Con aires
e enerxías renovadas tras as vacacións, a semana pasada asistimos ás
actividades organizadas e desenvoltas polos responsables da aula de Educación
Artística da Facultade de Maxisterio.
Sabedores
máis que nunca de que a linguaxe artística xoga un papel indiscutible en
Educación Infantil, participamos activamente en 4 obradoiros cuxo obxectivo foi
achegarnos ao uso de material non estruturado como fonte de gozo e coñecemento.
Esta nova
incursión na aula de plástica non resultou algo novo para nós, pois ademais das
actividades desenvoltas o curso pasado, xa en decembro deste mesmo curso,
participamos en sendos obradoiros cos que seguimos achegándonos ás múltiples
posiblidades das linguaxes artísticas... fascinante!
En
primeiro lugar, organizados en pequeno-grupo, dispuxémonos en distintos espazos
da aula de plástica onde os estudantes de Maxisterio -con paciencia- nos
explicaron en que consistía cada actividade. Tocaba poñerse mans á obra... non
había tempo que perder!
Así pois,
organizados en 4 grupos de traballo, manipulamos os materiais dispostos para
tal efecto en cada posta de actividade.
Comezamos
construíndo cunhas pezas de madeira nas que tiñamos que ensartar uns paus nos
ocos correspondentes para que a estrutura se mantivese en pé, tivese volume... uf, máis complicado do que semellaba!
Xa logo,
noutro espazo, a actividade centrouse na manipulación, clasificación,
seriación, ordenación... dunhas pezas de madeira que, segundo nos contaron,
eran restos dunha carpintaría; proba irrefutable de que calquera obxecto
susceptible de exploración, convértese nun excelente material ao servizo da
aprendizaxe... fantástico!
Noutro
dos espazos dispostos, con materiais de sobra coñecidos para nós, recreamos
unha rúa, un pobo, mesmo nalgún caso, unha cidade; construíndo casas, edificios
e pisos, aliñándoos e trazando estradas e beirarrúas como na vida real...
estupendo!
Quizais
este resultou o espazo de actividade máis caótico/desorganizado, a nosa ansia
por interaccionar coas pezas de construción impedía ter un mínimo de
organización, calma... hai que compartir!
E para
rematar... quedaba a que foi a actividade que máis expectación levantou. Así, a
partir dunhas estruturas e tubos de cartón, deseñamos uns percorridos nos que
facer rodar unha bóla, tentando que non caese ata chegar ao final... canto
rimos!
Unha vez
máis, e grazas a este ambiente tan propicio para a estimulación da imaxinación
e creatividade, observamos, identificamos, coñecemos e diferenciamos
propiedades e calidades de obxectos cotiás, decatándonos que hai... arte por todas partes!
E
agora?... Pois en nada comezamos o sprint
final do curso cunha morea de actividades que nos servirán como alicerce para
despedir como ben se merece a MUNELA e dar a benvida por todo o alto a
MUNÍBAL... será unha fin de curso espectacular!...
Un
saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario