Hoxe,
venres 1 de decembro, incorporamos unha rutina á asemblea matinal aproveitando
a chegada do Nadal... o “Calendario de Adviento”!
Deste
xeito, pechamos a semana da mellor das maneiras posibles, pois logo da asemblea
matinal que, como cada venres corre a cargo da profe Verónica, descubrimos unha
das novidades que suscitará variadas conversas sobre o Nadal.
Así
pois, un dos primeiros faladoiros arredor do Nadal, foi a decoración que axiña cadaquén
puxo na súa casa: árbores, bonecos de neve, estrelas “brillantes”..., pero
sobre todo luces, moooitas moitas luces:
brancas, azuis, de “colorines”... estupendo!
Neste
senso, durante o que resta de trimestre, ademais de poñer o punto e final a
actividades varias que servirán de colofón a este 1º trimestre, descubriremos,
identificaremos e valoraremos o Nadal como feito relevante próximo á nosa vida
cotiá. Para isto, partiremos de elementos motivadores como cancións, contos,
diferentes personaxes de tradición popular (Reis Magos, Papá Noel, Apalpador,
achegándonos a outros menos significativos que traballaremos especialmente en 4-5
anos: Olentzero, Tió de Nadal ou a Bruxa Befana de Italia), respectando e valorando,
en todo caso, a diversidade como elemento positivo e enriquecedor da nosa aula
e da persoa humana.
Porén,
o “Calendario de Adviento” relacionarémolo coa inminente chegada das vacacións
de Nadal nas que por fin, levaremos para a casa todos os traballos realizados
durante o trimestre... case listos e preparados!
Cada
mañá, o súper-encargado/a, logo de
escribir a data e constatala nos paneis dispostos para tal fin, abre a porta do
día no que nos atopamos para descubrir que debuxo se agocha na chocolatina... mmm, deliciosa!...
Xa o
luns, aproveitamos tanta novidade para incorporar sendos gorros de Papá Noel a
modo de elemento distintivo non só para o súper-encargado,
senón tamén para o “axudante” elixido ao azar que, -con gorro de Papá Noel
incorporado-, colaborará no desenvolvemento desta rutina que tanta expectación
levantou.
Sen
dúbida, a introdución desta rutina, proporciona un cúmulo de experiencias que
non deixamos escapar, realizando actividades de lóxica-matemática como contar,
iniciación á suma e á resta, identificación e trazo de números…
No
noso “Calendario de Adviento”, aparece Papá Noel. Como non podía ser doutro
xeito, tamén aparecen os seus compañeiros fieis: os renos.
Sabiades
como se chama o reno que sempre sempre vai de primeiro?... Chámase Rodolfo, un
reno do que o resto se ría ata o momento en que Papá Noel o converte no seu principal
axudante... nooon, chámase Rudolph!!
Agora
si que si, comezamos unhas semanas cargadas de sorpresas e de ilusións
compartidas: rematamos o noso primeiro trimestre, celebraremos os derradeiros
aniversarios -BELTRÁN, NABIA, VALERIA, ALICIA e SIRA..., xa vos queda menos!-, a
chegada de Papá Noel e das SS.MM. os Reis Magos de Oriente,... e un senfín de
cousas máis coas que dalgún modo, os maiores voltan ser de novo un chisquiño
máis nenos...
E todo
isto levarémolo moito mellor con toneladas de purpurina concentrada de todas as
cores... canto brillo!, como nos gusta!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario