A
expresión musical, xoga un papel indiscutible en Educación Infantil, constituíndo
unha das linguaxes con maiores posibilidades de expresión que potencia o
desenvolvemento da comunicación non verbal e contribúe á consecución dos
obxectivos xerais de etapa e das competencias básicas establecidas pola UNESCO,
especialmente, a competencia cultural e artística.
A música,
constitúe unha forma peculiar de comunicar aspectos da vida cotiá; de aí que,
debido á riqueza dos medios que utiliza, á sinxeleza das técnicas que emprega e
á variedade de soportes sobre os que traballa, convertan a esta materia nun
compoñente indispensable na nosa clase.
Así pois,
semanalmente recibimos unha sesión de Educación Musical que corre a cargo de COSME,
o profe de Música que cada martes nos trae divertidas cancións que nos achegan
ao folclore popular: cancións populares, modernas, didácticas..., poñéndonos en
contacto coa arte e as expresións musicais de todos os tempos e culturas.
Neste senso,
as cancións, dadas as súas características, converteranse na principal
actividade e recurso musical, desenvolvendo a observación, a expresión e a
representación musical.
Faise importante
que cantemos, que gocemos das cancións; e boa proba disto é o repertorio que
empregamos a modo de rito no establecemento dalgunhas rutinas cotiás. Temos a
canción dos bos días, dos días da semana, dos meses do ano, do silencio... e
mesmo unha canción en inglés! Con estas e outras estratexias expresamos aquilo
que, quizais, non seriamos capaces de dicir falando, xa case non queda vergoña...
Asemade, outro
elemento representativo destas sesións, é a manipulación do conxunto
instrumental escolar a través do que descubrimos e identificamos algunhas
das súas características: familia á que pertencen, tipo de sons que emiten,
partes e elementos... Uf!... na aula
de Música si que hai instrumentos musicais... fantástico!
Con
estas e outras actividades desenvolvemos a discriminación
auditiva, recoñecemos diferentes instrumentos musicais, valoramos e respectamos
a música como medio de comunicación e expresión... case nada!
Unha
vez máis, lembrar que aquí tampouco vale todo, e unha actitude que debe primar nestas
sesións é a valoración e respecto no uso coidado de cada instrumento musical. Non
se poden tocar de calquera xeito... nooon!,
faise amodo, prestando atención a cada ritmo e compás... con paciencia!
E para
rematar,... que mellor que xuntar música e movemento?...
Achégase
o Nadal, e como elemento representativo traballamos a escoita de diferentes
panxoliñas, coidando e mimando especialmente a da cantante galega Lucía Pérez. “A Festa do Belén”, trátase dunha
panxoliña en galego, cun retrouso pegadizo que fai que a súa letra e melodía converta
a nosa aula nunha auténtica festa... que ben o pasamos!
Un saúdo
e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
2 comentarios:
Fenomenal que poidan desfrutar da música na clase e poder ter de cerca, palpar e incluso tocar diversos instrumentos. A música é cultura.
Vai ser certo que a música amansa as fieras
Publicar un comentario