Como
pasa o tempo!... Parece que foi onte cando comezabamos de novo o cole e xa
rematamos o primeiro trimestre de 4 anos...
Esta
semana ultimamos os derradeiros detalles da postal coa que participaremos no
concurso organizado a nivel de centro. Se a nosa creación resulta gañadora,
será a escollida para felicitar estas festas a todos os membros da comunidade
educativa... case nada!
Indubidablemente,
estes días festivos convertíronse, un ano máis, no momento ideal para montar na
casa a decoración típica onde a árbore segue
sendo indiscutiblemente o referente básico. Así pois, quen máis e quen menos
puxo a árbore de Nadal con bolas, luces e cintas, moitas moitas cintas...
Pois...
que mellor que recrear unha árbore de Nadal na nosa postal?...
Para
non complicarnos dabondo, partimos dun modelo dado no que en asemblea axiña
identificamos o triángulo e o rectángulo. As cores estaban case definidas: verde
clara ou escura para o triángulo, e marrón para o rectángulo.
Xa logo,
debiamos picar ao xeito e sen présas polo contorno da árbore, prestando especial
atención ás zonas delimitadas para tal efecto.
Parecía doado, pero as présas son as nosas peores inimigas e máis dun comezou de novo a súa postal... así non vale!
A medida
que acababamos de picar a árbore, eliximos cartolina azul. Había ata 4 azuis
distintos: clara, celeste, cyan e mariña.
Xa logo,
gomet dourado con forma de estrela na parte máis alta da árbore e co dedo
impregnado en témpera de cor vermella, as bolas...
Finalmente, démoslle o noso toque persoal: gomets prateados con forma de estrela espallados ao chou, e no chan... purpurina!, canto nos gusta!...
E para
rematar, e como toda postal leva sempre unha mensaxe, escribimos un texto
sinxelo que nos permite un achegamento á lecto-escritura partindo de situacións
reais e contextualizadas.
No edificio dos maiores, das 26 postais unicamente puxemos 4, unha de cada cor. Nembargantes, non hai de que preocuparse, na última semana de trimestre, todos levaremos a postal coa que adornar, agora si de verdade, a nosa árbore de Nadal.
Do mesmo xeito, durante estes días lemos un dos contos que non podía faltar: Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis (Edit. Kalandraka).
Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis (Edit. Kalandraka) |
Tamén
nas asembleas, deixamos claro que o que máis nos gusta do Nadal é a visita de
Papá Noel e das SS.MM. os Reis Magos de Oriente. Uf!... canta cousa!... Pois ben, a partir da historia de Marcel e
Tristán que conta: Un agasallo diferente
(Edit. Kalandraka), aprendemos a valorar as pequenas cousas que nos rodean,
comprobando como un anaco de tea pode converterse naquilo que desexemos...
basta con deixar voar a imaxinación!
Un agasallo diferente (Edit. Kalandraka) |
Ah!, e aos poucos, seguimos avanzando nos ensaios para o
Festival de Nadal que terá lugar o martes 20 de decembro a partir das 10:00h. Unicamente
quedan algúns detalliños e “marear” un chisquiño ás familias coas excentricidades do profe para que a actuación esté á altura dun Gran Musical... lograrémolo?... Unha mágoa
que non estedes convidadas, familias!...
Con
estas e outras actividades descubrimos, coñecemos e valoramos os elementos
representativos do Nadal, observando as modificacións que se suceden no
contorno cotiá. Canto deu de si o acendido do alumbrado de Lugo e a festa que se
organizou detrás da praza do concello... todo un acontecemento para CARLOTA,
HÉCTOR, PABLO, ÁLEX & GAEL, ANTÓN...!!
E xa
para a vindeira semana, o colofón final a todo este ambiente cargado de
mancheas de emocións, quilos de sorpresas e toneladas concentradas de ilusións
compartidas onde as nosas familias aprenderán a crer nos Reis Magos, porque... os Reis Magos existen!, existen no corazón
de cada un dos que cren neles!...
Un saúdo
e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
Ohhhh deus! estou desexando que chegue ésta semana e peitear a Esteban con raia o lado e gomina...eso vai ser a caña! jeje. Por outro lado teño que agradecer que te preocupes tanto dos enanitos e impliques os papis para solucionar un problema que chegaría a ser unha penitencia para quen o sufre e que nós, os pais, descoñeciamos, é mui de agradecer xa que nós fomos testemuñas de nenos que deixaron o cole polo mismo problema pero xa mui agrabado e o alivio que ese neno sentiu o verse en un entorno mais amable, eu quero un cole donde todos os nenos sexan iguais e felices e si hai un problema atallalo inmediatamente...asi que felucitote pola capacidade de reaccion e por non esperar solucios impostas. Trasmites muita tranquilidade, gracias.
Publicar un comentario