Bienvenido

UN POKÉMON POLA PAZ...

viernes, 1 de febrero de 2013

Se a PAZ é un soño, os nenos e nenas de 4 ANOS B soñarán toda a vida... Esta é unha das conclusións á que chegamos ao longo desta semana tras as conversas suscitadas pola actividade conmemorativa que celebramos o mércores no noso centro: o Día da Paz.
Así pois, durante estes días, estivemos traballando aspectos vencellados coa Educación para a Paz, nembargantes, os contidos propios desta data do calendario son traballados en distintos momentos da xornada escolar durante todo o curso.
Sen ir máis lonxe, o momento da asemblea posibilita o traballo desta temática no momento en que día a día progresamos na escoita atenta ao resto de compañeiros e compañeiras, a saber respectar a súa opinión, e, sobre todo, en levantar a man antes de falar, normas básicas de convivencia e relación social que non podedes imaxinar o que nos custa acatar.
Do mesmo xeito, traballamos elementos relacionados con esta temática cando a principio de curso entre todos e todas consensuamos e establecemos as normas que rexerán a vida da aula ou cando o profe nos fai que vexamos formas pacíficas e máis aceptadas socialmente para resolver os conflitos que día a día se suceden nas nosas vidas cotiás.
Comezamos a semana coa lectura do conto Negros y blancos (Edit. Anaya) na que se narra a historia duns elefantes que debido á súa cor distinta emprenden unha batalla encarnizada na que todos os elefantes -negros e brancos- acaban mal, moooi mal parados...


Esta historia serviunos como alicerce de reflexión para as asembleas matinais, as cales, unha vez máis se convertiron nun recurso excepcional para chegar ao centro deste concepto que tantas veces se escoita nos medios de comunicación.
Día a día, os nosos faladoiros eran máis ricos e froitíferos: torbeliños de ideas previa man levantada (esta semana facíase algo indispensable), relacionamos o concepto de Paz con conceptos e accións tales como: “non pegar”, “recoller”, “facer ben a ficha”... chegando entre todos e todas moi acertadamente á conclusión de que a Paz é algo máis que a ausencia de guerra.
Asemade, participamos nunha das actividades propostas a nivel de centro, decorando o noso símbolo da Paz.
Este curso, decideuse ir máis alá da archi-manida pomba da Paz, e traballamos o símbolo creado polo diseñador británico Gerald Holtom no ano 1958.
Xa que a gran maioría asocia como case único e exclusivo símbolo da Paz a pomba branca coa ramiña de olivo no seu pico, pareceunos unha boa idea picar e cubrir de pequenas pombas o noso símbolo da Paz sobre fondo azul celeste.


SE A PAZ É UN SOÑO,
OS NENOS E NENAS DE 4 ANOS B SOÑARÁN TODA A VIDA...

Para rematar, e xa o mércores, o “Día da Paz”, escribimos con tino, o lema traballado os días previos e que nos serviría como elemento identificativo no acto que organizado polo Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares para despois da hora do patio.
Unha a unha foron saíndo todas as aulas do cole, presentándonos o seu símbolo e recitando o seu lema polo micrófono.
Os representantes da nosa clase nesta ocasión foron: Mencía e Rodrigo, a parella que máis alto falaba e a parella que nos deu a súa palabra de honra de que non lles daría vergoña falar polo micrófono diante do resto de nenos e nenas do cole.
E para rematar este acto... descubrimos un novo mural pola Paz e movimos o esquelete! Este curso, Moving de Macaco, pero como o inglés todavía é demasiado para nós, preparamos, baile incluído, a nosa canción particular pola Paz...


Ademais, da pomba da Paz e do símbolo creado por Gerald Holtom, tamén coñecimos o... Pokémon da Paz?... un rediseño actualizado do símbolo da paz presentado pola Organización das Nacións Unidas (ONU). 
O resultado deste rediseño é Peacychard, unha simpática criatura que preside o corredor do noso pavillón e nos ensina coas súas tolas aventuras animadas que hai que dalo todo para lograr a Paz.


Sen lugar a dúbidas, o “Día da Paz” propiciou un cúmulo de experiencias que favoreceron a construción de novas aprendizaxes e coñecementos, velaí van algúns dos nosos debuxos onde non podían faltar... as pombas da Paz!


E para a vindeira semana... o cole encherase de súperheroes e princesas de conto... Agardamos que teñades disfraz listo e preparado porque... xa está aquí o Antroido!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

4 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Esta semana co motivo da celebración do Antroido, levaremos a cabo a actividade do préstamo semanal o xoves en lugar do venres.

Este xoves fará de contacontos:

- DANIELA: "¿Quién es Tento?" (Edit. Edelvives)

Anónimo dijo...

o disfraz preparado?? cal deles??? porque é demasiado difícil tomar unha decisión!!

Anónimo dijo...

Profe ricardo,luns e martes hai cole??

Profe J.Ricardo dijo...

Retomaremos as clases o xoves 14 de febreiro.