Siii, a primavera xa está aquí!!, e con ela os días son máis
longos e o sol debera quentar con máis intensidade... xenial!
As modificacións
que se producen na contorna cotiá coa chegada dunha nova estación non pasan
desapercibidas na nosa aula, e como non podía ser doutro xeito, suscitaron
diversas actividades que nos serviron para observar, coñecer e identificar algúns
elementos característicos do inverno e, máis concretamente, da primavera.
Así pois, nas
asembleas matinais, axiña establecemos como elemento representativo da primavera as
flores. Hai flores de case todas as cores, xa que coidamos que as flores de cor
negra están mustias, marchitas, case mortas...
Indubidablemente,
esta conclusión serviunos para lembrar algunhas das necesidades básicas das
plantas que, xa dun xeito máis sistemático, consolidaremos co traballo do libro
de actividades nº6 de MUNELA.
Exacto!... lembramos
que as plantas precisan auga, luz e terra, ao tempo que os coidados precisos dun
xardineiro ou xardineira... fantástico, así si!
Esta e outras conversas, ao tempo, servíronnos para concienciarnos da
importancia de non arrincar as flores e/ou plantas do contorno físico e natural
próximo, de non pisar as zonas axardinadas da nosa cidade, as hortas...
coidado, hai que mirar onde pisamos!
Neste senso, e como vén sendo decote neste 2º e 3º trimestre, esta semana tivemos
a visita da “profe do horto” que, por si quedara algunha dúbida, concienciounos
se cabe aínda máis da necesidade de coidar as plantas da contorna, incidindo no
traballo transversal da Educación Ambiental.
Nestas sesións quincenais de horto, subdivididos en dous grupos cando as
condicións meteorolóxicas o permiten, acudimos á horta establecida nun lateral
do patio dos maiores para realizar, do mesmo xeito que o curso pasado,
diferentes plantacións que recolleremos no mes de xuño.
E para rematar, mentres escoitabamos a Primavera
de Vivaldi, que mellor que recrear cadansúa primavera nuns debuxos con bolboretas,
abellas, árbores, paxaros, soles, nubes, arco da vella e, sobre todo... flores,
moitas flores!... Bonito, bonito, quedou o corcho do corredor vestido de
primavera...
Un saúdo e
non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario