecor36,
lapis de cores... para cada cousa unha cor diferente, sen présa, coloreando ao
xeito, amodo...
Alén disto, tamén se poden desenvolver outro tipo de
actividades que poñan a proba o uso de elementos e materiais propios desta
linguaxe:
- tesoiras: claro que todos somos quen de recortar
libremente, pero ás veces o recortado con demarcación resístesenos,
- punzón e táboa
de picado: o picado con
demarcación convértese nunha actividade que pon a proba a nosa paciencia,
- plastilina,
masa para modelar e ferramentas propias: dando volume, forma e proporción,
- témpera,
acuarela, pinceis de distintos grosores
e esponxas de estampación: para descubrir as propiedades da pintura, as cores primarias, as mesturas
como medio para a obtención das cores secundarias...
Neste senso, podemos empregar todos estes materiais de
maneira illada e/ou combinada con técnicas propias da expresión artística,
experimentando distintas formas de traballo:
- collage: a partir de material de desfeito e refugallo
(recortar e pegar, picar e ensartar, estampar, engurrar...),
- vidrieiras con distintos tipos de papel, compoñendo
formas, mosaicos...,
- actividades con
pintura: estampacións,
salpicaduras/batik, por inmersión...,
- modelado: dando volume mediante pellizcos, estirados...
Todo este traballo verase complementado coas achegas de artistas
de todos os tempos, estilos e países: Paul Klee, Vasili Kandinski, Piet Mondrian,
Joan Mirò, Picasso, Jorge Peteiro, Leandro Lamas... Frida Kahlo, Maruja Mallo,
e mesmo Julia Minguillón nada na nosa cidade...
Listo!... Agora xa, deixade voar a imaxinación e pintade de
cores e de toneladas de purpurina concentrada todo o que nos agarda cando isto
remate... Á N I M O !!
2 comentarios:
Moitas grazas José Ricardo
Esperamos que pronto todos nos poidamos volver a encontrar... Martín Fouz manda moitos bicos e apertas para todos
Desexa poder volver ó cole antes de pasar a primaria
Aínda que complicado, oxalá moi pronto vernos de novo e pechar como ben merece estes 3 cursos xuntos...
Un abrazo enorme para MARTÍN F. e para TELMO.
Saúdos familia.
Publicar un comentario