Bienvenido

XUNTOS DE NOVO!!

jueves, 10 de septiembre de 2015

Siii, esta semana comezou o cole e, aínda que pasaron xa máis de dous meses dende que moitos nos vimos por última vez, parece que foi onte cando rematou o cole... como pasa o tempo, xa estamos de novo co mandilón!
Así pois, ao principio algúns de nós estabamos con vergoña, si, si,... con vergoña!, menos mal que, xa na clase, e transcurridos uns minutiños, voltamos a ser os de sempre...
Estabamos contentos, nerviosos, ilusionados... raros!, o profe notounos maiores, moi maiores, unha proba evidente do paso do tempo e do noso proceso de desenvolvemento... xa estamos na clase de 4 ANOS!


Sentados en cadanseu sitio da asemblea, comezamos unha conversa das nosas vacacións de verán... canto tiñamos que contar! Tardes na praia, na piscina ou no parque xogando aos nosos xogos preferidos, outros disfrutamos do campamento urbán da nosa vila, tamén viaxes en avión a lugares fantásticos... e unha longa lista de actividades que nos serviron para cargar as pilas para este curso que comeza... xa estamos na clase de 4 anos!
Como non podía ser doutro xeito, e como preludio ao “chupitaso” das festas da Guadalupe, as atraccións dispostas preto do auditorio suscitaron sempre comentarios sorprendentes, pois varios de nós, nun ataque total de valentía, afirmamos convencidísimos que montariamos no “saltamontes”... mi madriña! Todo isto ao tempo que escoitabamos durante a mañá bombas que anunciaban que Rianxo estaba de festa... de festa rachada!
Logo da asemblea, descubrimos algunhas das novidades máis significativas da aula, e claro, por máis que buscamos e rebuscamos a NUBA, non a atopamos por ningures, no seu lugar está un personaxe de flequillo de punta multicolor: MOLI será a nosa nova mascota!



Xa o venres, co mandilón posto, comezamos algunhas das rutinas que desenvolveremos ao longo do curso; algunhas de sobra coñecidas -como o ritual do saúdo ou a elección do súper-encargado-, outras novas -como a rutina dos meses do ano, a elección diaria dos coordinadores de equipo ou a escrita de palabras e/ou pequenos textos significativos-. NICOLÁS, aínda que un chisquiño nervioso por facelo todo ben, estivo fantástico, e entre todos escribimos a serie numérica ata o número 11... case nada!



Uf!, que sorpresa levou o profe cos debuxos das nosas vacacións: soles, nubes, ondiñas no mar e area, moooita area nuns primeiros traballiños que non quedaron nada mal para ser a primeira semana de volta ás aulas... moitos, moitísimos parabéns! Uns esquemas corporais xa de súper-maiores!...













E como colofón a un día tan froitífero no que a normas, hábitos e traballo persoal se refire... xogo libre nos rincones dispostos na aula, cadaquén no seu rincón favorito e ata o profe nos deixou cambiar tantas veces como quixeramos... menudo premio!


Agora xa, toca disfrutar das festas da nosa vila. A Guadalupe abofé traerá situacións curiosas que axiña compartiremos na escola... boas festas a todos e todas!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

TIC-TAC, TIC-TAC...

martes, 1 de septiembre de 2015

Logo dunhas merecidas vacacións de verán, voltaremos a vernos de novo o vindeiro xoves 10 de setembro (de 11:00h. a 12:00h.) e, aínda que a moitos de nós custaranos coller de novo os hábitos e o ritmo de traballo acadados ao longo do curso pasado, quen máis e quen menos seguro que está desexando atoparse de novo na escola co mandilón posto... non si?...

Este curso non se trata dun curso máis... nooon!!, xa non somos os máis pequerrechos e pequerrechas do cole, así que deberemos dar exemplo aos nenos e nenas de 3 anos que comezan a súa andaina no cole dos maiores. Así, ao ser xa os nenos e nenas de 4 anos, intentaremos non chorar nas entradas, portarnos xenial en cada momento da xornada, facer o noso traballo cotián o mellor posible... etc

Notaredes que vimos con moitas moitiiísimas ganas, sabedores de que como non podía ser doutro xeito, as nosas familias estarán sempre ao noso carón felicitándonos polos éxitos acadados e alentándonos a intentalo unha e outra vez ata conseguilos... mil millóns de grazas familias!

Así pois, un curso máis, e a medida que avance o calendario escolar, iranse sucedendo as distintas actividades e conmemoracións que marcan o curso e o ritmo da nosa aula: as cabazas do Samaín e as castañas do magosto, compartiremos soños e ilusións no Nadal, as máscaras e disfraces do Antroido... e moitos máis pequenos-grandes acontecementos que vos iremos contando no noso blogue; un blogue que con esta entrada dá por inaugurado oficialmente o curso académico 2015-2016... preparados?
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!


É TEMPO DE VERÁN!!

miércoles, 1 de julio de 2015

Tras unha andadura chea de vivencias, experiencias, descubrimentos e aprendizaxes, chega o final do curso co inicio do verán... é tempo de VERÁN!

O verán é un período vacacional, e resulta importante disfrutar del como tal; nembargantes, as familias debedes ter en conta que calquera xogo ou actividade cotiá pode adquirir certo trasfondo pedagóxico.
Por iso, ademais de xogar, ir á praia, ao parque, de viaxe visitar novos lugares... é importante, sempre que sexa posible e se estime oportuno, realizar tarefas que sirvan de medio para consolidar algunhas das capacidades adquiridas ao longo do curso. Non se trata de facer fichas como as da escola, senón de non perder o hábito e a actitude de traballo.
Dende un enfoque lúdico, ameno e divertido, poderemos desenvolver distintas actividades, non como unha obriga, senón como unha rutina que levamos a cabo día a día durante as nosas tan merecidas vacacións.

Respeto á lecto-escritura, sinalar que un lector non nace, faise, para iso, as familias debedes transmitirnos o valor da lectura como unha fonte de aproximación a novos coñecementos e como unha porta aberta ao mundo da fantasía.
Destacar o importante que resulta que non nos iniciedes no proceso lector, xa que moitas veces, inconscientemente, xerádesnos frustracións e angustias innecesarias cara unha aprendizaxe custosa á que lle prestaremos especial atención o vindeiro curso, paciencia...

Resulta esencial que nos sintamos motivados de cara a proposta de actividades, pois só deste modo, gañaremos confianza nas nosas posibilidades, seguridade... actitudes que nos levarán a incrementar progresivamente o noso afán de superación e así facer sempre as tarefas propostas do mellor xeito posible.

Entre outras das posibles actividades que podemos levar a cabo durante estas vacacións, primando sempre o periodo vacacional e de descanso característico destes meses, estarían:
·     identificación e trazado de grafemas. Non nos poñades letras para copiar,... iso está chupao! agora xa somos maiores e deberiamos saber trazar as letras seguindo o ditado de grafemas... facemos a proba?


·     recoñecemento e, moi especialmente trazado dos números do 0 ao 3, a algún de nós todavía se nos resiste a identificación e grafía dos números traballados sistematicamente durante o curso... coa vosa axuda o lograremos, estamos convencidos!,


·     seguir traballando as cores, os trazos e as formas planas (círculo, cadrado, triángulo), aprendendo a identificalas en elementos do contorno,


·   tampouco deberemos esquecernos da expresión plástica, así que deixade que nos expresemos artisticamente e de xeito libre,... sen modelos!. Non esquezades que é máis importante o proceso que o produto, xa que este dependerá do noso grao madurativo e da nosa particular visión do mundo. Agora ben, lembrade que... non todo vale!,



Todo isto sen esquecer de disfrutar ao máximo as tan merecidas vacacións que acabamos de comezar, aproveitando estes meses para recargar as pilas para todos os retos e actividades que nos agardan a partir de setembro...

OS NENOS E NENAS DE 3 ANOS B,
DESÉXANVOS UNHAS MOI FELICES VACACIÓNS DE VERÁN!!


DE VERDE AUGA MARIÑA...

viernes, 19 de junio de 2015

Esta derradeira semana de curso,  resultou trepidantemente divertida, e cada día estivo marcado por un acontecemento que repercutiu no desenvolvemento de cada xornada; comezaremos polo principio...

Para poñer o punto e final a un curso repleto de descubrimentos, experiencias e aprendizaxes, celebramos durante a semana dúas festas: a da clase e a da auga, non sen antes cumprir con varios cometidos.
O primeiro cometido foi rematar as actividades impresas pendentes: identificamos e trazamos números, asociamos cantidades a grafias, realizamos conxuntos de elementos, escribimos o noso nome e a data, coloreamos, repasamos, pegamos gomets...
Xa para rematar, quedaba o máis divertido, a elaboración da portada dos nosos traballiños, unha recreación con pintura de dedos de NEMO... fabuloso!



Outro feito que marcou o desenvolvemento da semana foi a celebración de 3 aniversarios, nesta ocasión tocoulles ao neno e ás nenas do vagón do mes de xuño. Para este momento, como vén sendo habitual, levamos a cabo as rutinas establecidas e que marcan un hito importante para o “cumpleañero”, sacar a súa foto da tarta de 3 anos e pegala... na tarta de 4 anos! un feito simbólico que nos fai sentir un pouquiño máis súper-maiores... Moitos parabéns LAURA, NAIRA e YAGO, os cakes estaban exquisitos!


Cando a semana estaba a piques de rematar, xa o xoves, preparamos na clase unha festa, na que grazas á colaboración das nosas familias non faltou de nada... que máis se pode pedir!
Tratábase dun día diferente, era un día con certo sabor a despedida, un día no que celebrabamos o final do curso: comimos snacks e aperitivos varios, bebimos zumes, batidos e bebidas isotónicas, bailamos as nosas cancións favoritas, o profe deixounos correr polo corredor por tratarse dun día especial, xogamos cos globos... divertidísimo!


E aquí non rematou todo, xa que aínda nos agardaba o mellor para o venres... siii, a tan agardada “Festa da Auga”!
Logo da asemblea, moi ansiosos por comezar a participar nos xogos e, sobre todo, por estrear as pistolas de auga, dirixímonos á primeira estación: as piñatas, consistente en baleirar uns cubos que tiñan pelotas de goma ou auga.
Había xogos para todos os gustos: relevos con esponxas, dianas con globos de auga, carreiras de camareiros, pesca-patos, prato na cabeza...











































Ao principio non nos facía moita graza mollarnos, pero pronto todos e todas entramos nas dinámicas propostas, ata tal punto que rematamos cunha batalla de auga a base de globos, cubos, pistolas de auga e incluso o camión cisterna que nos mollou se cabe aínda máis coa mangueira... mi madriña, menuda se liou, caos total!... De feito, axiña marchamos que, sorprendente máis dun comezou a chorar desconsoladamente...
De volta na clase, mudámonos de roupa e degustamos algúns dos snacks e aperitivos que sobraran do día anterior... tiñamos fame!
Agora chegan as vacacións; é tempo de ir á praia e á piscina, de viaxar e de coñecer novos lugares, de comer xeados... é tempo de verán!, pero ollo, non deixedes de visitar o blogue, xa que durante as vacacións seguirá vivo...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

ONDIÑAS VEÑEN...

viernes, 12 de junio de 2015


Como vén sendo habitual cada curso por estas datas, está a piques de saír unha nova edición da nosa revista escolar “Ondiñas veñen”, en cuxo proceso de elaboración participamos todos os nenos e nenas do cole.

As seccións e temáticas que integran “Ondiñas veñen” son para todos os gustos e públicos, dende traballos nos que se explican como vivimos as distintas celebracións que teñen lugar no cole: o samaín, o magosto ou o nadal, ata entrevistas, pasatempos e mesmo contos de elaboración propia que toman como protagonistas seres fantásticos e enxeñosos.


O primeiro foi determinar a temática que achegariamos á revista escolar unha das clases dos máis pequerrechos do cole.
Este cometido, serviunos para voltar a vista atrás e lembrar os momentos vividos durante este curso: o noso primeiro Samaín-Halloween, o magosto, o nadal, o antroido...
Comezabamos o curso co traballo da secuencia de aprendizaxe: “O pitiño branco comeza a escola” na que onda o pito PACO vivimos e revivimos os sentimentos e emocións durante o desenvolvemento do período de adaptación á escola... uf, que lonxe queda isto!


Tamén outras actividades como a celebración do “Día da Paz” e saídas didácticas que nos serviron para coñecer o noso concello: auditorio, biblioteca, praia... momentos que se converteron en experiencias de ensinanza-aprendizaxe propiciando descubrimentos, xerando aprendizaxes e contribuíndo á interacción entre iguais e ao noso proceso de socialización infantil.
Siii!... dado o cúmulo de experiencias suscitadas no Festival de Nadal, tivémolo claro, a temática escollida para a nosa aportación á revista deste curso sería a recreación do noso... CiRcUs!
No escenario recreamos algúns dos números máis representativos do maior espectáculo do mundo: o circo… lembrades?


Comezaron 3 estupendos FORZUDOS (YAGO, MARCOS e SANTIAGO), a domadora (NAIRA) cos 3 leóns (XIMENA, GAEL e JUAN RAÚL), os equilibristas da pista (NICOLÁS e MIGUEL), o ENCANTADOR de serpes (BRUNO), a maga coa súa chisteira e variña máxica (MICAELA), as 5 majorettes (LAURA, DANIELA, NAIARA, PAULA e SABELA R.I.) e os 4 pallasos (YAIZA, SABELA R.G., EVA e XOEL)... fantástico show!...


Sen lugar a dúbidas, esta actividade, e sobre todo os personaxes da nosa actuación, estiveron presentes ao longo de diversos momentos do curso, e que mellor xeito que deixar unha pegada se cabe máis permanente e visible no tempo que na nosa aportación a “Ondiñas veñen”.
O deseño das dúas cariñas asignadas para o noso grupo resultou doada: composición de rimas que propiciou un sempre gozoso encontro co mundo da creación literaria e coa lecto-escritura aderezadas dunhas fotografías nas que subidos no banco da asemblea adoptamos posturas case case imposibles co noso corpo: acochados, á pata coxa, saltando...
O resultado?... A piques chegará en formato de revista ás vosas casas, pero para os máis impacientes... velaí vai a primicía mundial da nosa primeira achega a “Ondiñas veñen”... CiRcUs CiRcUs!!



Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!