En
Educación Infantil, a distribución do
tempo concíbese baixo criterios
de globalidade e integridade no que se combinan tempos de actividade con
períodos de descanso e actividades individuais con relacións de grupo.
Neste senso,
esta organización temporal contempla a secuencia lóxica de momentos educativos
onde desenvolvemos unha serie de rutinas e ritmos cotiás que nos ofrecen unha nova
forma de coñecer o contorno que nos rodea, posibilitando o desenvolvemento de
cotas maiores de autonomía e o coñecemento de nocións secuenciais como “antes”,
“despois” e “agora”.
Porén,
ademais das rutinas que vertebran os diferentes momentos de cada xornada
escolar propios da nosa aula dos que xa vos fixeramos partícipes a principio de
curso, esta semana prestaremos atención ao tempo das especialidades,
concretamente a Educación Física (Psicomotricidade).
Así pois,
cada luns, logo do momento do patio, participamos activamente nas sesións de
Psicomotricidade no pavillón disposto para tal fin. Para disfrutar como é
debido, de obrigado cumprimento roupa e calzado axeitado que permitan axilidade
e liberdade de movementos... fantástico!
Asemade,
e para que todo resulte segundo o previsto, grazas a PEDRO, o profe de
Psicomotricidade, desenvolvemos unha secuencia e orientacións na posta en
práctica de cada sesión,... as rutinas seguen resultando fundamentais.
En primeiro
lugar, quentamos e preparamos o noso corpo con variados exercicios e xogos
motores... bo comezo!
Tamén repasamos
as normas e regras de seguridade establecidas no pavillón (ximnasio), pois a pesar
de ser un espazo aberto que invite máis que a propia aula á dispersión, aquí
tampouco... non todo vale!...
Xa logo,
executamos a actividade, cada día diferente: circuitos, rincones, xogos
populares e de rol, contos motores... empregando diverso material no que o
propio corpo se establece, neste ámbito, no recurso fundamental por
excelencia... perfecto!
Con este
tipo de actividades, avanzamos no dominio e control da psicomotricidade grosa e
fina, coordinación de movementos, esquema corporal, lateralidade, ton muscular,
integración en xogos grupais, respiración...
E para
rematar, chega a parte máis tranquila de cada sesión no que o noso corpo precisa
relaxarse e voltar á calma a través de actividades de relaxación: en silenzo respiramos,
inhalamos e exhalamos escoitando case case o latexo do corazón... así si que si!
Sabedes
que ademais da intervención de Pedro, contamos coa asistencia semanal doutros mestres
especialistas dos que tentaremos facervos partícipes en vindeiras entradas, así
que seguide atentos ao blogue... isto promete!
Un saúdo
e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!