Siii, esta semana comezamos de novo o cole, un 2º trimestre
que, como vos adiantabamos, vén cargado de fantásticas sorpresas... estupendo!
Así pois, unha
das primeiras novidades aconteceu xa na asemblea matinal de primeira hora da
mañá, non sen antes falar de todos os agasallos cos que gozamos este Nadal. Houbo
de todo e para todos os gustos, ata un microondas para cociñar!... que
afortunados!
Xa logo, máis
tranquilos, descubrimos o calendario 2018 no que identificaremos o día no que
nos atopamos e así facer o rexistro da data completa no encerado... estamos no ano
2018!
Tamén puxemos na
ruleta o pictograma do inverno, unha estación que comezamos a traballar esta
mesma semana e da que vos daremos boa conta proximamente... agora si vai frío!
Agora ben, sen
lugar a dúbidas unha das novidades estrela foi o recitado e escrita das letras
do abecedario. Cos ollos e orellas máis abertas que nunca, e coa boca non
pechada, senón pechadísima, descubrimos que lonxe das 5 vogais que traballamos
e identificamos nos nosos nomes e noutras palabras significativas xa durante o
1º trimestre, existen outras moitas letras que axiña recoñeceremos e que nos
permitirán desenvolver un senfín de interesantes actividades.
Neste senso, son
diversas as actividades e rutinas cotiás
nas que se presentan situacións excepcionais nas que o uso, case
sistemático da lectura e escrita, faise de obrigado cumprimento.
Así pois, nas
asembleas matinais realizamos o fichaxe de ausencias e presenzas -identificando o nome dos compañeiros e
compañeiras ausentes-, escribimos a data e o nome do súper-encargado no encerado, ollamos os días da semana de PIPO, os
meses do ano no tren dos aniversarios, todos os rótulos das gabetas, rincóns e
armarios...
Indubidablemente
a nosa aula convértese nun verdadeiro entorno receptor alfabético, onde a
lecto-escritura é un contido máis que construímos e reconstruímos a partir
dunha visión construtivista da aprendizaxe escolar.
Asemade, son
moitos os contos que traemos ilusionados cada mañá, ás veces desesperamos
porque non chega a nosa quenda, pero paciencia, ao final todos se len...
Sabedores das
posibilidades da lectura de contos para a creación dun clima de diversión e
festa que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe, estes días relimos
Un agasallo diferente (Edit.
Kalandraka), non podía ser doutro xeito nesta data!...
Grazas á historia
de Marcel e Tristán, ollamos como calquera obxecto cotiá pode servir de
elemento de xogo, tentando xerar actitudes de consumo responsable e de espírito
crítico, especialmente nunhas datas tan consumistas como as de Nadal.
Lembramos,
mimamos e dramatizamos o babeiro, o pucho para a cabeza, a vela do barco, o
protector de oídos, o pano de despedida...
e, por suposto, o paracaídas, sen lugar
a dúbidas o mellor uso de todos os posibles...
Isto, acompañados
da canción de La marcha de las letras
de Miliki e Paz Padilla, supuxo o mellor deste 2º trimestre que promete ser... xenial!
Un saúdo e
non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario