Esta semana puxemos o colofón final a uns días de
intenso traballo que nos serviron para redescubrir os cambios que trae consigo o
outono.
Así pois, se nos mergullabamos na celebración de Halloween-Samaín da man da pantasma
Enrique, nesta ocasión, as castañas e as follas serviron de alicerce para
descubrir e coñecer algunhas características que se producen no contorno e na
vida das persoas co outono.
Unha vez máis, as asembleas matinais convertéronse no
aliado fantástico co que pescudar os nosos coñecementos previos, deixando en
evidencia algunhas das nosas necesidades de aprendizaxe. Todos e todas temos
claro, clarísimo, que o elemento característico do outono por excelencia son as
follas, agora ben, non tiñamos tan claro que as follas no outono ademais de cor
marrón poden ser amarelas, vermellas, laranxas e mesmo verdes, si, si,...
verdes tamén!
Ao tempo, identificamos outros elementos
característicos do outono no contorno natural: animais como o esquío ou o caracol,
indumentaria propia como as katiuskas e os chuvasqueiros e mesmo froitos secos
como as castañas e as saborosas noces que moitos apañamos cando saímos ao
patio... mmm, deliciosas!
Do mesmo xeito, no referido ao contorno social, a
chegada do outono serviunos para prestar atención aos cambios que se producen
tamén na vida das persoas. Agora xa, os días son máis curtos, chove a miúdo,
vai vento e frío... polo que as actividades cotiás non son as mesmas que no
verán, temos que abrigarnos coas prendas axeitadas, botar man do paraugas...,
todo isto verificámolo cando saímos ao patio e comezan a aparecer os primeiros
gorros, bufandas e luvas, pero... estamos en inverno ou outono?...
Inevitable, todos estes coñecementos e aprendizaxes
tiveron cabida na proposta de diferentes actividades impresas cuxo eixo
motivador foi o outono. Coloreamos follas de outono de marrón, amarela, vermella,
laranxa, verde...
Cos resultados, logo de destroquelar nós mesmos as
follas, creamos en primeiro lugar unha tartaruga cunha folla a modo de
caparazón...
... e mesmo unha bolboreta voando entre follas do
outono, escribindo “OUTONO” de maneira real e contextualizada en cada
actividade impresa.
Tamén houbo tempo para o debuxo libre logo do momento
do traballo obrigatorio no que debuxamos elementos propios do outono: caracois,
árbores, cogomelos e follas, moitas, moitas follas...
E para rematar estes días nos que de xeito ameno e
divertido coñecemos un chisquiño máis sobre o outono, que mellor que cantar,
dramatizar e mimar a canción que compuxo a profe Marta, porque... “... hoxe o outono, chega á ANEXA”.
Un saúdo e non
esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario