Esta semana, puxemos
o colofón final á Semana das Letras Galegas 2019 participando nas actividades
propostas a nivel de centro.
O mes de maio
celébrase o Día das Letras Galegas para homenaxear a escritores e escritoras
que escribiron en galego e defenderon o noso idioma. Este curso homenaxeamos a Antón
Fraguas Fraguas.
Así pois, comezamos
realizando achegas a algúns detalles da vida e obra deste autor nado en
Cotobade o 28 de decembro de 1905. Estudou no instituto de Pontevedra, co
profesor Castelao, e empezou alí a facer un dicionario en galego con outros
compañeiros. Xa logo, foi mestre onde gustaba de facer excursións cos seus
alumnos e alumnas e mesmo deu clase aos rapaces e rapazas daquel tempo no IES Lucus Augusti, sito onda o noso
centro.
Ao tempo de todos
estes descubrimentos e pescudas, o xoves, véspera do Día das Letras Galegas,
adicamos a xornada a mergullarnos de cheo no significado desta conmemoración
desenvolvendo varias actividades impresas nas que traballamos a figura de Antón
Fraguas Fraguas.
Dende a asemblea
matinal, sabiamos que esta sería unha xornada diferente, pois logo do momento
da merenda e do patio asistiriamos ao ximnasio ao acto organizado a nivel de
centro, non había tempo que perder...
En primeiro
lugar, compuxemos un crebacabezas de 4 pezas que, previamente recortamos seguindo
a demarcación establecida. Parecía doado, pero o certo é que a parte do rabo da
vaca era complicada dabondo...
Xa logo, debuxamos
e coloreamos de cor vermella, rosa e/ou violeta/lila moreas de corazóns que ofrecían
unha estupenda visión de conxunto a unha actividade impresa na que, en forma de
marcapáxinas, coñeciamos máis curiosidades da vida e obra de Antón Fraguas
Fraguas.
Posteriormente, tras
a merenda, asistimos expectantes ao ximnasio onde os máis maiores do cole,
interpretaron poemas e cancións como mostra da riqueza do noso folklore
popular... parabéns!
Houbo de todo e
para todos os gustos, un acto no que a máis dun lle houbese gustado participar,
o curso que vén, ao converternos nos súper-maiores do mandilón, será a nosa
quenda... fantástico!
E para rematar...
que mellor que movernos ao son da música e celebrar todos xuntos un dos días
grandes da nosa comunidade autónoma: o Día das Letras Galegas 2019.
Un saúdo e non
esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
Fantástico que a estas alturas do curso traballen así.
Publicar un comentario