Durante
estas semanas na nosa clase esgotamos as actividades impresas finais a modo de
reforzo e/ou consolidación dependendo de cada caso, mergullándonos de cheo no
Nadal... non paramos!...
O certo
é que a rutina do “Calendario de Adviento”, sen decatarnos, foi marcando a conta
atrás para o que suporía o remate do 1º trimestre. Nesta segunda quenda foron
ÁLVARO, LOGAN A., PABLO A., ANXO, LUCÍA, GAEL e NABIA os afortunados en achegarnos
un chisquiño máis ao Nadal... delicioso!
Asemade,
os contos unha vez máis posibilitaron que nos contaxiaramos deste ambiente de
festa que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe; ler ten que ser un
tempo de pracer, diversión e disfrute.
Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis
(Edit. Kalandraka), supuxo o alicerce excepcional no que asentar as nosas
primeiras conversas sobre os agasallos que ansiosos agardamos este Nadal:
... bonecas de última xeración, clásicos como Peppa
Pig, Ben & Holly ou a
Patrulla Canina, e mesmo un Dron e unha barbacoa... todo tan sofisticado!
Por outra
banda, ao tempo que rematabamos os caderniños de MUNA, ilusionados e cun plus de motivación extra, elaboramos
diferentes elementos representativos co gallo desta época do ano.
Decoramos
un Papa Nöel troquelado: pintamos a cara con cera plástica de cor carne, o
gorro con pincel e témpera de cor vermella, botamos purpurina de cor vermella e
pegamos muselina de cor branca para a barba... ho ho ho!
Tamén
pintamos un corazón de cor vermella no que recreamos unha improvisada árbore de
Nadal de cor verde, á que lle pegamos gomets circulares prateados a modo de
bólas e estrelas douradas no seu contorno...
Presidida por un enorme BALTASAR, bonita, bonita, quedou a porta da nosa aula vestida de Nadal... foi o complemento perfecto a un corredor máxico no que se miraba en cada porta un Rei Mago diferente... canta ilusión concentrada!
E que
mellor que aderezar estas actividades que a través da escoita activa de
panxoliñas e do visionado de fragmentos dos nosos personaxes de ficción favoritos
cos que descubrir un Nadal diferente. Deste xeito, iniciámonos na valoración e
respecto da diversidade social e cultural como un elemento positivo e
enriquecedor da persoa humana...
Agora xa, na derradeira semana de trimestre, toca voltar a vista atrás e repasar todo o vivido durante este 1º trimestre de 3 ANOS, nos que sen darnos conta, a tarta de 3 anos... quedou baleira!... que rápido pasa o tempo!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario