Bienvenido

ONDIÑAS VEÑEN...

viernes, 12 de junio de 2015


Como vén sendo habitual cada curso por estas datas, está a piques de saír unha nova edición da nosa revista escolar “Ondiñas veñen”, en cuxo proceso de elaboración participamos todos os nenos e nenas do cole.

As seccións e temáticas que integran “Ondiñas veñen” son para todos os gustos e públicos, dende traballos nos que se explican como vivimos as distintas celebracións que teñen lugar no cole: o samaín, o magosto ou o nadal, ata entrevistas, pasatempos e mesmo contos de elaboración propia que toman como protagonistas seres fantásticos e enxeñosos.


O primeiro foi determinar a temática que achegariamos á revista escolar unha das clases dos máis pequerrechos do cole.
Este cometido, serviunos para voltar a vista atrás e lembrar os momentos vividos durante este curso: o noso primeiro Samaín-Halloween, o magosto, o nadal, o antroido...
Comezabamos o curso co traballo da secuencia de aprendizaxe: “O pitiño branco comeza a escola” na que onda o pito PACO vivimos e revivimos os sentimentos e emocións durante o desenvolvemento do período de adaptación á escola... uf, que lonxe queda isto!


Tamén outras actividades como a celebración do “Día da Paz” e saídas didácticas que nos serviron para coñecer o noso concello: auditorio, biblioteca, praia... momentos que se converteron en experiencias de ensinanza-aprendizaxe propiciando descubrimentos, xerando aprendizaxes e contribuíndo á interacción entre iguais e ao noso proceso de socialización infantil.
Siii!... dado o cúmulo de experiencias suscitadas no Festival de Nadal, tivémolo claro, a temática escollida para a nosa aportación á revista deste curso sería a recreación do noso... CiRcUs!
No escenario recreamos algúns dos números máis representativos do maior espectáculo do mundo: o circo… lembrades?


Comezaron 3 estupendos FORZUDOS (YAGO, MARCOS e SANTIAGO), a domadora (NAIRA) cos 3 leóns (XIMENA, GAEL e JUAN RAÚL), os equilibristas da pista (NICOLÁS e MIGUEL), o ENCANTADOR de serpes (BRUNO), a maga coa súa chisteira e variña máxica (MICAELA), as 5 majorettes (LAURA, DANIELA, NAIARA, PAULA e SABELA R.I.) e os 4 pallasos (YAIZA, SABELA R.G., EVA e XOEL)... fantástico show!...


Sen lugar a dúbidas, esta actividade, e sobre todo os personaxes da nosa actuación, estiveron presentes ao longo de diversos momentos do curso, e que mellor xeito que deixar unha pegada se cabe máis permanente e visible no tempo que na nosa aportación a “Ondiñas veñen”.
O deseño das dúas cariñas asignadas para o noso grupo resultou doada: composición de rimas que propiciou un sempre gozoso encontro co mundo da creación literaria e coa lecto-escritura aderezadas dunhas fotografías nas que subidos no banco da asemblea adoptamos posturas case case imposibles co noso corpo: acochados, á pata coxa, saltando...
O resultado?... A piques chegará en formato de revista ás vosas casas, pero para os máis impacientes... velaí vai a primicía mundial da nosa primeira achega a “Ondiñas veñen”... CiRcUs CiRcUs!!



Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: