Bienvenido

E COMO ACTIVIDADES DE PECHE...

jueves, 21 de diciembre de 2017

Esta derradeira semana de trimestre repasamos, lembramos e consolidamos algunhas das aprendizaxes desenvoltas durante todo este tempo a partir dos caderniños de MUNA e das actividades impresas individuais.
Así, xa no inicio de semana, clasificamos e preparamos os traballos elaborados. Neste senso, como gran acontecemento que se prece, marcamos no calendario disposto no panel de rutinas o xoves 21 de decembro con rotulador fluorescente de cor amarela, realizando a conta atrás para o día no que poderiamos ensinar todos os traballos á nosa familia... estupendo!
Durante este trimestre, da man de MUNA, PABLO e BERTA, iniciámonos no uso de distintos materiais de traballo cotiá: ceras plásticas, rotuladores, gomets, témpera e pincel, cadernos de traballo... parece doado, pero unha vez postos..., segue custando acatar o establecido... non todo vale!
Expectantes, ao tempo que recibiamos os cadernos de MUNA para meter na carpeta “grande”, revisamos en gran grupo e de maneira individual algunhas das actividades máis emblemáticas: a cama de MUNA, a visita de PABLO e BERTA ao médico, as “carreteras” -trazos-: verticais, horizontais, diagonais e combinados... aprendemos a coller de xeito máis ou menos correcto a cera e/ou rotulador, a rodear, tachar e colorear con máis ou menos tino, pegar gomets sen desesperar,... non todo é tan doado como parece...


Por enriba de todas estas técnicas instrumentais básicas nas que seguiremos incidindo no vindeiro trimestre, coidamos que, en xeral, cada vez nos amosamos máis preocupados polo traballo propio, despreocupándonos do alleo, esforzándonos, na medida das nosas posibilidades, na realización correcta da tarefa, sen molestar aos demais, respectando e valorando o traballo cotiá... especialmente sobre estas e outras actitudes, insistiremos na volta de vacacións, seguro que xuntos o conseguimos...
Asemade, co gallo do “Festival de Nadal” que tivo lugar hoxe xoves no ximnasio onde desenvolvemos Psicomotricidade; preparamos, memorizamos e mimamos a canción elixida polo profe de Música titulada: “O grilo e a rá”. Tratáse dunha peza propia do folclore popular galego que nos serviu para interaccionar en cadansúa estrofa coa clase de 3 ANOS B... un pracer, profe Ana!... nos fomos os grilos!...


Ao tempo, a nosa aula foi un espazo no que máis que nunca, houbo tempo para as asembleas que xiraron fundamentalmente en torno ao Nadal, para a lectura de contos propios e aportados polo grupo, tempo de xogo libre e/ou semidirixido nos rincóns... siii, resultou o mellor colofón a este trimestre!


Tras todas estas actividades e experiencias, por fin, por fin chegaron as tan merecidas e ansiadas vacacións de Nadal, serán días para disfrutar coa familia, de contaxiarnos co ambiente de Nadal da nosa cidade... días para repoñer forzas, romper coa rutina e así recibir o 2º trimestre con máis enerxía que nunca, agárdannos novos retos, agora xa si de maiores, que nos axudarán a comprender un chisquiño máis o noso pequeno-gran mundo... preparados!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Jose dijo...

moitas gracias por facernos partícipes do decorrer na aula, lástima dese video da ra e o grilo, había estar simpático...