Embarcados
nunha misión espacial, estas semanas descubrimos e identificamos algúns
elementos representativos do Sistema Solar, así que… cinturóns abrochados que a viaxe comeza... “hasta el infinito y más allá”!...
Como
sabedes, comezamos cada xornada coa asemblea matinal, un tempo adicado á
expresión oral, reflexión, organización e secuencia das actividades propias de
cada día no que a elección do súper-encargado
é un dos momentos clave.
Entre
as tarefas que realiza o súper-encargado,
ademais da fichaxe de ausencias e presenzas e das actividades de
lecto-escritura e de pensamento e razoamento lóxico-matemático, está a rutina de
PIPO, o coello espacial.
Chegado
este momento, introducímonos na observación e identificación dalgúns fenómenos
atmosféricos e meteorolóxicos que se suceden no día a día, constatando en cada
caso co seu pictograma correspondente -de sol, sol con nubes, nubes negras e
choiva-, o tempo cotiá.
Estes días, a partir desta actividade, e convertidos nuns auténticos astronautas, descubrimos planetas tales como: XÚPITER e VENUS, compostos fundamentalmente de gases e rochas volcánicas, respectivamente.
Tamén coñecemos un dos nosos planetas favoritos: SATURNO, cuxa forma esférica rodeada de aneis de cores nos resulta tan espectacular.
E como non, a TERRA, que resultou o máis doado de recoñecer ao tratarse do planeta no que vivimos.
Nesta viaxe espacial tamén descubrimos as constelacións, agrupacións de estrelas que se atopan no Universo como por exemplo a de O CENTAURO -con forma de animal mitolóxico metade home, metade cabalo-, ou a OSA MAIOR, -con forma de carro sen rodas-.
Vimos cometas como o HALE-BOOP con forma de lume da que sobresaen varias colas... fascinante!
Para esta viaxe espacial, non puidemos atopar o mellor pasaporte: os “Bits de Inteligencia”... como?... non oistedes falar aínda deles?...
Os “Bits de Inteligencia”, resultan de gran
utilidade para estimular o cerebro, a aprendizaxe e a memoria, axudando a
adquirir novos coñecementos, a desenvolver e ampliar a linguaxe, o hábito e a
capacidade de atención, a memoria visual e auditiva, a fomentar a curiosidade e
o interese...
Foi tal a
expectación que levantou o uso deste material didáctico, que no tempo adicado
ao debuxo libre e/ou guiado, plasmamos en diferentes días auténticas producións
espaciais.
Ollamos no Encerado Dixital Interactivo (EDI) cores, formas, tamaños e proporcións dos ALIENÍGENAS. Caras verdes, antenas, ollos e brazos sen control... ata alienígenas-chica con vestido, lazo... case nada!
Achegámonos á figura do primeiro home en pisar a lúa, o estadounidense NEIL ARMSTRONG, sen esquecer a VALENTINA TERESHKOVA, primeira muller en viaxar ao espazo exterior... e mesmo a LAIKA, o primeiro animal en orbitar a Terra... que interesante! Debuxamos cohetes, naves espaciais e ata platillos voantes...
Nestes días, formulamos e verificamos hipóteses, xogamos a pensar, miramos no EDI elementos vencellados... HÉCTOR ata modelou con plastilina un cohete!
Agora xa, na vindeira semana, comezaremos a vivir un dos momentos máis especiais do ano: o Nadal. Xuntos no noso blogue, comprobaremos como os Reis Magos existen!... existen no corazón de cada un dos que cren neles!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario