Co gallo
da celebración da Semana das Letras Galegas 2019, esta semana recibimos a
visita dunha banda de música tradicional que nos achegou ás posibilidades que
ofrece o folklore popular propio da comunidade.
Indubidablemente
a música, constitúe unha forma peculiar de comunicar aspectos da vida cotiá; de
aí que, debido á riqueza dos medios que utiliza, á sinxeleza das técnicas que
emprega e á variedade de soportes sobre os que traballa, convertan esta materia
nun compoñente indispensable na nosa clase.
Así pois,
semanalmente recibimos unha sesión de Educación Musical que corre a cargo de COSME,
o profe de Música, que cada xoves nos pon en contacto coa arte e as expresións
musicais de todos os tempos e culturas.
Ao tempo,
na nosa parrilla de clase, faise importante que cantemos, que gocemos das
cancións; e boa proba disto é o repertorio que empregamos a modo de rito no establecemento
dalgunhas rutinas cotiás: a canción dos bos días, dos días da semana, dos meses
do ano, do silencio...
Pois ben,
expectantes pola visita e tras formular hipóteses sobre quen se podería tratar,
logo do patio acudimos ao salón de usos múltiples para ver quen se agochaba
detrás das cortinas do escenario sobre o que o curso pasado sacaramos a foto de
grupo que preside a porta da nosa aula... que memoria!
Tratábase
dun gaiteiro acompañado da súa banda: dous homes e unha muller... fantástico!
Cada membro
da banda ía ataviado coa indumentaria propia do traxe tradicional galego e cos
instrumentos musicais que dominaban en cada caso: gaita, tamboril, bombo e
pandeireta.
De xeito
interactivo e organizado, descubrimos e identificamos algunhas características
destes instrumentos musicais: familia á que pertencen, tipo de sons que emiten,
partes e elementos... non sabíamos que a gaita “despedazada”... tamén soa!
Esta
actividade, ao tempo permitiunos desenvolver a discriminación
auditiva, a observación, a expresión e a representación musical, valorar e
respectar a música tradicional... case nada!
E para
rematar,... que mellor que xuntar música e movemento?... Bailamos e cantamos as
cancións interpretadas, dende as cancións populares, as cancións de toda a vida
como “A saia de Carolina”, ata as
máis actuais que pedimos unha e outra vez a modo de despedida... que ben o
pasamos!
Resultou un
día ben divertido, un día de festa que marca no calendario o sprint final deste curso que entra xa na
recta final... preparados?
Un saúdo
e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario